venres, 29 de maio de 2026

UNHA VIAXE Á IDADE MEDIA DENDE AGROBIBLIO

 A Agrobiblio converteuse por un día nun auténtico escenario medieval grazas ao traballo do alumnado de 5º C.

Despois de investigar e aprender sobre a Idade Media, os nenos e nenas prepararon unha representación na que compartiron co resto do alumnado todo o que descubriron sobre esta etapa histórica. A través de escenas, explicacións e recreacións, achegáronnos aos castelos, aos cabaleiros, á vestimenta e aos costumes da época.

Para ambientar a actividade, elaboraron un gran castelo de cartón e empregaron disfraces e recursos da Biblioteca Creativa, transformando a biblioteca nun espazo onde a historia cobrou vida.

Os seus compañeiros e compañeiras de 5º e o alumnado de 2º de Primaria, cos que comparten os apadriñamentos lectores, puideron gozar desta particular viaxe no tempo.

Unha experiencia na que a investigación, a creatividade, a expresión oral e o traballo en equipo demostraron que aprender tamén pode ser crear, compartir e representar.

PREME NA IMAXE




UN CURSO DE LECTURAS COMPARTIDAS

APADRIÑEMENTOS LECTORES DO MES DE MAIO 

Co encontro deste mes de maio, rematamos os apadriñamentos lectores deste curso, unha actividade que nos permitiu compartir lecturas, experiencias e momentos moi especiais entre alumnado de diferentes idades.

Ao longo destes meses, padriños e madriñas acompañaron aos seus afillados e afilladas nunha viaxe chea de contos, aventuras, aprendizaxes e emocións. Cada encontro converteuse nunha oportunidade para descubrir novas historias, fortalecer o gusto pola lectura e crear vínculos que van moito máis alá dos libros.

Os apadriñamentos lectores demostraron, unha vez máis, que a lectura é unha poderosa ferramenta para aprender, convivir e compartir. Grazas a todos os nenos e nenas participantes por facer posible esta fermosa experiencia que xa forma parte da vida de Agrobiblio.

Porque as mellores historias non só se len... tamén se comparten.

PREME NA IMAXE



Unha clase, mil historias en viñetas

 Dentro das actividades desenvolvidas no marco do noso PLEA, o alumnado de 5º C converteuse en autor e ilustrador das súas propias historias a través da banda deseñada.

A partir da lectura, da imaxinación e da creatividade, os nenos e nenas deron vida a personaxes sorprendentes e a relatos cheos de aventuras, misterio, amizade, humor, fantasía, investigación e emoción. Cada cómic é unha mostra do seu talento para contar historias, combinando texto e ilustración para expresar ideas e dar forma a mundos únicos.

Esta actividade permitiulles desenvolver a súa competencia lectora, escritora e artística, explorando novas formas de comunicar, crear e compartir as súas ideas.

O resultado é unha colección de cómics variada e orixinal que demostra que, cando a lectura inspira e a creatividade entra en xogo, unha clase pode crear mil historias diferentes.

PREME NA IMAXE



xoves, 28 de maio de 2026

FALADOIRO UN MUNDO MÁXICO 4 ANOS B

 O alumnado de 4 anos B de Infantil gozou dun faladoiro moi especial da man de Elena, nai de Faia, que nos trouxo contos, imaxinación e algunhas sorpresas.

A través das historias “El duende astronauta y su viaje a las estrellas” e “La pequeña bellota”, viaxamos polo espazo, descubrimos planetas e coñecemos a aventura dunha pequena landra que chegou a converterse nun gran carballo.

Ademais, Elena ensinounos que diante do noso colexio temos un carballo moi especial, ao que agora miraremos con outros ollos.

Para rematar, compartimos unhas deliciosas galletas que puxeron o broche final a unha actividade chea de fantasía e aprendizaxes.

Moitas grazas, Elena, por compartir connosco este faladoiro tan especial.

PREME NA IMAXE



martes, 26 de maio de 2026

FALADOIRO PUZLES LOCOS 5 ANOS A

 Hoxe tivemos un faladoiro moi especial da man de Vanessa e Xabi, que participan en campionatos de puzles e viñeron compartir connosco a súa experiencia.

Durante a actividade explicáronnos a importancia de facer puzles e os beneficios que achegan ao noso cerebro, xa que axudan a mellorar a concentración, a memoria e o razoamento. Tamén descubrimos curiosidades sobre os campionatos nos que participan e o traballo en equipo que requiren.

Foi unha experiencia moi interesante que nos animou a seguir aprendendo e divertíndonos a través dos puzles.

Moitas grazas a Vanessa e Xabi pola súa colaboración e por compartir connosco este faladoiro tan entretido e enriquecedor!

PREME NA IMAXE



venres, 22 de maio de 2026

ENTREVISTA A TENTÁCULO ROCK

Coñecedes aos Tentáculo Rock? 



Pois son un fantástico grupo formado por Lois, Martiño, Carlos e Leo, alumnos de 6º do CEIP Agro do Muíño. E aproveitando que os temos aquí, imos a facerlle unhas preguntas. Quedas con nós para saber máis deles?



xoves, 21 de maio de 2026

AS LETRAS GALEGAS SOARON NO MUÍÑO

 No CEIP Agro do Muíño vivimos unha xornada moi especial para celebrar o Día das Letras Galegas 2026, dedicada este ano a Begoña Caamaño.

O acto comezou cunha pequena presentación preparada polo alumnado de 5º A, que nos achegou á vida e á obra da escritora, xornalista e activista homenaxeada neste 2026.

Ao longo da gala tamén puidemos desfrutar das actuacións musicais do profesorado, dunha mostra de traballos realizados nas aulas arredor da autora e dun espectacular concerto de Tentáculo Rock, que puxo ritmo e emoción a esta celebración da nosa lingua e da nosa cultura.

Como broche final, todo o centro uniuse para cantar o Himno Galego, acompañado polo son das pandeiretas do alumnado, da gaita interpretada por alumnado, profesorado e mesmo polo noso conserxe, creando un momento moi especial e emocionante para toda a comunidade educativa.

Unha celebración chea de música, palabras, emoción e orgullo pola nosa lingua.

PREME NA IMAXE




martes, 19 de maio de 2026

TRABALLOS DO ITINERARIO LECTOR 25/26

Este curso, o noso itinerario lector acompaña o PDI “Agronautas en órbita”, unha proposta que nos invita a explorar, descubrir e imaxinar.

As lecturas seleccionadas achégannos a mundos e experiencias diversas: algunhas conectan directamente coa temática do proxecto, mentres outras amplían horizontes e enriquecen a nosa viaxe lectora desde diferentes perspectivas.

Este itinerario intégrase tamén no marco do PLEA, reforzando o papel da lectura como ferramenta fundamental para aprender, reflexionar e medrar.

Porque ler é, ao fin e ao cabo, unha forma de viaxar.



PAKOLAS ACTIVA O “MODO GALEGO” NO NOSO CENTRO

Hoxe tivemos a sorte de desfrutar no centro dun concerto de Pakolas dirixido a todo o alumnado, baseado no libro-disco A Ramona pequena vai á Lúa.

Esta actividade enmárcase dentro do programa “Modo galego, actívao” e foi financiada polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, achegando ao noso alumnado unha proposta chea de música, humor, participación e lingua galega.

Ao longo do concerto fomos cantando, bailando e descubrindo as cancións e personaxes desta divertida aventura espacial, nun espectáculo no que a música e a literatura volveron ir da man para facernos gozar e aprender dunha maneira moi especial.

Aquí vos deixamos unha mostra do ben que o pasamos!

PREME NA IMAXE






luns, 18 de maio de 2026

TENTÁCULO ROCK ESTÁ A PIQUES DE SOAR…

 O que ía ser un pequeno concerto íntimo en Agrobiblio… acabou converténdose nun evento para todo o cole.

O vindeiro 21 de maio, o Palacio de Cristal encherase de ritmo, guitarras e moito rock da man de Tentáculo Rock, un grupo formado por catro alumnos de 6º de Primaria do noso centro.

Despois do seu recente éxito en Quero Cantar, tiñamos moi claro que todo o alumnado merecía disfrutar desta experiencia.

De momento… gardamos algunhas sorpresas.

Pero hai algo que si podemos adiantar:
vai ser unha mañá inesquecible.

VIVA O ROCK AND ROLL! 







AGRONAUTAS EN ÓRBITA NA CASA DAS CIENCIAS

 O alumnado de 4 anos realizou hoxe unha fantástica visita á Casa das Ciencias, onde puideron experimentar, observar e descubrir o mundo da física e da astronomía dun xeito divertido e interactivo.

Durante a xornada descubriron o impresionante péndulo de Foucault, xogaron cos módulos interactivos relacionados coa física e visitaron a exposición “Puro swing”, experimentando co movemento dos péndulos, a gravidade e diferentes fenómenos científicos.

A aventura continuou no planetario, onde viaxaron polo espazo e o tempo grazas ás proxeccións astronómicas que lles permitiron observar estrelas, planetas e constelacións como auténticos agronautas.

Unha experiencia chea de curiosidade, emoción e aprendizaxe dentro do noso PDI deste curso, “Agronautas en órbita”.

PREME NA IMAXE




DENDE NOVA ZELANDA ATA AGROONDA: A NOSA AUXILIAR DE CONVERSA NOS MICRÓFONOS DE AGROONDA

Hoxe, algúns alumnos e alumnas de 6º de Primaria entrevistaron nos micrófonos de AgroOnda a Jessica, a nosa auxiliar de conversa chegada dende Nova Zelanda.

Durante a entrevista, falaron sobre os seus estudos, os seus gustos, a súa experiencia en Galicia e por que decidiu converterse en auxiliar de conversa.

O alumnado preparou as preguntas e participou con moita curiosidade e interese, compartindo un momento moi enriquecedor no que a radio serviu unha vez máis como ferramenta para aprender, comunicar e achegarnos a outras culturas e realidades.

Se queres escoitar a entrevista completa, podes facelo no noso canal de AgroOnda.

Today, some 6th grade students interviewed Jessica, our language assistant from New Zealand, on the microphones of AgroOnda.

During the interview, they talked about her studies, her interests, her experience in Galicia and why she decided to become a language assistant.

The students prepared the questions and took participated with much curiosity and enthusiasm, sharing a very enriching moment in which the school radio once again became a tool for learning, communicating and discovering other cultures and realities.

If you would like to listen to the full interview, you can do so on our AgroOnda channel.

PREME NA IMAXE

CLICK ON THE IMAGE




 


QUEDA SITIO NA VASOIRA? 2º DE PRIMARIA

 Os animadores á lectura de 6º de Primaria ofreceron nesta ocasión unha sesión no espazo de foro para todo o alumnado de 2º de Primaria, onde compartiron o conto Queda sitio na vasoira. A través da súa interpretación e dos seus monicreques, foron dando vida ás personaxes da historia, conseguindo captar a atención do público desde o primeiro momento.

O alumnado seguiu o conto con interese e entusiasmo, desfrutando desta experiencia de lectura compartida nun ambiente cheo de maxia e imaxinación.

Unha nova sesión na que os contos volveron ser os protagonistas.

Grazas aos animadores polo seu traballo, dedicación e entusiasmo.

PREME NA IMAXE




FALADOIRO: EXPERIMENTOS CIENTÍFICOS

 Hoxe tivemos un faladoiro moi interesante da man de Olalla, nai de Zoe, que nos achegou ao mundo da ciencia a través de diferentes experimentos.

Descubrimos que as cores están formadas por outras cores, aprendemos curiosidades sobre os materiais cos que se constrúen os foguetes e observamos un sorprendente experimento con auga, aceite, colorante e vitaminas efervescentes que nos axudou a imaxinar como podería ser o interior dalgúns planetas.

Foi unha experiencia moi divertida e enriquecedora que espertou a nosa curiosidade científica.

Moitas grazas a Olalla pola súa colaboración e por compartir connosco este faladoiro tan interesante!

PREME NA IMAXE



domingo, 17 de maio de 2026

17 DE MAIO: DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2026

 Hoxe celebramos o Día das Letras Galegas, unha data para poñer en valor a nosa lingua, as nosas historias e todas esas palabras que forman parte da nosa identidade.

Neste 2026, a homenaxe é para Begoña Caamaño, escritora, xornalista e activista feminista que fixo da palabra unha ferramenta de compromiso, igualdade e transformación.

Porque cada libro en galego, cada historia compartida e cada voz que segue creando cultura axúdanos a manter viva a nosa lingua.

Feliz Día das Letras Galegas!



mércores, 13 de maio de 2026

TECENDO OS FÍOS DE BEGOÑA

 Para celebrar o Día das Letras Galegas, o alumnado de 6° B  e os nenos e nenas de 6° de EI fixemos unha actividade no marco da Biblioteca Creativa,inspirándonos na portada do libro " Os fíos de Begoña", adicado á autora honenaxeada este ano,Begoña Caamaño. Así, grandes e pequenos, con agulla e la, foron experimentando coa costura e disfrutando da aprendizaxe compartida. Agardamos que vos guste o resultado tanto como a nós!

PREME NA IMAXE




A VACA QUE PUXO UN OVO 5 ANOS A E B

 Os animadores á lectura de 6º de Primaria compartiron nesta ocasión unha sesión de animación á lectura en Agrobiblio co alumnado de 5 anos e cos compañeiros e compañeiras de 6º B.

A través da súa interpretación e dos seus monicreques, deron vida ao conto A vaca que puxo un ovo, conseguindo captar a atención do público e crear un ambiente cheo de risas, participación e ilusión compartida.

A sesión gustou tanto que incluso realizaron unha segunda volta para volver contar o conto, permitindo que todos e todas puidesen seguir desfrutando desta divertida historia.

Un novo encontro no que a lectura compartida, a creatividade e o entusiasmo volveron ser protagonistas.

Grazas aos animadores polo seu traballo, dedicación e ilusión.

PREME NA IMAXE



4 ANOS B VISITA AGROBIBLIO

 O alumnado de 4 anos B realizou unha visita moi especial a Agrobiblio para descubrir os diferentes espazos da nosa biblioteca escolar, explorar libros cheos de historias e gozar dun tempo de lectura e curiosidade compartida.

Durante a visita, os nenos e nenas puideron achegarse aos contos, observar os recunchos da biblioteca e seguir alimentando a súa ilusión polos libros e pola lectura dentro da nosa particular viaxe de “Agronautas en órbita”.

Pouco a pouco, os máis pequenos tamén se converten en grandes exploradores de historias en Agrobiblio.

PREME NA IMAXE




martes, 12 de maio de 2026

LETRAS GALEGAS 2026

 UNHA VIAXE ENTRE LIBROS, MEMORIA E PALABRAS

En Agrobiblio xa comezamos a prepararnos para celebrar as Letras Galegas 2026 cunha exposición especial dedicada a Begoña Caamaño, escritora, xornalista e activista homenaxeada este ano.

A mostra reúne libros, biografías, ilustracións e materiais relacionados coa súa vida e coa súa obra, achegando ao alumnado a unha autora comprometida coa lingua, coa igualdade e coa forza das palabras.

Ademais, este recuncho lector convértese tamén nun pequeno percorrido pola memoria das Letras Galegas, recuperando obras e autores homenaxeados noutros anos e creando unha ponte entre diferentes voces da nosa literatura.

Un espazo para descubrir, mirar, ler… e seguir viaxando a través das historias da cultura galega.

PREME NA IMAXE




luns, 11 de maio de 2026

FALADOIRO O MONSTRO ROSA 3 ANOS A

 Hoxe tivemos un faladoiro moi especial da man da mamá da nosa compañeira Olina, que veu contarnos o conto O monstro rosa.

A través desta fermosa historia, descubrimos a importancia de respectar e valorar as diferenzas, comprendendo que cada persoa é única e especial. O alumnado seguiu a narración con moita atención e participou con entusiasmo nas conversas arredor do conto.

Para rematar, realizamos un xogo moi divertido no que tivemos que colocar cada personaxe do conto na súa casa, poñendo a proba a nosa memoria e comprensión da historia.

Foi unha actividade moi enriquecedora que nos axudou a reflexionar sobre a diversidade, a amizade e a aceptación dos demais.

Moitas grazas á mamá de Olina pola súa colaboración, pola súa implicación e por compartir connosco este faladoiro tan especial. Encantounos descubrir as aventuras do Monstro Rosa!

PREME NA IMAXE



DAVID RODRÍGUEZ DÁ VIDA Á “PEQUENA OSA”

 O alumnado de 1º de Primaria desfrutou do contacontos A pequena osa quere xogar, un fermoso libro de Iago López, ilustrado por Olalla Naveira e narrado por David Rodríguez, quen conseguiu captar a atención dos nenos e nenas desde o primeiro momento coa súa maneira de contar a historia.

Durante a sesión, celebrada na zona de foros, o alumnado acompañou á pequena osa nesta divertida aventura, participando e gozando dun conto cheo de emocións, amizade e imaxinación.

Unha experiencia moi especial para seguir achegando aos máis pequenos ao mundo dos libros e das historias contadas con voz, emoción e agarimo.

PREME NA IMAXE




AQUÍ COMEZA A VIAXE Á CREATIVIDADE

 Inspirándonos no lema das Bibliotecas Escolares deste curso, “Deseño: unha viaxe á creatividade”, o alumnado participou na creación dun gran “Abecedario Creativo” que xa dá a benvida a todas as persoas que chegan á nosa Agrobiblio.

A proposta naceu inicialmente vinculada ao noso PDI “Agronautas en órbita”, pero pouco a pouco foi abrindo paso á imaxinación, ás ideas propias e á liberdade creativa de cada aula. Así, as letras transformáronse en pequenas creacións cheas de cor, historias, personaxes, mundos inventados e estilos moi diferentes.

Agora, todas elas colgan no corredor de entrada da biblioteca, convertendo este espazo nun lugar máis vivo, acolledor e inspirador, onde cada letra invita a crear, ler, imaxinar e descubrir novas historias.

Porque en Agrobiblio, a creatividade tamén comeza entre letras.





QUEDA SITIO NA VASOIRA? 4 ANOS

 As animadoras á lectura de 6º de Primaria estiveron nesta ocasión co alumnado de 4 anos para compartir o conto Queda sitio na vasoira. A través da súa interpretación e dos seus monicreques, foron dando vida ás personaxes da historia, creando un ambiente cheo de maxia, atención e ilusión.

Os máis pequenos seguiron o conto con moito entusiasmo, gozando de cada momento e participando nesta experiencia de lectura compartida.

Unha nova sesión na que a creatividade, a imaxinación e o gusto polos contos volveron ser protagonistas.

Grazas ás animadoras polo seu traballo, dedicación e entusiasmo.

PREME NA IMAXE



venres, 8 de maio de 2026

FALADOIRO:UNHA MISIÓN ESPACIAL 3 ANOS A

 Hoxe tivemos un faladoiro moi especial da man dos pais de Anxo, que nos convidaron a participar nunha auténtica misión espacial.

Durante a actividade, explicáronnos como se coidan os astronautas e a importancia de manter unha alimentación saudable, tanto no espazo como na nosa vida diaria. A través de diferentes exemplos e curiosidades, descubrimos algúns dos hábitos que lles permiten afrontar as súas misións.

Ademais, puxémonos mans á obra elaborando unhas saborosas brochetas de froita para a merenda, converténdonos por un día en astronautas preparados para unha nova aventura.

Para rematar, tamén colaboramos no coidado da nosa aula, realizando tarefas como ordenar, limpar e desinfectar distintos materiais.

Foi unha experiencia moi divertida e enriquecedora na que aprendemos que unha boa alimentación e os hábitos saudables son fundamentais para todas as misións, tanto na Terra como no espazo.

Moitas grazas aos pais de Anxo pola súa colaboración, pola súa implicación e por compartir connosco este faladoiro tan especial. Encantounos participar nesta misión espacial!

PREME NA IMAXE



FALADOIRO: CONCACONTOS 3 ANOS A

 Hoxe tivemos un faladoiro-contacontos moi especial en 3 anos A, no que gozamos de varias historias cheas de aprendizaxes e emocións.

A través do conto “Teño un volcán”, descubrimos a importancia de aprender a respirar e a calmarnos cando sentimos emocións intensas. Tamén compartimos a lectura de “O monstro rosa”, unha fermosa historia sobre a diversidade e a aceptación, e divertímonos con “Os Bolechas. Cando cantabamos cantigas”, lembrando e cantando cancións tradicionais.

Ademais, puidemos observar diferentes obxectos cun microscopio portátil, descubrindo detalles sorprendentes que non se poden apreciar a simple vista.

Foi unha experiencia moi enriquecedora na que combinamos contos, música, emocións e ciencia.

Moitas grazas por compartir connosco este faladoiro tan completo e interesante! 


PREME NA IMAXE

RECREOS QUE DAN VIDA A AGROBIBLIO

 Cada recreo en Agrobiblio é diferente, pero todos teñen algo en común: a biblioteca énchese de vida, movemento e ilusión.

Mentres os biblioaxudantes se encargan dos préstamos e devolucións, recolocan os libros e manteñen organizados os xogos e os distintos espazos, outros compañeiros e compañeiras desfrutan dun tempo para ler, conversar, compartir ou descubrir novas historias para levar á casa.

No recuncho da radio, os nosos dous técnicos de son poñen en marcha pequenos obradoiros e axudan a preparar gravacións e programas, convertendo cada recreo nunha oportunidade para aprender e crear.

A biblioteca tamén se transforma nun espazo para xogar e compartir: partidas de xadrez, xogos de mesa, momentos tranquilos de conversa e propostas creativas nas que o alumnado realiza pulseiras, utiliza contas e abalorios e deixa voar a súa imaxinación creando pequenas obras de arte.

Así son os recreos en Agrobiblio: un tempo para aprender, colaborar, crear e desfrutar xuntos arredor da biblioteca.

PREME NA IMAXE




¡ALGUIEN SE HA TRAGADO A LOLA! 1º A, B e C.

 As animadoras á lectura de 6º de Primaria visitaron os tres cursos de 1º de Primaria para compartir o conto ¡Alguien se ha tragado a Lola!. Acompañadas dos seus monicreques e da súa interpretación, foron dando vida ás personaxes da historia dunha maneira divertida e moi expresiva.

O alumnado seguiu o conto con moita atención e entusiasmo, gozando das aventuras da protagonista e participando activamente ao longo da sesión. As animadoras conseguiron crear un ambiente cheo de ilusión e lectura compartida.

Unha nova experiencia na que os contos volveron unir aos máis pequenos arredor da imaxinación e da creatividade.

Grazas ás animadoras polo seu traballo, dedicación e entusiasmo.

PREME NA IMAXE




A MAXIA DO DIÁBOLO VOLVE Á AGROBIBLIO

 Hugo volveu sorprendernos na Agrobiblio cunha nova demostración de habilidade e coordinación co diábolo diante dos seus compañeiros e compañeiras de 5º de Primaria.

Durante a actuación, puidemos gozar de diferentes trucos e movementos que espertaron a curiosidade e os aplausos do alumnado, creando un ambiente moi animado e cheo de entusiasmo na biblioteca.

Ademais, Hugo tamén quixo compartir esta experiencia deixando que algúns nenos e nenas probasen o seu diábolo e intentasen facer os seus primeiros movementos.

Foi un momento moi especial no que, unha vez máis, a Agrobiblio se converteu nun espazo para compartir talentos, aprender xuntos e pasalo ben.

Moitas grazas, Hugo, pola túa colaboración e por facer da biblioteca un lugar cheo de vida e ilusión!

PREME NA IMAXE




FALADOIRO:CIENCIA E 3 EXPERIMENTOS 4 ANOS B

Hoxe tivemos un faladoiro moi divertido na aula de 4 anos B da man da nai de Marina, que nos sorprendeu con diferentes experimentos científicos.

O alumnado puido crear un volcán utilizando plástico, descubrir un misterioso “vaso monstruoso” e incluso conseguir inchar un globo sen usar aire, deixando a todos e todas coa boca aberta.

Para rematar esta fantástica experiencia, recibimos un agasallo moi especial: unhas pompas de xabón para o baño cunha sorpresa do universo no seu interior.

Foi unha xornada chea de aprendizaxe, curiosidade e diversión.

Moitas grazas por compartir connosco este faladoiro tan sorprendente! 

PREME NA IMAXE



NA LÚA CON PEDRAS DE PAPEL- OBRADOIRO DE BIBLIOTECA CREATIVA

 Dentro das actividades desenvolvidas ao abeiro do programa Biblioteca Creativa da Xunta de Galicia, o alumnado de 3º de Primaria participou nun obradoiro artístico da man de Electra Menéndez, artista plástica, artesá e creadora do proxecto “Pedras de papel”, centrado na escultura e creación artística con papel e materiais reciclados.

Partindo do noso PDI “Agronautas en órbita”, os nenos e nenas mergulláronse nun universo de imaxinación, creatividade e experimentación, creando pequenas esculturas inspiradas no espazo: astronautas, superficies lunares e personaxes en situación de ingravidez.

Esta actividade, realizada no marco do “espazo creativo” da nosa biblioteca escolar, permitiu ao alumnado experimentar coa creación plástica empregando materiais sinxelos como papel, cartón, cinta e pintura, transformándoos en auténticas obras cheas de personalidade e fantasía.

O obradoiro combinou expresión artística, aprendizaxe manipulativa e traballo colaborativo, facendo posible que cada creación individual formase parte dunha gran proposta colectiva. Unha experiencia creativa e comunitaria que converteu a biblioteca nun pequeno universo artístico onde investigar, crear e deixar voar a imaxinación.

Electra, historiadora, artista plástica e artesá do papel, desenvolve desde hai anos propostas de dinamización cultural, animación á lectura e creación artística en bibliotecas e centros educativos a través do seu proxecto “Pedras de papel”. Dende o seu taller busca actualizar esta herdanza cultural e preservala, e agora vaino facer dende Ames, xa que acaba de establecer o seu taller no noso concello.


Grazas a Electra por compartir connosco o seu talento, a súa sensibilidade artística e a maxia de “Pedras de papel”.

PREME NA IMAXE




xoves, 7 de maio de 2026

QUEDA SITIO NA VASOIRA? 5 ANOS A B

 Hoxe as animadoras á lectura de 6º de Primaria visitaron ao alumnado de 5 anos para contar o conto Queda sitio na vasoira. Acompañadas dos seus monicreques e da súa interpretación, foron dando vida ás personaxes da historia, creando un ambiente cheo de maxia e atención.

Os máis pequenos seguiron o conto con moito entusiasmo, desfrutando de cada momento e participando activamente nesta experiencia de lectura compartida.

Unha nova sesión na que a creatividade, a ilusión e o gusto polos contos volveron ser protagonistas.

Grazas ás animadoras polo seu traballo, dedicación e entusiasmo.

PREME NA IMAXE



mércores, 6 de maio de 2026

“EU RECOMÉNDOCHE”… UN NOVO ESPAZO PARA COMPARTIR LECTURAS

 O recuncho “Eu recoméndoche” xa comezou a encherse de historias, opinións e libros especiais para o noso alumnado. En Agrobiblio estreamos este novo espazo lector pensado para dar voz ás recomendacións dos nenos e nenas, creando pouco a pouco unha gran rede de lectores e lectoras.

Xa temos a primeira recomendación lectora compartida por unha das nosas lectoras, que se animou a contar que libro lle gustou e por que o recomenda aos demais compañeiros e compañeiras.

Pouco a pouco, os hexágonos iranse enchendo de recomendacións, opinións e historias que nos emocionan, nos fan rir, pensar ou vivir novas aventuras.

Porque as historias tamén se comparten… e ás veces o mellor libro chega recomendado por alguén coma ti.

De lector a lector… seguimos recomendando!

PREME NA IMAXE 



A VACA QUE PUXO UN OVO 4 ANOS A-B

 Hoxe os animadores á lectura de 6º de Primaria visitaron as aulas de 4 anos para compartir o conto A vaca que puxo un ovo. A través da súa interpretación e dos seus monicreques, conseguiron dar vida ás personaxes da historia, facendo que o alumnado seguise o conto con moita atención e entusiasmo.

As divertidas situacións do conto provocaron risas, participación e moitas ganas de continuar escoitando historias. Ademais, ao rematar a sesión, os animadores deixaron que os máis pequenos participasen con eles, compartindo un momento moi especial e divertido.

Unha nova sesión de lectura compartida na que a creatividade e a ilusión volveron estar moi presentes.

Grazas aos animadores polo seu traballo, dedicación e entusiasmo.

PREME NA IMAXE



ASÍ SOAN AS NOSAS RIMAS - Obradoiro de Radio 5º

 O alumnado de 5º continuou dando forma ás súas creacións no obradoiro de rap organizado dentro de “Radio na Biblio”. Entre bases musicais, ritmo e moita creatividade, os rapaces e rapazas ensaiaron as súas letras e puxeron voz ás súas composicións, compartindo ideas, emocións e moitas ganas de expresarse a través da música. Unha experiencia diferente na que a palabra, o ritmo e o traballo en equipo foron os grandes protagonistas.

PREME NA IMAXE



OBRADOIRO RADIO: RAP EN ÓRBITA 5º

 Hoxe o alumnado de 5º participou nun obradoiro de rap impartido por Pedro Iglesias, dentro das actividades organizadas dende "Radio na Biblio", co obxectivo de achegar a escritura creativa dun xeito adaptado aos seus intereses. 

Os rapaces e rapazas tiveron que deixar voar a súa creatividade e escribir letras para ser rapeadas, seguindo unha temática e base instrumental dada. E o mellor chegou ao final: tocou poñer en común as letras e disfrutar!

PREME NA IMAXE



luns, 4 de maio de 2026

PODCAST ESPACIAIS DE 4º A: OS PLANETAS

Ola a todos e todas!
Somos os alumnos de 4ºA e dámosvos a benvida ao noso podcast sobre o espazo.
Nestes programas imos contar algunhas curiosidades moi interesantes sobre os planetas, as estrelas, os astronautas e moitas cousas máis.
Acompañádenos nesta viaxe espacial onde aprenderemos xuntos de forma divertida.
3, 2, 1... tomamos voo!

PODCAST ESPACIAIS DE 4º A:AS NEBULOSAS

Ola a todos e todas!
Somos os alumnos de 4ºA e dámosvos a benvida ao noso podcast sobre o espazo.
Nestes programas imos contar algunhas curiosidades moi interesantes sobre os planetas, as estrelas, os astronautas e moitas cousas máis.
Acompañádenos nesta viaxe espacial onde aprenderemos xuntos de forma divertida...

PODCAST ESPACIAIS DE 4º A:AS ONDAS GRAVITATORIAS

Ola a todos e todas!
Somos os alumnos de 4ºA e dámosvos a benvida ao noso podcast sobre o espazo.
Nestes programas imos contar algunhas curiosidades moi interesantes sobre os planetas, as estrelas, os astronautas e moitas cousas máis.
Acompañádenos nesta viaxe espacial onde aprenderemos xuntos de forma divertida.
3, 2, 1... tomamos voo!