Amosando publicacións coa etiqueta CLUB DE LECTURA. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta CLUB DE LECTURA. Amosar todas as publicacións

mércores, 8 de abril de 2026

Lectura Cuando Hitler robó el conejo rosa, de Judith Kerr

 A lectura de Cando Hitler roubou o coello rosa, de Judith Kerr, permitiunos achegarnos a unha realidade histórica complexa desde a mirada dunha nena. A través desta historia, reflexionamos sobre temas como a guerra, o exilio, a perda e a inxustiza, entendendo que a maldade moitas veces nace no corazón humano e que aínda hoxe hai moitos nenos e nenas que sofren situacións difíciles no mundo.

Para traballar estes contidos, realizamos dinámicas de representación teatral nas que os participantes se disfrazaban e recreaban distintas escenas do libro, mentres o resto do grupo trataba de adiviñalas. Esta actividade fomentou a comprensión lectora, a expresión corporal e a empatía cara aos personaxes.

Ademais, levamos a cabo unha actividade moi especial que aparecerá proximamente noutro vídeo: unha práctica de repostaría na que representamos unha das escenas do libro de forma creativa. Foi unha experiencia moi motivadora e divertida para os participantes, que sen dúbida merece un espazo propio.

PREME NA IMAXE


luns, 9 de marzo de 2026

Lectura Wonder. A historia de Julian

 Nesta ocasión, o libro traballado no club de lectura foi Wonder: A historia de Julian, unha perspectiva diferente da coñecida historia que nos permitiu profundar especialmente no valor da empatía. A través desta lectura, reflexionamos sobre como as nosas accións afectan aos demais e como todos temos a capacidade de elixir como comportarnos.

Realizamos distintas actividades para interiorizar estas aprendizaxes. Unha das máis significativas foi a dinámica do espello, na que puidemos comprender que as nosas reaccións non dependen do que fagan os demais, senón que somos responsables das nosas propias decisións e actitudes.

Ademais, tivemos a oportunidade de compartir esta experiencia co alumnado de sexto, quen serán os próximos lectores do libro. Explicámoslles por que cremos que esta historia é importante e que poden aprender dela. Para rematar, cada participante creou o seu propio “precepto”, seguindo o espírito do libro, como unha forma de expresar os valores que desexan aplicar na súa vida cotiá.

PREME NA IMAXE




mércores, 10 de decembro de 2025

LECTURA: A SEÑORITA BUBBLE: AVENTURAS BAIXO DERO, DE LEDICIA COSTAS

Nesta sesión traballamos a lectura de A señorita Bubble: Aventuras baixo cero, de Ledicia Costas, unha historia chea de imaxinación, ciencia e conciencia ambiental.

A partir do libro, reflexionamos sobre o problema do desxeo e o impacto do cambio climático no noso planeta. Para facelo dunha maneira práctica e significativa, realizamos un experimento no que analizamos como se produce o desxeo e que accións podemos levar a cabo para contribuír a frear este problema.

Esta actividade permitiu aos participantes non só comprender mellor os contidos do libro, senón tamén tomar conciencia da importancia de coidar o medio ambiente desde as nosas propias accións diarias, fomentando unha actitude responsable e comprometida co entorno.

 

PREME NA IMAXE






xoves, 4 de decembro de 2025

SESIÓN INICIAL: DESCUBRINDO O CLUB DE LECTURA

A nosa primeira sesión de descubrimento no club de lectura foi unha auténtica experiencia de investigación. A través dunha proposta dinámica e participativa, os nenos e nenas tiveron que ir descubrindo como se ía organizar o club, cal sería o seu funcionamento e tamén adiviñar cal ía ser a primeira lectura.

Foi unha actividade chea de intriga, curiosidade e espírito aventureiro, que espertou o interese e a motivación desde o primeiro momento. Esta sesión inicial permitiu crear un ambiente de entusiasmo e participación, sentando as bases para todo o traballo que desenvolveriamos ao longo do club de lectura.

PREME NA IMAXE 



mércores, 26 de novembro de 2025

CLUB DE LECTURA: "LECTURAS NO MUÍÑO"

 


Este curso escolar poñemos en marcha unha nova e ilusionante iniciativano noso centro: o Club de Lectura “Lecturas no Muíño”, dirixido ao alumnado de 5º e 6º de Primaria. Esta actividade forma parte do programa de dinamización da nosa biblioteca escolar, Agrobiblio, dentro da liña de clubs de lectura impulsada pola Consellería de Educación.

Con este proxecto buscamos fomentar o gusto pola lectura, desenvolver a imaxinación e crear un espazo onde compartir ideas, opinións e emocións a través dos libros. Ler non só nos axuda a aprender, senón tamén a viaxar a outros mundos, coñecer novos personaxes e comprender mellor a realidade que nos rodea.

O club reunirase cada 15 días para comentar as lecturas seleccionadas, intercambiar impresións e participar en pequenas dinámicas relacionadas cos libros. Ademais, o alumnado terá a oportunidade de recomendar as súas propias lecturas e descubrir novas historias que os engancharán dende a primeira páxina.

Ao longo do curso tamén se levarán a cabo actividades complementarias como xogos literarios, creación de recomendacións lectoras ou pequenas propostas creativas vinculadas ás lecturas, co obxectivo de facer da lectura unha experiencia activa e compartida.

“Lecturas no Muíño” nace coa ilusión de converterse nun punto de encontro para lectores e lectoras curiosos, onde cada opinión conta e cada libro abre unha nova porta.

Animámosvos a participar e a gozar desta aventura lectora xuntos.