martes, 30 de setembro de 2025

BIBLIOAXUDANTES EN ACCIÓN

 O alumnado de 6º de Primaria xa iniciou a súa colaboración coa nosa biblioteca escolar, converténdose nos biblioaxudantes deste curso. A súa participación é fundamental para que a Agrobiblio funcione día a día.

Este curso tivemos unha enorme resposta do alumnado de 6º, que amosou moitas ganas de colaborar coa biblioteca durante os recreos.

Os biblioaxudantes son unha peza clave na nosa Agrobiblio:
axudan a colocar libros nos andeis, realizan préstamos e devolucións co programa Koha, resolven dúbidas doutros lectores e lectoras, colaboran na elaboración das exposicións e na selección de libros, poñen sinaturas e códigos de barras aos novos exemplares, e coidan o espazo mantendo a orde e o bo ambiente da biblioteca.

Grazas ao seu traballo, a nosa biblioteca funciona cada día mellor e segue sendo un espazo vivo, acolledor e cheo de maxia lectora.

Como houbo moitos voluntarios e voluntarias con ganas de participar, fixemos un sorteo entre todo o alumnado de 6º, para elixir os equipos que colaborarán de maneira fixa ao longo do curso.

Queremos agradecer sinceramente o entusiasmo, a responsabilidade e o compromiso de todos e todas. É o seu último curso no cole, e esta é unha fermosa maneira de deixar pegada, compartindo tempo, ilusión e lecturas cos demais.

Grazas por facer que a nosa biblioteca siga medrando cada día grazas a vós, verdadeiros/as protagonistas desta misión!

PREME NA IMAXE



luns, 29 de setembro de 2025

A NAVE DOS CONTOS COMEZA A SÚA VIAXE POLO MUÍÑO

 Este curso puxemos en marcha a nosa “Nave dos contos”, uns carros viaxeiros de libros que percorren o colexio levando lectura e curiosidade a todas as aulas.

Cada nave está organizada por ciclos e leva a bordo unha coidada selección de libros divulgativos, narrativos, de banda deseñada, revistas e mesmo algún xornal, para que o alumnado poida gozar de diferentes tipos de lecturas.

Estas naves fan escala durante unha semana en cada clase, achegando libros relacionados co noso proxecto interdisciplinar “Agronautas en órbita” e tamén con outras temáticas que esperten o interese e a imaxinación de todos e todas.

A lectura viaxa polo Muíño… e nós viaxamos con ela!






venres, 19 de setembro de 2025

A BIBLIOTECA DESPEGA CARA AO UNIVERSO

 A nosa biblioteca enchéuse de estrelas, planetas e moita imaxinación!

Nesta exposición atoparedes unha selección de libros, contos e cómics que nos axudarán a descubrir o espazo, a vida dos astronautas, os misterios do universo e as grandes aventuras cósmicas.

Estes libros servirán de inspiración para o noso proxecto interdisciplinar “Agronautas en órbita”, co que viaxaremos polo mundo da ciencia, da lectura e da creatividade.

Achegádevos, escollede o voso destino e... ¡poñédevos en órbita coa lectura!


martes, 9 de setembro de 2025

DESPEGAMOS CON KOHA!

O profesorado do Muíño inicia a súa viaxe polo universo Koha: unha aventura para mellorar o servizo e facilitar o acceso á lectura. 

Esta semana o profesorado do CEIP Agro do Muíño participou nunha sesión de formación sobre Koha, o novo programa de xestión bibliotecaria que comezamos a utilizar este curso na nosa biblioteca escolar Agrobiblio.

Grazas a este sistema, poderemos xestionar os préstamos e devolucións dos libros dun xeito máis rápido, sinxelo e eficiente, ademais de consultar o catálogo en liña e coñecer mellor todos os fondos dispoñibles na nosa biblioteca.

Koha é unha ferramenta empregada en moitas bibliotecas escolares galegas dentro da rede de Bibliotecas Escolares de Galicia, e supón un avance importante na organización e modernización da nosa Agrobiblio.

Pouco a pouco, continuaremos aprendendo e poñendo en práctica todo o aprendido nesta formación para seguir facendo da nosa biblioteca un espazo vivo, accesible e cheo de lecturas en órbita.

PREME NA IMAXE




luns, 8 de setembro de 2025

Agronautas en órbita curso 2025-2026

 Agronautas en órbita: o Agro lánzase ao espazo!

A tripulación do CEIP Agro do Muíño inicia este curso unha nova e apaixonante misión: o noso proxecto interdisciplinar 2025-2026, “Agronautas en órbita”.

Despois de mergullarnos no fondo mariño o pasado ano, agora poñemos rumbo ás estrelas. A biblioteca do centro convértese no centro de control da misión, un espazo cheo de libros, curiosidade e creatividade desde o que exploraremos o universo, os planetas, a Lúa, os cometas e moito máis.

Este curso, o noso alumnado transformarase en auténticos viaxeiros e viaxeiras do cosmos, dispostos a investigar, crear, soñar e aprender xuntos sobre o espazo e todo o que nos inspira mirar cara ao ceo.

Ao longo da viaxe, iremos desenvolvendo diferentes actividades, experiencias e retos compartidos, nas que a lectura, a ciencia, a arte, a música e a imaxinación se combinarán para facer deste proxecto unha aventura inesquecible.

Porque ser Agronauta é moito máis que aprender sobre o universo: é atreverse a explorar, a facer preguntas, a coidar o planeta e a compartir o coñecemento cos demais.

Preparade os traxes espaciais, activade os motores e abrídevos á aventura... A misión comeza agora!