Esta tarde, de 18:00 a 20:00 h, celebramos o Samaín cunha xornada de portas abertas.
Agardámosvos para compartir unha tarde chea de maxia, cabazas espaciais e moito bo humor.
Un Samaín moi especial no Muíño!
Esta tarde, de 18:00 a 20:00 h, celebramos o Samaín cunha xornada de portas abertas.
Agardámosvos para compartir unha tarde chea de maxia, cabazas espaciais e moito bo humor.
Un Samaín moi especial no Muíño!
O Samaín tamén chegou a Agrobiblio!
Para celebralo, preparamos unha exposición chea de lecturas embruxadas, misteriosas e divertidas, con títulos que convidan a deixar voar a imaxinación e a gozar do pracer de ler entre cabazas, meiguiñas e criaturas fantásticas.
O alumnado puido achegarse para descubrir contos, álbums e novelas que nos fan tremer… pero tamén sorrir!
Aquí vos deixamos un pequeno vídeo para que poidades ver como quedou a exposición.
As cabazas máis orixinais e os disfraces máis divertidos están a piques de despegar dende o Agro do Muíño.
O 24 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas Escolares, unha data moi especial para toda a comunidade educativa… e na Agrobiblio quixemos vivila dun xeito moi significativo: inaugurando oficialmente a nosa biblioteca escolar!
Con esta inauguración simbólica dámoslle comezo a un novo curso cheo de lecturas, proxectos e ilusións compartidas. Ademais, aproveitamos a ocasión para poñer en marcha as nosas queridas Mochilas viaxeiras.
Cada aula escolleu un representante, que acudiu á biblioteca para recoller a mochila correspondente ao seu curso e levala de volta á clase. Así comeza unha nova viaxe chea de contos, aventuras e emocións que pasarán de familia en familia, fomentando a lectura compartida e o gusto polos libros no fogar.
A nosa biblioteca énchese de vida, historias e novas viaxes lectoras que comezan a súa andaina.
PREME MA IMAXE
A Agrobiblio acolleu unha nova proposta ambiental moi interesante: uns obradoiros sobre as plantas invasoras en Galicia, nos que o alumnado de 4º e 5º de Primaria aprendeu a recoñecer estas especies e a comprender o seu impacto na natureza.
A actividade estivo organizada pola asociación AMABUL dentro do programa Aula Ambiental Ulla+25, e combinou ciencia, aprendizaxe e diversión.
As invasoras tamén teñen o seu aquel!
A rapazada de 4º e 5º de Primaria participou nestes días nuns obradoiros moi especiais sobre as plantas invasoras en Galicia, organizados pola asociación AMABUL dentro do programa Aula Ambiental Ulla+25.
Os obradoiros comezaron cunha visita guiada pola exposición “Wood Wide Web”, onde puideron descubrir os segredos do bosque e como as árbores se comunican entre si (si, si, falan... á súa maneira!). Despois, a diversión continuou con xogos adaptados á súa idade, para aprender de forma lúdica e participativa por que é tan importante coñecer as plantas invasoras que temos tan preto.
Durante unha semana, o alumnado do colexio participou na formación de usuarios e usuarias da Agrobiblio, unha actividade pensada para coñecer mellor o funcionamento da nosa biblioteca escolar e aprender a gozar dela con responsabilidade.
Da man de Leopoldo e Lea, as nosas mascotas lectoras, descubrimos todo o que a Agrobiblio nos ofrece: os espazos de lectura e creación, o sistema de préstamo e devolución de libros, o uso do carné virtual, as normas básicas de comportamento e os servizos especiais, como a Nave dos Contos, a Mochila viaxeira, a Radio Agro Onda ou o proxecto anual Agronautas en órbita.
O alumnado tamén aprendeu a recoñecer as sinaturas e pegatinas dos libros, a distinguir as distintas seccións da biblioteca (literatura, consulta, banda deseñada, poesía, teatro, inglés, novidades…) e a manexar o material con coidado, colaborando para manter a biblioteca ordenada, acolledora e viva.
Esta actividade é fundamental para fomentar a autonomía lectora, o uso responsable dos recursos comúns e o sentimento de pertenza á nosa biblioteca, que cada curso se enche de novas historias, lecturas e soños compartidos.
Agora que xa coñecemos mellor a nosa Agrobiblio… toca ler, investigar e seguir desfrutando deste espazo tan especial!
Sabías que...
Os fungos axudan a limpar o solo e a descompoñer restos orgánicos, converténdoos en nutrientes para as plantas.
Moitos cogomelos crean redes subterráneas que conectan as raíces das árbores, permitindo que compartan auga e minerais entre elas (é o que se coñece como a Wood Wide Web!).
Ademais, colaboran a reter carbono e así axudan a frear o cambio climático.
Durante a xornada, o alumnado participou nunha visita guiada pola exposición “Wood Wide Web” e xogou a divertidos xogos adaptados ás diferentes idades, nos que aprenderon de maneira lúdica a importancia ecolóxica dos fungos.
Foron momentos de diversión, aprendizaxe e natureza, nos que tanto os pequenos como as pequenas descubriron que, aínda que ás veces pasen desapercibidos, os cogomelos son auténticos heroes do bosque
Estes obradoiros contaron coa financiación da Deputación da Coruña, e deixáronnos con ganas de seguir explorando os segredos que agocha o noso entorno natural.
Grazas, AMABUL e Miriam, por axudarnos a mirar o monte con outros ollos... e por ensinarnos que coidar o medio ambiente tamén pode ser moi divertido!
Se clicades na seguinte imaxe, poderedes ver un vídeo de como desfrutou a nosa rapazada durante esta experiencia micolóxica!
Un mes de lecturas sostibles para o alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria dentro do noso proxecto interdisciplinar Agronautas en órbita.
Durante o mes de outubro, a nosa biblioteca contou co préstamo da Maleta Climática: Muda o clima, mudemos nós, un recurso educativo cedido polo CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) dentro do programa Por unha Transición Ecolóxica, co apoio da Deputación da Coruña.
Esta maleta, composta por unha selección de libros informativos e álbums ilustrados, permitiu ao alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria achegarse dun xeito atractivo e reflexivo á emerxencia climática, comprendendo as causas e consecuencias do cambio climático, así como as pequenas accións que todos e todas podemos realizar para coidar o noso planeta.
A actividade encaixa á perfección co noso proxecto interdisciplinar “Agronautas en órbita”, no que aprendemos que a Terra é o noso fogar e que non hai planeta B. Por iso, ler, reflexionar e actuar son pasos imprescindibles para garantir un futuro sostible e saudable para todos os seres vivos.
A Maleta Climática apoia varios Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030, como o número 7 (Enerxía asequible e non contaminante), o 11 (Cidades e comunidades sostibles), o 12 (Produción e consumo responsables) e o 13 (Acción polo clima).
Un mes de lecturas para pensar, coidar e transformar o mundo dende a nosa biblioteca.