mércores, 29 de outubro de 2025

Hoxe celebramos o Samaín: portas abertas!

 Esta tarde, de 18:00 a 20:00 h, celebramos o Samaín cunha xornada de portas abertas.

Agardámosvos para compartir unha tarde chea de maxia, cabazas espaciais e moito bo humor.

Un Samaín moi especial no Muíño! 



luns, 27 de outubro de 2025

Agrobiblio embrúxase polo Samaín

 O Samaín tamén chegou a Agrobiblio!

Para celebralo, preparamos unha exposición chea de lecturas embruxadas, misteriosas e divertidas, con títulos que convidan a deixar voar a imaxinación e a gozar do pracer de ler entre cabazas, meiguiñas e criaturas fantásticas.

O alumnado puido achegarse para descubrir contos, álbums e novelas que nos fan tremer… pero tamén sorrir!

Aquí vos deixamos un pequeno vídeo para que poidades ver como quedou a exposición.

venres, 24 de outubro de 2025

UN SAMAÍN DOUTRO PLANETA!

 As cabazas máis orixinais e os disfraces máis divertidos están a piques de despegar dende o Agro do Muíño.



Inauguramos a Agrobiblio no Día das Bibliotecas Escolares

 O 24 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas Escolares, unha data moi especial para toda a comunidade educativa… e na Agrobiblio quixemos vivila dun xeito moi significativo: inaugurando oficialmente a nosa biblioteca escolar! 

Con esta inauguración simbólica dámoslle comezo a un novo curso cheo de lecturas, proxectos e ilusións compartidas. Ademais, aproveitamos a ocasión para poñer en marcha as nosas queridas Mochilas viaxeiras.

Cada aula escolleu un representante, que acudiu á biblioteca para recoller a mochila correspondente ao seu curso e levala de volta á clase. Así comeza unha nova viaxe chea de contos, aventuras e emocións que pasarán de familia en familia, fomentando a lectura compartida e o gusto polos libros no fogar.

A nosa biblioteca énchese de vida, historias e novas viaxes lectoras que comezan a súa andaina.

PREME MA IMAXE



martes, 21 de outubro de 2025

Descubrindo as plantas invasoras na Agrobiblio

 A Agrobiblio acolleu unha nova proposta ambiental moi interesante: uns obradoiros sobre as plantas invasoras en Galicia, nos que o alumnado de 4º e 5º de Primaria aprendeu a recoñecer estas especies e a comprender o seu impacto na natureza.

A actividade estivo organizada pola asociación AMABUL dentro do programa Aula Ambiental Ulla+25, e combinou ciencia, aprendizaxe e diversión. 

As invasoras tamén teñen o seu aquel!

A rapazada de 4º e 5º de Primaria participou nestes días nuns obradoiros moi especiais sobre as plantas invasoras en Galicia, organizados pola asociación AMABUL dentro do programa Aula Ambiental Ulla+25.

Os obradoiros comezaron cunha visita guiada pola exposición “Wood Wide Web”, onde puideron descubrir os segredos do bosque e como as árbores se comunican entre si (si, si, falan... á súa maneira!). Despois, a diversión continuou con xogos adaptados á súa idade, para aprender de forma lúdica e participativa por que é tan importante coñecer as plantas invasoras que temos tan preto.

E é que... moitas delas están tan presentes na nosa contorna que xa pensamos que son galegas de toda a vida! Pero non! 
Algunhas das máis coñecidas son:

A herba da pampa (Cortaderia selloana), esa planta enorme con penachos brancos que vemos polas beiras das estradas.
A acacia negra (Acacia melanoxylon), que medra rapidísimo e despraza as árbores autóctonas.
A uña de gato (Carpobrotus edulis), moi típica nas zonas costeiras, que forma alfombras e non deixa espazo ás outras especies.

A actividade rematou por todo o alto, xa que os grupos do último obradoiro tiveron a sorte de contar cunha parella maior encantadora, que compartiu con nós lembranzas de cando eran novos, contándonos que plantas había antes e para que as empregaban. 
Foi unha experiencia interxeracional preciosa, chea de aprendizaxe, historias e emocións.

Podedes clicar na imaxe e desfrutar co vídeo resumo da actividade.
Non vos perdades esta aventura verde! 



luns, 20 de outubro de 2025

Explorando a Agrobiblio

 Durante unha semana, o alumnado do colexio participou na formación de usuarios e usuarias da Agrobiblio, unha actividade pensada para coñecer mellor o funcionamento da nosa biblioteca escolar e aprender a gozar dela con responsabilidade.

Da man de Leopoldo e Lea, as nosas mascotas lectoras, descubrimos todo o que a Agrobiblio nos ofrece: os espazos de lectura e creación, o sistema de préstamo e devolución de libros, o uso do carné virtual, as normas básicas de comportamento e os servizos especiais, como a Nave dos Contos, a Mochila viaxeira, a Radio Agro Onda ou o proxecto anual Agronautas en órbita.

O alumnado tamén aprendeu a recoñecer as sinaturas e pegatinas dos libros, a distinguir as distintas seccións da biblioteca (literatura, consulta, banda deseñada, poesía, teatro, inglés, novidades…) e a manexar o material con coidado, colaborando para manter a biblioteca ordenada, acolledora e viva.

Esta actividade é fundamental para fomentar a autonomía lectora, o uso responsable dos recursos comúns e o sentimento de pertenza á nosa biblioteca, que cada curso se enche de novas historias, lecturas e soños compartidos.

Agora que xa coñecemos mellor a nosa Agrobiblio… toca ler, investigar e seguir desfrutando deste espazo tan especial!



domingo, 5 de outubro de 2025

Descubrindo o fascinante mundo dos cogomelos na Agrobiblio!

A Agrobiblio acolleu unha nova actividade chea de vida e aprendizaxe: uns obradoiros micolóxicos nos que o alumnado de 3º e 6º de Primaria mergullouse no fascinante mundo dos cogomelos galegos.
Unha experiencia que uniu ciencia, natureza e diversión, da man da asociación AMABUL dentro do programa Aula Ambiental Ulla+25

Da man de Miriam, a experta que se achegou ao noso cole, descubrimos moitísimas curiosidades sobre os cogomelos que habitan nos montes galegos. Aprendemos que non todos son comestibles… pero todos son importantes para o equilibrio da natureza!

Sabías que...

  • Os fungos axudan a limpar o solo e a descompoñer restos orgánicos, converténdoos en nutrientes para as plantas.

  • Moitos cogomelos crean redes subterráneas que conectan as raíces das árbores, permitindo que compartan auga e minerais entre elas  (é o que se coñece como a Wood Wide Web!).

  • Ademais, colaboran a reter carbono e así axudan a frear o cambio climático.

Durante a xornada, o alumnado participou nunha visita guiada pola exposición “Wood Wide Web” e xogou a divertidos xogos adaptados ás diferentes idades, nos que aprenderon de maneira lúdica a importancia ecolóxica dos fungos.

Foron momentos de diversión, aprendizaxe e natureza, nos que tanto os pequenos como as pequenas descubriron que, aínda que ás veces pasen desapercibidos, os cogomelos son auténticos heroes do bosque 

Estes obradoiros contaron coa financiación da Deputación da Coruña, e deixáronnos con ganas de seguir explorando os segredos que agocha o noso entorno natural.

Grazas, AMABUL e Miriam, por axudarnos a mirar o monte con outros ollos... e por ensinarnos que coidar o medio ambiente tamén pode ser moi divertido! 

Se clicades na seguinte imaxe, poderedes ver un vídeo de como desfrutou a nosa rapazada durante esta experiencia micolóxica! 



mércores, 1 de outubro de 2025

Maleta Climática do CEIDA: Muda o clima, mudemos nós

 Un mes de lecturas sostibles para o alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria dentro do noso proxecto interdisciplinar Agronautas en órbita.

Durante o mes de outubro, a nosa biblioteca contou co préstamo da Maleta Climática: Muda o clima, mudemos nós, un recurso educativo cedido polo CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) dentro do programa Por unha Transición Ecolóxica, co apoio da Deputación da Coruña.

Esta maleta, composta por unha selección de libros informativos e álbums ilustrados, permitiu ao alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria achegarse dun xeito atractivo e reflexivo á emerxencia climática, comprendendo as causas e consecuencias do cambio climático, así como as pequenas accións que todos e todas podemos realizar para coidar o noso planeta.

A actividade encaixa á perfección co noso proxecto interdisciplinar “Agronautas en órbita”, no que aprendemos que a Terra é o noso fogar e que non hai planeta B. Por iso, ler, reflexionar e actuar son pasos imprescindibles para garantir un futuro sostible e saudable para todos os seres vivos.

A Maleta Climática apoia varios Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030, como o número 7 (Enerxía asequible e non contaminante), o 11 (Cidades e comunidades sostibles), o 12 (Produción e consumo responsables) e o 13 (Acción polo clima).

Un mes de lecturas para pensar, coidar e transformar o mundo dende a nosa biblioteca.

martes, 30 de setembro de 2025

BIBLIOAXUDANTES EN ACCIÓN

 O alumnado de 6º de Primaria xa iniciou a súa colaboración coa nosa biblioteca escolar, converténdose nos biblioaxudantes deste curso. A súa participación é fundamental para que a Agrobiblio funcione día a día.

Este curso tivemos unha enorme resposta do alumnado de 6º, que amosou moitas ganas de colaborar coa biblioteca durante os recreos.

Os biblioaxudantes son unha peza clave na nosa Agrobiblio:
axudan a colocar libros nos andeis, realizan préstamos e devolucións co programa Koha, resolven dúbidas doutros lectores e lectoras, colaboran na elaboración das exposicións e na selección de libros, poñen sinaturas e códigos de barras aos novos exemplares, e coidan o espazo mantendo a orde e o bo ambiente da biblioteca.

Grazas ao seu traballo, a nosa biblioteca funciona cada día mellor e segue sendo un espazo vivo, acolledor e cheo de maxia lectora.

Como houbo moitos voluntarios e voluntarias con ganas de participar, fixemos un sorteo entre todo o alumnado de 6º, para elixir os equipos que colaborarán de maneira fixa ao longo do curso.

Queremos agradecer sinceramente o entusiasmo, a responsabilidade e o compromiso de todos e todas. É o seu último curso no cole, e esta é unha fermosa maneira de deixar pegada, compartindo tempo, ilusión e lecturas cos demais.

Grazas por facer que a nosa biblioteca siga medrando cada día grazas a vós, verdadeiros/as protagonistas desta misión!

PREME NA IMAXE



luns, 29 de setembro de 2025

A NAVE DOS CONTOS COMEZA A SÚA VIAXE POLO MUÍÑO

 Este curso puxemos en marcha a nosa “Nave dos contos”, uns carros viaxeiros de libros que percorren o colexio levando lectura e curiosidade a todas as aulas.

Cada nave está organizada por ciclos e leva a bordo unha coidada selección de libros divulgativos, narrativos, de banda deseñada, revistas e mesmo algún xornal, para que o alumnado poida gozar de diferentes tipos de lecturas.

Estas naves fan escala durante unha semana en cada clase, achegando libros relacionados co noso proxecto interdisciplinar “Agronautas en órbita” e tamén con outras temáticas que esperten o interese e a imaxinación de todos e todas.

A lectura viaxa polo Muíño… e nós viaxamos con ela!






venres, 19 de setembro de 2025

A BIBLIOTECA DESPEGA CARA AO UNIVERSO

 A nosa biblioteca enchéuse de estrelas, planetas e moita imaxinación!

Nesta exposición atoparedes unha selección de libros, contos e cómics que nos axudarán a descubrir o espazo, a vida dos astronautas, os misterios do universo e as grandes aventuras cósmicas.

Estes libros servirán de inspiración para o noso proxecto interdisciplinar “Agronautas en órbita”, co que viaxaremos polo mundo da ciencia, da lectura e da creatividade.

Achegádevos, escollede o voso destino e... ¡poñédevos en órbita coa lectura!


martes, 9 de setembro de 2025

DESPEGAMOS CON KOHA!

O profesorado do Muíño inicia a súa viaxe polo universo Koha: unha aventura para mellorar o servizo e facilitar o acceso á lectura. 

Esta semana o profesorado do CEIP Agro do Muíño participou nunha sesión de formación sobre Koha, o novo programa de xestión bibliotecaria que comezamos a utilizar este curso na nosa biblioteca escolar Agrobiblio.

Grazas a este sistema, poderemos xestionar os préstamos e devolucións dos libros dun xeito máis rápido, sinxelo e eficiente, ademais de consultar o catálogo en liña e coñecer mellor todos os fondos dispoñibles na nosa biblioteca.

Koha é unha ferramenta empregada en moitas bibliotecas escolares galegas dentro da rede de Bibliotecas Escolares de Galicia, e supón un avance importante na organización e modernización da nosa Agrobiblio.

Pouco a pouco, continuaremos aprendendo e poñendo en práctica todo o aprendido nesta formación para seguir facendo da nosa biblioteca un espazo vivo, accesible e cheo de lecturas en órbita.

PREME NA IMAXE




luns, 8 de setembro de 2025

Agronautas en órbita curso 2025-2026

 Agronautas en órbita: o Agro lánzase ao espazo!

A tripulación do CEIP Agro do Muíño inicia este curso unha nova e apaixonante misión: o noso proxecto interdisciplinar 2025-2026, “Agronautas en órbita”.

Despois de mergullarnos no fondo mariño o pasado ano, agora poñemos rumbo ás estrelas. A biblioteca do centro convértese no centro de control da misión, un espazo cheo de libros, curiosidade e creatividade desde o que exploraremos o universo, os planetas, a Lúa, os cometas e moito máis.

Este curso, o noso alumnado transformarase en auténticos viaxeiros e viaxeiras do cosmos, dispostos a investigar, crear, soñar e aprender xuntos sobre o espazo e todo o que nos inspira mirar cara ao ceo.

Ao longo da viaxe, iremos desenvolvendo diferentes actividades, experiencias e retos compartidos, nas que a lectura, a ciencia, a arte, a música e a imaxinación se combinarán para facer deste proxecto unha aventura inesquecible.

Porque ser Agronauta é moito máis que aprender sobre o universo: é atreverse a explorar, a facer preguntas, a coidar o planeta e a compartir o coñecemento cos demais.

Preparade os traxes espaciais, activade os motores e abrídevos á aventura... A misión comeza agora!



xoves, 19 de xuño de 2025

Biblioteca Escolar, A Escena! Teatro: "A sereíña Ariel, a heroína dos océanos"

 EDUCACIÓN FÍSICA

Obra de teatro: 

"A SEREÍÑA ARIEL, A HEROÍNA DOS OCÉANOS"

É a adaptación do conto da serea. Elaborouse na área de E.F. para levarse a cabo co alumnado de sexto. É un pequeno musical que trata o tema da contaminación dos océanos e a necesidade de que a humanidade se una para buscar solucións a este problema para a vida mariña e submarina. Así mesmo, a heroína é unha muller. Rómpese deste xeito co estereotipo de que  a muller é a débil e debe ser salvada. A educación física, abarca a maioría dos contidos da materia con esta obra. Realízanse actividades de mimo, expresión dramática, danza con distintas coreografías, ximnasia, acrosport... 

     A área de música, colaborou cunha canción que fixo e interpretou o grupo de 6º A. 

   O 16 de xuño representouse no centro, e para as familias, fíxose onte, o 18 pola tarde, no salón de actos de Bertamiráns. É o acto de despedida do alumnado de sexto do que foi o seu centro durante 9 cursos.

Se queres ver un pequeno resumo da obra de teatro interpretada no centro para o alumnado

preme aquí




Se queres ver un pequeno resumo da obra de teatro interpretada na Casa da Cultura de Bertamiráns para as familias

preme aquí



mércores, 18 de xuño de 2025

Despedida dos Biblioaxudantes

 Xa casi rematando, despedimos aos nosos biblioaxudantes deste curso tan diferente en Agrobiblio.

Moitas grazas a todos eles pola súa dedicación, axuda, colaboración e paciencia. Estiveron moitos recreos axudando acolocar a nosa biblio dende cero. 

Volvede cando queirades a vosa Agrobiblio!!

Unha aperta enorme e moita sorte na vosa nova andaina.

Preme na imaxe





FALADOIRO DO MUÍÑO 33

 Hoxe, María de los Ángeles, a nai de Alba de 1º de Ed. Primaria B, visitou a aula para contar o conto: "Un día no mar".

Moitas grazas pola túa colaboración.

Preme na imaxe



xoves, 12 de xuño de 2025

Biblioteca Escolar, A Escena! Teatro: "O Barcarola" 6º A

 Como sabedes, o lema deste curso da Asesoría de Bibliotecas Escolares é 

BIBLIOTECA ESCOLAR, A ESCENA!

Para remate deste curso e relacionado co noso PDI:"Mergúllate no Agro" o alumnado de 6º A de Ed. Primaria realizou a obra de teatro:

"O Barcarola"

Unha adaptación realizada pola súa titora do libro "El Barcarola" de Eduardo Rojas Rebolledo

Fixeron un gran traballo elaborando decoracións, vestiario...

Noraboa e parabéns para tod@s!!!

Se queres ver algúns fragmentos 

Preme na imaxe



Biblioteca Escolar, A Escena! TEATRO: "O neno perdido" 3º C

 Como sabedes, o lema deste curso da Asesoría de Bibliotecas Escolares é 

BIBLIOTECA ESCOLAR, A ESCENA!

Varios cursos realizaron pequenas representacións nas aulas, pero o curso de 3º C realizou a obra

"O neno perdido"

 para todo o centro.

Unha adapatación realizada pola súa titora do libro de Xelís de Toro.

Esperamos que vos guste! Fixeron un gran traballo elaborando vestiario, decoracións....

Temos uns grandes actores e actrices!!! 

Noraboa!

Preme na imaxe



MINI CONCERTO

 Neste curso comezamos a dinamizar a nosa biblioteca con diversos talentos nos recreos e dentro do programa de Biblioteca Creativa. Nesta ocasión damos as  grazas a Dani, Alexandra, Muriel e Lía por compartir en Agrobiblio o seu talento musical.

Volvede cando queirades!!! Unha aperta grande.

Maribel e Manolo.

Preme na imaxe



FALADOIRO DO MUÍÑO 32

 Hoxe visitounos Soraya, a nai de Zoe de 1º B e realizou o faladoiro "Submarinismo".

Moitas grazas pola túa colaboración.

Preme na imaxe



mércores, 11 de xuño de 2025

FALADOIRO DO MUÍÑO 31

 Hoxe visitounos Niria, a nai de Oliver de 1º B  e realizou o faladoiro "Estrelas de Agro".

Moitas grazas pola túa colaboración.

Preme na imaxe



martes, 10 de xuño de 2025

Rematamos o obradoiro de Lettering

 Hoxe rematamos o obradoiro de Lettering, onde os alumnos que voluntariamente quixeron de 2º, 3º, 4º, 5º e 6ºpuideron participar.

Damos as grazas a Iria polo seu bo facer e transmitirnos o seu agarimo polo Lettering. Tamén a Candela por estar de axudante e fotógrafa.

Moita sorte no instituto e moitas grazas por compartir o voso tempo de lecer con Agrobiblio. Sabedes que podedes vir cando queirades.

Unha forte aperta!

Maribel e Manolo.

Preme na imaxe



MINI CONCERTO EN AGROBIBLIO

 XOVES 12 DE XUÑO

MINI CONCERTO EN AGROBIBLIO

Promete ser un evento inesquecible, especialmente coa participación de talentosos alumn@s de 3º A: Dani, Muriel, Alexandra e Lía. Est@s alumn@s coñecid@s pola súa habilidade musical e o seu entusiasmo, estivo ensaiando para ofrecer unha actuación que atrape a tod@s @s asistentes. A biblioteca transformarase nun escenario vibrante creando unha atmosfera máxica. Sen dúbida, será un recreo cheo de música e emoción .

Non o perdas!



luns, 9 de xuño de 2025

A BIBLIOTECA ESCOLAR, A ESCENA!

 


O xoves día 12 teremos unha estrea mundial de teatro dentro do PLAMBE e relacionado co lema deste ano:

A BIBLIOTECA ESCOLAR, A ESCENA!

O alumnado de 3º C presenta unha peza teatral titulada:

"O neno perdido"

O alumnado de 6º A presenta a peza teatral:

"O Barcarola"


FALADOIRO DO MUÍÑO 30

 Hoxe visitou a aula de 5º B, Lorena , a nai de Álvaro que realizou un faladoiro "Xogando entre ondas". Realizou xogos da tele con temática mariña.

Moitas grazas pola túa colaboración.

Preme na imaxe



venres, 6 de xuño de 2025

FALADOIRO DO MUÍÑO 29

 O pai e a nai de Naroa de 3º B,  realizaron un faladoiro, onde nos contaron curiosidades sobre o oficio de mariñeiro e a revelarnos segredos do mar.

Moitas grazas pola vosa colaboración.

Preme na imaxe



xoves, 5 de xuño de 2025

FALADOIRO DO MUÍÑO 28

 O pai de Marta de 1º B, realizou un faladoiro, relacionado coas ondas do mar e o surf.

Moitas grazas pola túa colaboración.

Preme na imaxe



mércores, 4 de xuño de 2025

Recibimos a visita de David Rodríguez, autor de Superavoa

 Hoxe, o alumnado de 1º ciclo recibiu a visita de David Rodríguez, autor da obra "Superavoa" e fíxonos pasar un divertido momento acompañados da súa guitarra.

Gracias por vir, David!

Preme na imaxe



Traballando con Hama

 O alumnado de 3º de Ed. Primaria,, dentro do programa de Biblioteca Creativa, creou e deseñou uns animais co material "Hama". Este material  é moi útil para a concentración, secuenciación e psicomotricidade fina.

Preme na imaxe


ESCOLA DE FAMILIAS: O contexto e realidade sexual da rapazada do 2025

 


A psicóloga Belén Montesa estará o luns impartindo unha charla coloquio para as familias que o desexen sobre unha temática imprescindible e necesaria.

O contexto e a realidade sexual na que viven os nenos na actualidade obríganos ós adultos que os coidamos a non mirar para outro lado, saber como protexelos dos riscos e ofrecer unha educación afectivo sexual axeitada ó seu nivel madurativo. Nesta charla coloquio podemos compartir inquedanzas e levar recursos para acompañalos nunha educación afectivo sexual saludable. Acude!

Este foi o resultado:






luns, 2 de xuño de 2025

CONTACONTOS con David Rodríguez

 O vindeiro mércores 4 de xuño, 1º e 2º de Ed. Primaria, recibiremos a visita de David Rodríguez, o autor de "SUPERAVOA" que nos fará un contacontos.

Esperamos a súa visita!!




GUÍA DE LECTURA VERÁN 2025

 Neste documento deixámosvos as nosas recomendacións para os diferentes niveis que dende os equipos de Bibliotecas Escolares dos centros públicos de Ames eleboramos. 

Pretenden ser unha recomendación de libros que nos parecen interesantes!!!

PREME NA IMAXE




xoves, 29 de maio de 2025

Empregando a nosa Biblioteca Creativa

 A nosa Biblioteca Creativa está a recibir moitas visitas. Neste caso, podemos ver que ben o pasaron o noso alumnado de 3º C.

Preme na imaxe



mércores, 28 de maio de 2025

FALADOIRO DO MUÍÑO 27

 A continuación podedes ver un pequeno resumo dos "Faladoiros do Muíño" 

que realizáronse na aula de 5 anos B.

Moitas grazas ás familias pola súa colaboración.

Preme na imaxe



MERGÚLLATE NO AGRO: OS NOSOS PROXECTOS DO NOSO PDI

 Este ano no CEIP Agro do Muíño achegamos  a flora e fauna do mundo mariño, así como todo o relacionado co mar ao noso alumnado. Puidemos curiosear, investigar, experimentar e sobre todo …APRENDER de todo o que acontece no fondo do mar…

Preme na imaxe




martes, 27 de maio de 2025

ITINERARIO LECTOR. Os nosos proxectos

 Nesta páxina poderedes descubrir os traballos que realizou a nosa cativada dentro do itinerario lector no curso 2024-2025. Non volos perdades! Xa sabes:

Mergúllate no Agro!

Preme na imaxe




CONTACONTOS DE 3º C ao alumnado de 5 anos A

 Lucía, Julia e Nekane de 3º C contaron o conto “Buenas noches asquerosa cosa viscosa” ao alumnado de 5 anos A. Quedaron encantados!!!

Preme na imaxe



FALADOIRO DO MUÍÑO 26

 Aquí tedes un pequeno resumo dos faladoiros que realizáronse na aula de 3 anos A.

Moitas grazas ás familias pola súa colaboración.

Preme na imaxe




luns, 26 de maio de 2025

EXPOSICIÓN DOS NOSOS TRABALLOS DO PDI:"MERGÚLLATE NO AGRO" NA BIBLIO

 Aquí podedes ver a exposición dos nosos traballos do PDI:" MERGÚLLATE NO AGRO" que están na biblioteca.

Preme na imaxe



EXPOSICIÓN DOS NOSOS TRABALLOS DO ITINERARIO LECTOR NA BIBLIO

 Aquí podedes ver a exposición dos nosos traballos do Itinerario Lector deste curso que están na biblioteca.

Preme na imaxe



Recreos na biblio

 Despois de moito tempo, a nosa “Agrobiblio” volve a ter vida nos recreos…

Como sabedes, despois das obras de ampliación, o expurgo e o cambio ao programan novo de catalogación  Koha levounos moito traballo e esforzo para ter lista a Agrobiblio para todos os nenos e nenas de Agro.

Agora xa poden desfrutar dela...

 preme na imaxe






venres, 23 de maio de 2025

Obradoiro de Lettering: Primeira semana

 A biblioaxudante Iria, de 6º A está a realizar un obradoiro de lettering con todo o alumnado que está interesado nesta “arte”.

O obradoiro está tendo moi boa acollida polo resto do alumnado que acude no recreo a realizalo. Moitas grazas Iria.

Preme na imaxe



xoves, 22 de maio de 2025

FALADOIRO DO MUÍÑO 25

 O pasado 21 de maio viñeron Marián Cueto Rapado y Edgard Camarós Pérez, os pais de Teo de 5º C de Primaria a realizar o Faladoiro: “Arqueólog@s e Prehistoria”. Son Arqueólog@s e profesores  na Universidade de Santiago.

Moitas grazas pola vosa colaboración.

Preme na imaxe