venres, 27 de febreiro de 2026

APADRIÑAMENTOS LECTORES DE FEBREIRO

 Na Agrobiblio seguimos fomentando momentos de lectura compartida entre o alumnado do centro. A partir de agora, os apadriñamentos lectores realizaranse o último venres de cada mes, un encontro no que o alumnado maior acompaña ao máis pequeno para ler xuntos, descubrir historias e gozar dos libros.

E como xa estamos a finais de febreiro… toca volver aos apadriñamentos lectores. Unha nova oportunidade para compartir contos, aprender uns dos outros e seguir facendo da lectura unha experiencia especial.

Porque na nosa biblioteca, as historias viaxan de lector en lector

PREME NA IMAXE



luns, 23 de febreiro de 2026

CANCIÓN:ROSALÍA ESTRELA NO CEO

 Con motivo do Día de Rosalía de Castro, na biblioteca quixemos relacionar a súa figura co noso proxecto anual, Agronautas en órbita. Na súa poesía aparecen con frecuencia a noite, o ceo, a lúa ou as estrelas, elementos que tamén nos conectan coa idea de explorar e descubrir o universo.

Para esta ocasión creamos unha pequena canción titulada “Rosalía, estrela no ceo”, inspirada na súa vida e na súa obra. A través dela lembramos que Rosalía non viaxou en foguete nin falou de galaxias, pero si explorou outro universo: o das emocións e o das palabras.

Do mesmo xeito que os nosos Agronautas miran ao ceo para descubrir planetas e estrelas, Rosalía mirábao para atopar inspiración e transformar sentimentos en poesía. Así, entre versos e estrelas, seguimos descubrindo que a literatura tamén pode ser unha maneira de viaxar moi lonxe.



Rosalía e o noso Universo lector

 Na poesía de Rosalía de Castro aparecen moitas veces a noite, o ceo, a lúa e as estrelas.

Ela non falaba de foguetes nin de galaxias, pero si exploraba outro universo: o das emocións.

Se nós somos Agronautas que viaxamos polo espazo, Rosalía foi unha viaxeira da alma.

Para Rosalía, as estrelas eran pequenas luces na escuridade, coma versos que iluminan cando todo parece escuro.

A lúa acompañaba a soidade, escoitaba os pensamentos e gardaba segredos no silencio da noite.

O ceo nocturno era un lugar para pensar, lembrar e sentir; un espazo inmenso onde cabían a saudade, o amor e a esperanza.

Nós buscamos estrelas no universo.Ela atopábaas nas palabras.

Nós miramos ao ceo para descubrir planetas. Ela mirábao para escribir poesía.

E así, entre versos e emocións, Rosalía tamén viaxou en órbita… pero coa forza da súa lingua e do seu corazón.


sábado, 21 de febreiro de 2026

Agronautas que innovan en Innov@mes

PREMIOS INNOVAMES 

O pasado venres 20 de febreiro, o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria participou na VI Edición das Xornadas de Innovación de Ames, Innov@mes.

Durante a xornada presentaron dous interesantes proxectos:
5º E.P.: Materiais dos que están feitos os planetas
6º E.P.: O cerebro artificial: a micro:bit

Grazas ao seu traballo, creatividade e esforzo, acadaron o 2º e o 4º premio do certame.

Parabéns a todo o alumnado participante e ás súas mestras polo excelente traballo realizado.






venres, 13 de febreiro de 2026

UN ENTROIDO DOUTRO PLANETA

 No marco do noso proxecto Agronautas en Órbita, este ano o Entroido converteuse nunha auténtica viaxe polo espazo. Desde Infantil ata 6º de Primaria, todo o alumnado desfilou e actuou con disfraces inspirados no universo: lúas, soles, alieníxenas, cohetes, estrelas, o sistema solar, constelacións, astronautas… e mesmo puidemos ver galegos e galegas na Lúa.

O pavillón transformouse nunha pequena galaxia chea de música, baile e ilusión. Foi unha xornada para despegar coa imaxinación e demostrar que no Muíño seguimos orbitando xuntos arredor da creatividade.


PREME NA IMAXE



xoves, 12 de febreiro de 2026

FALADOIRO: Iria e os Xenerais do Ulla

 Hoxe tivemos un faladoiro moi especial da man de Iria, tía de Olver, que veu achegarnos unha das tradicións máis singulares do noso Entroido: os Xenerais do Ulla.

Aprendemos que os Xenerais do Ulla son unha celebración propia da comarca do Ulla, na que os protagonistas percorren as aldeas a cabalo, vestidos con uniformes cheos de cor e protagonizando os tradicionais “atranques”.

Ademais, descubrimos algo moi importante: Iria foi a primeira muller en converterse en Xeneral do Ulla, abrindo camiño nunha tradición con moita historia.

Moitas grazas por compartir connosco esta experiencia e por axudarnos a coñecer e valorar o noso patrimonio.

Grazas pola túa colaboración!

PREME NA IMAXE



mércores, 11 de febreiro de 2026

Cando piden outro conto…

 Continuamos cos Animadores á lectura, que seguen levando as súas historias ás distintas aulas na hora de ler. Nesta ocasión, o alumnado de 1º B estivo moi atento ao conto, escoitando con interese e desfrutando da interpretación e dos monicreques preparados por 6º.

Pero quixeron máis… e pediron outro conto. Os animadores e animadoras non o dubidaron e improvisaron unha nova historia cos elementos que tiñan á man. Foi un momento fantástico que nos encantou a todos e todas.

Así medra a lectura compartida no Muíño.




11 de febreiro: Pequenos científicos celebrando a Muller e a Nena na Ciencia

 O 11 de febreiro, coincidindo co Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, a cativada de 6º de Infantil participou no obradoiro “Pequenos científicos”, organizado polo Concello de Ames.

Nesta actividade achegámonos á figura de Marie Curie, coñecemos os seus descubrimentos sobre a radioactividade e experimentamos coa luz e as cores a través de pinturas fluorescentes.

Unha mañá chea de curiosidade, aprendizaxe e admiración polas mulleres científicas.

Anímate a ver o vídeo e descubrir todo o que fixemos.



Mulleres que iluminan a ciencia

 Con motivo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, na biblioteca Agrobiblio organizamos unha pequena exposición de libros sobre mulleres científicas que cambiaron o mundo.

Un recuncho para descubrir referentes, espertar curiosidade e lembrar que a ciencia tamén é cousa de nenas.

martes, 10 de febreiro de 2026

FALADOIRO: UNHA VANTÁ AO CORAZÓN DE XINZO 2º A

 Unha ventá ao corazón de Xinzo: Grazas, Alberto.

Hoxe a nosa clase non foi unha clase calquera; foi unha viaxe directa ao sentir da Limia. Tivemos a sorte de recibir a Alberto, o noso conserxe, que veu falarnos con todo o entusiasmo do Entroido de Xinzo e das súas maxestosas Pantallas.

Non veu coas mans baleiras. Trouxo consigo o orgullo dun pobo: unha Pantalla terminada e outra que está a restaurar con moito coidado. Ver esas pezas de preto, e mesmo ter a oportunidade de probalas, fíxonos sentir por un momento o peso e a maxia da historia de Xinzo.

Grazas a Alberto, descubrimos que cada Pantalla é unha obra de arte única:

 1. Artesanía pura: Están feitas con papel, cartón e ese sombreiro tan característico, todo pintado a man. Pero non se pode pintar calquera cousa: o seu deseño debe honrar sempre ao universo ou á natureza.

2.Detalles con alma: Aprendemos que a súa capa non é un simple adorno, senón que leva exactamente cinco atados de lazos.

3 O son que manda: As pantallas non golpean; elas avisan. Co son dos seus axouxeres e campás, piden paso cun estrondo que impón respecto, xa que a través da máscara a visibilidade é moi pouca.

4.A lei do Entroido: Se es de Xinzo e non te disfrazas, prepárate! As Pantallas perseguiranche ata que aceptes o teu "castigo": invitalas a tomar algo. Unha forma única de manter viva a festa e a unión entre os veciños.

Para a xente de Xinzo, o Entroido é o verdadeiro calendario. Alí o ano non remata o 31 de decembro; o sentimento dura ata o 22 de febreiro. De feito, en canto acaba a festa, xa colocan un reloxo coa conta atrás para o seguinte ano. Así de grande é a súa paixón.

Pasámolo xenial e quedamos coas ganas (e a ilusión) de poder ir algún día en persoa para vivir o abraio de ver as rúas cheas de cor e o son das campás.

Grazas, Alberto, por traernos un pedaciño de Xinzo á nosa aula e por ensinarnos a querer as nosas tradicións.



luns, 9 de febreiro de 2026

Recreos con voz propia

 Hoxe comezamos cos obradoiros de Radio nos recreos para celebrar o 13 de febreiro, Día da Radio. Ao longo destes días, o alumnado achegarase ao mundo da radio escolar nunha experiencia práctica e divertida, acompañados por Breixo e Álvaro, que serán os encargados de guiar esta aventura radiofónica.


GRUPO 1


GRUPO 2



GRUPO 3









As Naves dos Contos volven despegar

 Hoxe tamén saíron as Naves dos Contos rumbo ás distintas aulas do centro para potenciar a hora de ler, achegando ao alumnado unha selección variada de libros e textos. A lectura sae da biblioteca e entra nas aulas a través de diferentes propostas lectoras que invitan a descubrir, imaxinar e gozar das historias.


Entroido creativo na biblioteca

 Con motivo do Entroido, na biblioteca preparamos unha pequena exposición de libros relacionados con esta celebración. Ademais, durante toda a semana, o alumnado poderá gozar dunha mesa temática con materiais para deseñar e crear a súa propia máscara de Entroido, deixando voar a imaxinación e a creatividade.


venres, 6 de febreiro de 2026

Animadores á lectura en acción

 Esta semana comezamos cos Animadores á lectura. O alumnado voluntario de 6º de Primaria estivo a preparar durante os recreos os seus propios contos: elaboraron o guión, traballaron a interpretación e crearon monicreques para dar vida ás historias.

A partir de agora, iranse achegando progresivamente ás distintas aulas na hora de ler para compartir os seus contos e converterse en verdadeiros mediadores de lectura.
Nesta primeira semana, as aulas visitadas foron 3 anos B, 1º A e 1º C.

PREME NAS IMAXES






mércores, 4 de febreiro de 2026

Algo se está a tecer na biblioteca

 Fíos que se cruzan, cores que se entrelazan, mans que crean con paciencia.

Na biblioteca empezan a aparecer sinais: la, ganchillos e pequenos traballos feitos con moito agarimo.
Algo se está a preparar… algo que se constrúe punto a punto, con tempo e ilusión.
Algo se está a tecer…
Aínda non se pode contar, pero promete ser algo moi especial.
Estade atentos… e atentas, porque cando os fíos se xuntan, pasan cousas bonitas.


luns, 2 de febreiro de 2026

PRIMEIRO ENCONTRO APADRIÑAMENTOS LECTORES

 Os Apadriñamentos lectores son unha actividade na que o alumnado maior acompaña ao alumnado máis pequeno no camiño da lectura. No primeiro encontro, os padriños e madriñas acudiron ás aulas dos seus afillados para coñecerse e, con motivo do Día da Paz, realizaron xuntos unha pomba da paz. Nos vindeiros encontros, compartirán momentos de lectura nos diferentes espazos do centro.

PREME NAS IMAXES