mércores, 10 de xuño de 2026

FALADOIRO O LAPIS DO CARPINTEIRO 5 ANOS A

 Moncho, o papá de Xabi, veu compartir connosco o seu oficio de carpinteiro e explicarnos en que consiste o seu traballo.

Durante o faladoiro falounos dos diferentes tipos de madeira cos que traballa, das ferramentas que utiliza no seu día a día e das medidas de seguridade que debe seguir para realizar o seu labor de forma segura.

Ademais, puidemos descubrir curiosidades sobre este oficio e coñecer mellor como se elaboran moitos dos obxectos de madeira que usamos habitualmente.

Para rematar, Moncho sorprendeunos cun agasallo moi especial: uns fermosos foguetes de madeira feitos por el mesmo.

Moitas grazas, Moncho, por achegarnos ao mundo da carpintería e por compartir connosco este faladoiro tan interesante. 

PREME NA IMAXE



xoves, 4 de xuño de 2026

UNS PLANETAS PEQUENOS NA INMENSIDADE DO SISTEMA SOLAR- JORGE MIRA

 A rapazada de 5º e 6º tivo a sorte de participar nunha charla moi especial da man de Jorge Mira, físico, investigador e divulgador científico de recoñecido prestixio.

Baixo o título "Uns planetas pequenos na inmensidade do sistema solar", o alumnado puido descubrir dun xeito ameno e moi visual as dimensións dos planetas e as enormes distancias que os separan, comprendendo mellor a verdadeira escala do noso Sistema Solar.

Foi unha experiencia enriquecedora que espertou a curiosidade e o interese pola ciencia, permitindo achegar conceptos complexos dunha forma próxima, clara e accesible.

É unha honra contar no noso centro coa visita de persoas tan destacadas no ámbito científico e divulgativo, que atopan un oco para compartir o seu tempo e os seus coñecementos cos nosos nenos e nenas.

Moitísimas grazas a Jorge Mira por esta magnífica experiencia e tamén a Ana e Olalla pola súa colaboración e polas xestións realizadas para facela posible.

PREME NA IMAXE 




martes, 2 de xuño de 2026

TRABALLOS DE NOSO PDI: "AGRONAUTAS EN ÓRBITA"

 Misión 25/26 en marcha

No marco do noso PDI Agronautas en órbita, o alumnado do CEIP Agro do Muíño embarcouse nunha apaixonante viaxe de descubrimento, aprendizaxe e creación.

Ao longo do curso, nenos e nenas de Educación Infantil e Primaria investigaron, experimentaron, imaxinaron e compartiron coñecementos a través de proxectos, retos, investigacións e propostas creativas relacionadas co universo e coa exploración do noso mundo.

Neste espazo recompilamos unha mostra dos traballos realizados ao longo desta aventura. Cada creación reflicte o esforzo, a curiosidade, a ilusión e o traballo en equipo que acompañaron esta gran misión.

Preparados para despegar con nós?

PREME NA IMAXE