Amosando publicacións coa etiqueta BIBLIOTECA CREATIVA 25/26. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta BIBLIOTECA CREATIVA 25/26. Amosar todas as publicacións

luns, 15 de xuño de 2026

O SOÑO DE VIOLETA CHEGA AO NOSO CENTRO

 No marco das actividades promovidas por Agrobiblio, hoxe tivemos a sorte de recibir á Aula Colectiva de Violas do Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela, que nos ofreceu o conto musicado O soño de Violeta.

A proposta espertou tanto interese que a nosa Agrobiblio quedou pequena para acoller a todo o público asistente, polo que tivemos que trasladarnos a un espazo máis amplo para que o alumnado de 4 anos, 1º, 2º e 6º de Primaria puidese gozar desta fermosa experiencia.

Ao longo da sesión, a narración e a música combináronse para dar vida á historia de Violeta. As interpretacións en directo das violas e do piano acompañaron cada momento do conto, facendo que o alumnado se mergullase nunha viaxe chea de emocións, imaxinación e sensibilidade artística.

A actividade tivo ademais un significado moi especial para a nosa comunidade educativa, xa que entre as integrantes da Aula Colectiva de Violas atopábase a nosa alumna Lucía Faus, que puido compartir cos seus compañeiros e compañeiras a súa paixón pola música e formar parte desta fermosa experiencia.

Queremos agradecer ao profesorado e ao alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela a súa visita e a oportunidade de achegarnos unha proposta artística tan coidada e inspiradora.

Unha mañá na que a música e a literatura volveron darse a man, demostrando unha vez máis que Agrobiblio é tamén un espazo para crear, sentir e soñar.

PREME NA IMAXE



venres, 29 de maio de 2026

UNHA VIAXE Á IDADE MEDIA DENDE AGROBIBLIO

 A Agrobiblio converteuse por un día nun auténtico escenario medieval grazas ao traballo do alumnado de 5º C.

Despois de investigar e aprender sobre a Idade Media, os nenos e nenas prepararon unha representación na que compartiron co resto do alumnado todo o que descubriron sobre esta etapa histórica. A través de escenas, explicacións e recreacións, achegáronnos aos castelos, aos cabaleiros, á vestimenta e aos costumes da época.

Para ambientar a actividade, elaboraron un gran castelo de cartón e empregaron disfraces e recursos da Biblioteca Creativa, transformando a biblioteca nun espazo onde a historia cobrou vida.

Os seus compañeiros e compañeiras de 5º e o alumnado de 2º de Primaria, cos que comparten os apadriñamentos lectores, puideron gozar desta particular viaxe no tempo.

Unha experiencia na que a investigación, a creatividade, a expresión oral e o traballo en equipo demostraron que aprender tamén pode ser crear, compartir e representar.

PREME NA IMAXE




mércores, 13 de maio de 2026

TECENDO OS FÍOS DE BEGOÑA

 Para celebrar o Día das Letras Galegas, o alumnado de 6° B  e os nenos e nenas de 6° de EI fixemos unha actividade no marco da Biblioteca Creativa,inspirándonos na portada do libro " Os fíos de Begoña", adicado á autora honenaxeada este ano,Begoña Caamaño. Así, grandes e pequenos, con agulla e la, foron experimentando coa costura e disfrutando da aprendizaxe compartida. Agardamos que vos guste o resultado tanto como a nós!

PREME NA IMAXE




luns, 11 de maio de 2026

AQUÍ COMEZA A VIAXE Á CREATIVIDADE

 Inspirándonos no lema das Bibliotecas Escolares deste curso, “Deseño: unha viaxe á creatividade”, o alumnado participou na creación dun gran “Abecedario Creativo” que xa dá a benvida a todas as persoas que chegan á nosa Agrobiblio.

A proposta naceu inicialmente vinculada ao noso PDI “Agronautas en órbita”, pero pouco a pouco foi abrindo paso á imaxinación, ás ideas propias e á liberdade creativa de cada aula. Así, as letras transformáronse en pequenas creacións cheas de cor, historias, personaxes, mundos inventados e estilos moi diferentes.

Agora, todas elas colgan no corredor de entrada da biblioteca, convertendo este espazo nun lugar máis vivo, acolledor e inspirador, onde cada letra invita a crear, ler, imaxinar e descubrir novas historias.

Porque en Agrobiblio, a creatividade tamén comeza entre letras.





venres, 8 de maio de 2026

A MAXIA DO DIÁBOLO VOLVE Á AGROBIBLIO

 Hugo volveu sorprendernos na Agrobiblio cunha nova demostración de habilidade e coordinación co diábolo diante dos seus compañeiros e compañeiras de 5º de Primaria.

Durante a actuación, puidemos gozar de diferentes trucos e movementos que espertaron a curiosidade e os aplausos do alumnado, creando un ambiente moi animado e cheo de entusiasmo na biblioteca.

Ademais, Hugo tamén quixo compartir esta experiencia deixando que algúns nenos e nenas probasen o seu diábolo e intentasen facer os seus primeiros movementos.

Foi un momento moi especial no que, unha vez máis, a Agrobiblio se converteu nun espazo para compartir talentos, aprender xuntos e pasalo ben.

Moitas grazas, Hugo, pola túa colaboración e por facer da biblioteca un lugar cheo de vida e ilusión!

PREME NA IMAXE




NA LÚA CON PEDRAS DE PAPEL- OBRADOIRO DE BIBLIOTECA CREATIVA

 Dentro das actividades desenvolvidas ao abeiro do programa Biblioteca Creativa da Xunta de Galicia, o alumnado de 3º de Primaria participou nun obradoiro artístico da man de Electra Menéndez, artista plástica, artesá e creadora do proxecto “Pedras de papel”, centrado na escultura e creación artística con papel e materiais reciclados.

Partindo do noso PDI “Agronautas en órbita”, os nenos e nenas mergulláronse nun universo de imaxinación, creatividade e experimentación, creando pequenas esculturas inspiradas no espazo: astronautas, superficies lunares e personaxes en situación de ingravidez.

Esta actividade, realizada no marco do “espazo creativo” da nosa biblioteca escolar, permitiu ao alumnado experimentar coa creación plástica empregando materiais sinxelos como papel, cartón, cinta e pintura, transformándoos en auténticas obras cheas de personalidade e fantasía.

O obradoiro combinou expresión artística, aprendizaxe manipulativa e traballo colaborativo, facendo posible que cada creación individual formase parte dunha gran proposta colectiva. Unha experiencia creativa e comunitaria que converteu a biblioteca nun pequeno universo artístico onde investigar, crear e deixar voar a imaxinación.

Electra, historiadora, artista plástica e artesá do papel, desenvolve desde hai anos propostas de dinamización cultural, animación á lectura e creación artística en bibliotecas e centros educativos a través do seu proxecto “Pedras de papel”. Dende o seu taller busca actualizar esta herdanza cultural e preservala, e agora vaino facer dende Ames, xa que acaba de establecer o seu taller no noso concello.


Grazas a Electra por compartir connosco o seu talento, a súa sensibilidade artística e a maxia de “Pedras de papel”.

PREME NA IMAXE




mércores, 29 de abril de 2026

A MAXIA DO DIÁBOLO NA AGROBIBLIO

 Nos últimos días, a Agrobiblio converteuse nun espazo cheo de movemento e habilidade grazas a Hugo, que nos foi amosando diferentes trucos co diábolo durante os recreos.

Pouco a pouco, fomos descubrindo como este xogo require coordinación, práctica e moita constancia. O alumnado achegouse con curiosidade para observar, aprender e gozar destes pequenos momentos que enchen a biblioteca de vida.

A través destes exercicios e demostracións, a biblioteca segue a ser un lugar aberto onde compartir talentos, descubrir novas afeccións e aprender uns dos outros.

Moitas grazas, Hugo, pola túa colaboración e por achegar á Agrobiblio unha experiencia tan especial!

PREME NA IMAXE



mércores, 8 de abril de 2026

XA TEMOS GAÑADORES!!

Na biblioteca Agrobiblio vivimos unha xornada moi especial coa gran final do torneo infantil de xadrez.

Despois de moitas partidas cheas de concentración, estratexia e emoción, xa coñecemos aos gañadores desta edición, que demostraron un gran nivel e un excelente espírito deportivo ao longo de todo o torneo.

Parabéns aos campións e tamén a todo o alumnado participante, que fixo posible este torneo cun comportamento exemplar e moitas ganas de aprender e xogar.

Seguimos facendo da biblioteca un espazo para pensar, compartir e gozar… tamén a través do xadrez.

PREME NA IMAXE



xoves, 12 de marzo de 2026

PITIÑOS DE LA NA BIBLIOTECA CREATIVA

 Onte vivimos unha xornada moi especial na biblioteca. Da man de Teresa, avoa de Antón e de Lois, o alumnado puido achegarse ao mundo da la e descubrir como, con paciencia e habilidade, os fíos poden transformarse en pequenas creacións cheas de vida.

Durante o obradoiro comezamos a elaborar uns simpáticos pitiños de la a partir de pompons. Ademais de crear, compartimos tempo, saberes e experiencias entre xeracións.

Esta actividade forma parte do programa Biblioteca Creativa, no que seguimos explorando novas formas de aprender, crear e compartir.

PREME NA IMAXE



luns, 9 de febreiro de 2026

Entroido creativo na biblioteca

 Con motivo do Entroido, na biblioteca preparamos unha pequena exposición de libros relacionados con esta celebración. Ademais, durante toda a semana, o alumnado poderá gozar dunha mesa temática con materiais para deseñar e crear a súa propia máscara de Entroido, deixando voar a imaxinación e a creatividade.


mércores, 4 de febreiro de 2026

Algo se está a tecer na biblioteca

 Fíos que se cruzan, cores que se entrelazan, mans que crean con paciencia.

Na biblioteca empezan a aparecer sinais: la, ganchillos e pequenos traballos feitos con moito agarimo.
Algo se está a preparar… algo que se constrúe punto a punto, con tempo e ilusión.
Algo se está a tecer…
Aínda non se pode contar, pero promete ser algo moi especial.
Estade atentos… e atentas, porque cando os fíos se xuntan, pasan cousas bonitas.


luns, 26 de xaneiro de 2026

XADREZ NA BIBLIOTECA

 Na biblioteca Agrobiblio estamos a preparar un Torneo Infantil de Xadrez. Xa temos aos participantes e estamos a deixar todo listo para vivir partidas cheas de concentración, ilusión e diversión.

Leo e Lea xa están listos para acompañarnos dende a biblioteca.


Seguide atentos e…

¡que comece a partida!

luns, 3 de novembro de 2025

A imaxinación cobra vida na Biblioteca Creativa!

 A nosa Biblioteca Creativa é un espazo cheo de ideas, cores e imaxinación onde o alumnado pode crear, experimentar e aprender facendo.

Aquí as mans e a mente traballan xuntas: construímos, deseñamos, inventamos e damos forma aos soños a través de proxectos, manualidades e actividades manipulativas.

Este curso, dentro do proxecto interdisciplinar “Agronautas en órbita”, exploraremos tamén o universo da creatividade, combinando ciencia, arte e fantasía para dar vida ás nosas ideas. 

Un lugar onde cada creación conta… e cada neno e nena pode deixar a súa pegada no Muíño!