Amosando publicacións coa etiqueta ACTIVIDADES PLEA. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ACTIVIDADES PLEA. Amosar todas as publicacións

venres, 29 de maio de 2026

UN CURSO DE LECTURAS COMPARTIDAS

APADRIÑEMENTOS LECTORES DO MES DE MAIO 

Co encontro deste mes de maio, rematamos os apadriñamentos lectores deste curso, unha actividade que nos permitiu compartir lecturas, experiencias e momentos moi especiais entre alumnado de diferentes idades.

Ao longo destes meses, padriños e madriñas acompañaron aos seus afillados e afilladas nunha viaxe chea de contos, aventuras, aprendizaxes e emocións. Cada encontro converteuse nunha oportunidade para descubrir novas historias, fortalecer o gusto pola lectura e crear vínculos que van moito máis alá dos libros.

Os apadriñamentos lectores demostraron, unha vez máis, que a lectura é unha poderosa ferramenta para aprender, convivir e compartir. Grazas a todos os nenos e nenas participantes por facer posible esta fermosa experiencia que xa forma parte da vida de Agrobiblio.

Porque as mellores historias non só se len... tamén se comparten.

PREME NA IMAXE



Unha clase, mil historias en viñetas

 Dentro das actividades desenvolvidas no marco do noso PLEA, o alumnado de 5º C converteuse en autor e ilustrador das súas propias historias a través da banda deseñada.

A partir da lectura, da imaxinación e da creatividade, os nenos e nenas deron vida a personaxes sorprendentes e a relatos cheos de aventuras, misterio, amizade, humor, fantasía, investigación e emoción. Cada cómic é unha mostra do seu talento para contar historias, combinando texto e ilustración para expresar ideas e dar forma a mundos únicos.

Esta actividade permitiulles desenvolver a súa competencia lectora, escritora e artística, explorando novas formas de comunicar, crear e compartir as súas ideas.

O resultado é unha colección de cómics variada e orixinal que demostra que, cando a lectura inspira e a creatividade entra en xogo, unha clase pode crear mil historias diferentes.

PREME NA IMAXE



martes, 19 de maio de 2026

TRABALLOS DO ITINERARIO LECTOR 25/26

Este curso, o noso itinerario lector acompaña o PDI “Agronautas en órbita”, unha proposta que nos invita a explorar, descubrir e imaxinar.

As lecturas seleccionadas achégannos a mundos e experiencias diversas: algunhas conectan directamente coa temática do proxecto, mentres outras amplían horizontes e enriquecen a nosa viaxe lectora desde diferentes perspectivas.

Este itinerario intégrase tamén no marco do PLEA, reforzando o papel da lectura como ferramenta fundamental para aprender, reflexionar e medrar.

Porque ler é, ao fin e ao cabo, unha forma de viaxar.



mércores, 13 de maio de 2026

4 ANOS B VISITA AGROBIBLIO

 O alumnado de 4 anos B realizou unha visita moi especial a Agrobiblio para descubrir os diferentes espazos da nosa biblioteca escolar, explorar libros cheos de historias e gozar dun tempo de lectura e curiosidade compartida.

Durante a visita, os nenos e nenas puideron achegarse aos contos, observar os recunchos da biblioteca e seguir alimentando a súa ilusión polos libros e pola lectura dentro da nosa particular viaxe de “Agronautas en órbita”.

Pouco a pouco, os máis pequenos tamén se converten en grandes exploradores de historias en Agrobiblio.

PREME NA IMAXE




xoves, 30 de abril de 2026

APADRIÑAMENTOS MES DE ABRIL

 No mes de abril, coincidindo co Día do Libro, volvemos vivir unha fermosa xornada de apadriñamentos lectores no noso centro.

Padriños e madriñas, xunto cos seus afillados e afilladas, compartiron lecturas, historias e momentos moi especiais en distintos espazos do cole. A través dos libros, seguen medrando non só como lectores e lectoras, senón tamén como compañeiros e compañeiras.

Unha vez máis, comprobamos que ler en compañía fai que as historias cobren vida e que a lectura se converta nunha experiencia inesquecible.

PREME NA IMAXE



xoves, 23 de abril de 2026

UN DÍA DO LIBRO VIVIDO NAS AULAS

Con motivo do Día do Libro, o alumnado do noso centro participou en diferentes actividades para celebrar a lectura, descubrir novas historias e compartir os seus libros favoritos.

Ao longo desta xornada, os libros convertéronse nos grandes protagonistas, enchendo as aulas e os corredores de historias, imaxinación e momentos compartidos arredor da lectura.

Ademais, durante todo o Mes do Libro desenvolvéronse numerosas propostas de animación lectora, entre as que destacaron os apadriñamentos lectores, representacións de teatro de títeres a cargo dun grupo de animadores e animadoras á lectura de 6º de Educación Primaria, a elaboración de marcapáxinas e outras actividades que contribuíron a achegar os libros ao alumnado dunha forma lúdica, creativa e participativa.


PREMENAS IMAXES PARA DESCUBRIR ALGUNHAS DAS ACTIVIDADES




venres, 10 de abril de 2026

LENDO E CREANDO EN 2º A

 Ao longo deste curso, durante a hora de lectura, exploramos diversas dinámicas: dende os libros do itinerario lector e a biblioteca itinerante con exemplares traídos da casa, ata os fondos do noso recuncho do espazo. Ademais, levamos a cabo un obradoiro de escritura creativa, tanto individual como grupal, ao que dedicamos dúas sesións semanais (reservando unha terceira para a lectura compartida). Foi emocionante ver como o que comezaron sendo historias breves se converteron en pequenos libros de varios capítulos. Unha experiencia auténtica!

PREME NA IMAXE



venres, 20 de marzo de 2026

UNHA ÁRBORE CHEA DE POESÍA

 Con motivo do Día da Poesía e do Día da Árbore, o alumnado do noso centro encheu de palabras un dos espazos máis especiais da entrada do colexio.

Cada clase elaborou e compartiu os seus propios poemas, que foron pendurados nas pólas da nosa árbore, transformándoa nunha auténtica árbore da poesía. Moitas destas creacións estiveron inspiradas no noso PDI deste curso, Agronautas en órbita, combinando a beleza da poesía coa curiosidade polo universo, os planetas e a exploración espacial.

Versos, rimas, emocións e creatividade uníronse para celebrar a importancia da palabra, da imaxinación e do respecto pola natureza.

Un fermoso exemplo de como a poesía pode botar raíces e, ao mesmo tempo, facernos viaxar ata as estrelas.

PREME NA IMAXE 



luns, 9 de febreiro de 2026

As Naves dos Contos volven despegar

 Hoxe tamén saíron as Naves dos Contos rumbo ás distintas aulas do centro para potenciar a hora de ler, achegando ao alumnado unha selección variada de libros e textos. A lectura sae da biblioteca e entra nas aulas a través de diferentes propostas lectoras que invitan a descubrir, imaxinar e gozar das historias.


mércores, 3 de decembro de 2025

3 de decembro: Celebrando a diversidade desde 3º de Primaria

 Con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, o alumnado de 3º de Primaria elaborou carteis cheos de creatividade e mensaxes inclusivas. A través de frases como “A amizade non ten barreiras” ou “Xuntos facemos un universo mellor”, encheron os corredores do cole de cor e reflexión.

A actividade forma parte do noso PLEA, utilizando a expresión artística como unha maneira de ler, pensar e comprender a diversidade.

Contamos tamén coa colaboración de COGAMI, que nos cedeu dous paneis expositivos, entre eles o da campaña “Os Bolechas e a Discapacidade”, xunto cunha figura de Spock adaptada cunha prótese que chamou moito a atención do alumnado.

Grazas a todos e todas por facer visible a inclusión cunha mirada tan creativa e verdadeira.
No Muíño seguimos avanzando cara a un cole máis inclusivo e máis humano.


PREME NA IMAXE





martes, 25 de novembro de 2025

25N: Orbitando coa igualdade e o respecto

 O alumnado de 5º de Primaria converteuse en voz activa pola igualdade e polo bo trato. Con creatividade e compromiso, deseñaron carteis coma estes, que foron colocados polos corredores do colexio o propio 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

Ese mesmo día, os diferentes grupos visitaron a exposición para ler e comentar as mensaxes, interpretar símbolos e reflexionar sobre o que cada cartel transmitía. Un traballo que tamén enlaza co PLEA, fomentando a lectura crítica, a comunicación, a expresión de ideas e a construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria desde a escola.

De forma voluntaria, profesorado e alumnado quixeron sumar o seu apoio vestindo de negro, un xesto simbólico que fixo visible o noso rexeitamento á violencia e o compromiso con valores que construen convivencia: o respecto, a empatía, o coidado e a igualdade.

Educamos para respectar, para coidar, para convivir.
Violencia cero — igualdade sempre.




PREME NA IMAXE




xoves, 20 de novembro de 2025

DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS DA INFANCIA 2025

 

    Chegou o 20 de novembro e con el conmemoramos o Día dos Dereitos da Infancia.  Por iso a rapazada de 1º creou un podcast onde nos falan un pouco sobre o tema. 

    O profe Brais entrevista a Leire, Breogán, Noa, Érik, David e Marta que explican que é iso de ser neno e cales son as cousas que máis lles gustan. 

Adiante, cativada!


 

Aquí podes ver como se fixo: un proceso no que colaboraron, experimentaron e descubriron que a voz é unha ferramenta marabillosa para compartir historias e aprendizaxes.

Un proxecto sinxelo, divertido e cheo de creatividade que lles permitiu iniciarse na expresión oral e no traballo en equipo. 

PREME NA IMAXE





mércores, 19 de novembro de 2025

5ºC crea a publicidade e organiza o cadro do Torneo de Nadal de Tenis de Mesa

 O alumnado de 5ºC foi o encargado de darlle visibilidade ao I Torneo de Nadal de Tenis de Mesa do CEIP Agro do Muíño. Como parte do desenvolvemento das competencias comunicativas e creativas recollidas no PLEA (Plan de Lectura, Escritura e Acceso á Información), prepararon cartaces publicitarios para animar ao alumnado de todo o centro a participar neste evento deportivo tan especial.

Ademais de deseñar a campaña gráfica, elaboraron un gran esquema cos participantes, organizando os cadros do torneo e distribuíndo a información de maneira clara, visual e comprensible para toda a comunidade educativa. Este traballo permitiulles aplicar estratexias de planificación, selección e presentación da información, tal e como promove o PLEA.

Os carteis foron colocados por distintos espazos do colexio, converténdose nunha auténtica campaña de comunicación que encheu os corredores de espírito deportivo e de ambiente festivo.

E para completar todo este magnífico labor, hoxe deu comezo o torneo, que arrancou no recreo cun ambiente cheo de emoción, compañeirismo e ganas de xogar.

Un magnífico exemplo de como o alumnado pode poñer en práctica a lectura de modelos, a creación de textos propios e a comunicación eficaz… ao tempo que contribúe á vida do centro con entusiasmo, responsabilidade e traballo en equipo.









venres, 7 de novembro de 2025

5ºB en acción polo Mes da Ciencia en Galego

 Ao longo de novembro —Mes da Ciencia en Galego— o alumnado de 5ºB converteuse en auténtico equipo de divulgación científica. Como parte das tarefas do PLEA, e co obxectivo de achegar a ciencia á comunidade educativa, realizaron unha serie de carteis informativos que encheron de cor e coñecemento a nosa biblioteca e os corredores do cole.

Os carteis abranguían distintos formatos e intencións comunicativas:
-Biografías de científicas e científicos galegos/as, para dar visibilidade ao seu traballo e ás súas achegas.
-Presentacións de experimentos, explicando materiais, pasos e descubrimentos.
-Invitacións a eventos científicos, animando ao resto do alumnado a participar e a despertar a súa curiosidade.
-Textos divulgativos sobre temas científicos, adaptados á linguaxe escolar e pensados para que calquera nena ou neno puidese entendelos.

Esta exposición espontánea e creativa transformou o centro nun pequeno museo científico, facendo que todo o alumnado puidera aprender, preguntar e sorprenderse ao pasar polos corredores.

A iniciativa encaixa plenamente co espírito do Plano Lector (PLEA), que promove a lectura en múltiples formatos, o pensamento crítico e a comunicación efectiva. Nesta ocasión, a lectura non só estivo nos libros, senón tamén nas paredes: a ciencia fíxose visible, cercana e en galego.

Grazas ao alumnado de 5ºB por compartir coñecemento e por demostrar que a divulgación científica tamén pode nacer desde as aulas do noso cole.


luns, 3 de novembro de 2025

O Samaín en cómic con 2ºB!

 O alumnado de 2ºB celebrou o Samaín dun xeito moi creativo, traballando o mundo do cómic nas aulas.

A partir de historias cheas de pantamas, bruxas e monstros simpáticos, practicaron como se constrúe un cómic: observando as viñetas, recoñecendo as personaxes e relacionando cada bocadillo co seu protagonista

Desta forma, aprenderon a comprender mellor as historias, a expresarse con imaxes e palabras, e a gozar da lectura dun xeito diferente e divertido.

Un Samaín cheo de humor, imaxinación e moitos bocadillos faladores!

PREME NA IMAXE





Contos de medo (que non dan tanto medo!) en Infantil

 Durante estes días, o alumnado de Educación Infantil mergullouse nun mundo cheo de contos misteriosos, meigas, pantasmas e risas.

As lecturas terroríficas chegaron non só á biblioteca, senón tamén ás aulas, que se encheron de maxia, emoción e moita imaxinación. 

Descubrimos que os contos de medo tamén poden ser moi divertidos e que nas historias máis escuras sempre agroma un final cheo de cor e alegría. 

Así vivimos o noso Samaín máis lector no Muíño!

PREME NA IMAXE



martes, 28 de outubro de 2025

Mary Wollstonecraft Shelley e o noso Frankenstein en 3ºB

 No mes de outubro, o alumnado de 3ºB mergullouse na vida e na obra de Mary Wollstonecraft Shelley, autora de Frankenstein.

Aproveitamos esta lectura para coñecer o poder da imaxinación e o papel das mulleres escritoras, celebrando tamén o Día das Escritoras

Inspirámonos no seu famoso monstro para crear as nosas propias versións de Frankenstein, cheas de cor, creatividade e sentido do humor. Así unimos literatura, arte e Samaín nunha actividade divertida e chea de aprendizaxe. 

Porque ler tamén é crear… e imaxinar criaturas inesquecibles!



luns, 13 de outubro de 2025

Concienciación ambiental en 5ºC

 5ºC crea carteis para protexer a Terra: creatividade ao servizo do planeta

O alumnado de 5ºC estivo a traballar nun proxecto moi especial: a creación de carteis publicitarios para protexer a Terra. A través desta actividade, o grupo reflexionou sobre os problemas ambientais que nos afectan e sobre a importancia de coidar o planeta coas accións cotiás de todas as persoas.

Primeiro, analizamos distintos exemplos de carteis publicitarios: que mensaxes transmiten, que elementos visuais empregan, como captan a atención e como animan á acción. A partir destas ideas, cada alumna e alumno escolleu unha temática relacionada coa protección do medio ambiente: aforro de auga, reciclaxe, redución de residuos, coidado da natureza, contaminación ou o respecto polo planeta.

A continuación, puxéronse mans á obra para elaborar os seus propios carteis reivindicativos e creativos, combinando mensaxes claras e potentes con debuxos, cores e composicións visuais capaces de chamar a atención e facer pensar.

O resultado foi unha colección de carteis chea de personalidade e de ideas transformadoras, que demostra que a mocidade ten moito que dicir cando se trata de defender o futuro do noso planeta.

Parabéns ao alumnado de 5ºC polo gran traballo realizado!

PREME NA IMAXE



luns, 15 de setembro de 2025

BIBLIOTECA VIVA CON 2º A

 Na aula de 2º A, a biblioteca convértese nun espazo vivo que medra e se renova cada mes. Grazas ás achegas do propio alumnado, chegan lecturas variadas que permiten descubrir novos libros e abrir conversas enriquecedoras na clase.

Ademais, o proceso de votación para recomendar cada libro require explicar e xustificar as opinións, favorecendo a expresión oral, a escoita activa e o desenvolvemento do pensamento crítico. Así, a biblioteca de 2º A vaise construíndo como un ben común que promove o diálogo, a elección responsable e o gusto pola lectura.

PREME NA IMAXE