venres, 6 de novembro de 2026

UNHA LENDA CHEA DE MISTERIO INAUGURA OS FALADOIROS NO MUÍÑO!

 Comezamos unha nova edición dos Faladoiros no Muíño cunha historia chea de misterio e tradición!

Nesta primeira sesión, o alumnado de 4º de Educación Primaria tivo a oportunidade de descubrir A lenda das formigas da man do pai de Julen, de 4º A, que se achegou ao noso centro para compartir connosco esta curiosa historia da tradición oral galega.

A lenda lévanos ata a capela da Nosa Señora de Soutullo, na parroquia de Urdilde, no concello de Rois, onde, segundo conta a tradición, existiu antigamente unha pequena aldea que tivo que ser abandonada por mor dunha terrible praga de formigas que arrasou os seus cultivos.

Unha fermosa oportunidade para achegarnos ás lendas da nosa terra e seguir descubrindo os misterios que agocha o noso proxecto «O MUÍÑO ENCANTADO: seres mitolóxicos e lendas».

Moitísimas grazas ao pai de Julen por compartir esta historia con nós e por axudarnos a manter viva a nosa tradición oral!

PREME NA IMAXE






xoves, 5 de novembro de 2026

ARRACAMOS CO CLUB DE LECTURA DE 6º

 O club de lectura “lecturas do Muiño” volveu  arrancar no cole! 

Empezamos cos nenos de 6º, catro nenos e nenas de cada clase, elixidos por votación (porque neste cole hai moitos, moitos,moitos voluntarios que queren formar parte do club).  

E… Que será o primeiro que faremos para arrancar? Pois preparar os nosos pasaportes lectores e… por suposto, PRESENTAR O PRIMEIRO LIBRO!  

Como apenas temos 20 minutos cada quince días… simplemente íamos a utilizar o tempo do noso primeiro encontro para averiguar o título do libro que imos estar lendo. Estes nenos son do máis resolutivos porque, cunha simple capa, descubriron que a cousa ía de poderes… ata chegar ao título: “INVISIBLE” de Eloy Moreno.  

Con moitísima ilusión os nenos e nenas do club “lecturas do Muiño” abriron os paquetes e puideron comprobar o que escondían: exemplares noviños de “INSIVIBLE”. “¿PARA MÍ?” Dixeron algúns… e si, a biblioteca presta e permítelle aos nosos alumnos e alumnas de 6º ser quen estreen os exemplares do libro elixido para eles. 

 Algúns deles xa ían subindo as escaleiras á clase lendo as primeiras páxinas con moita intriga.  

Estos nenos e nenas do club prometen! E o libro, tamén.  

PREME NA IMAXE



OS FALADOIROS NO MUÍÑO VOLVEN ENCHERSE DE MAXIA!

 


Este curso, a nosa biblioteca volve abrir as súas portas ás familias cunha nova edición de “Faladoiros no Muíño”, unha iniciativa que pretende converter Agrobiblio nun espazo de encontro onde compartir experiencias, coñecementos e aprendizaxes.

No marco do noso proxecto interdisciplinar “O MUÍÑO ENCANTADO: seres mitolóxicos e lendas”, queremos convidar as familias a achegarse ao centro, en horario lectivo, para compartir cos nenos e nenas algunha experiencia ou coñecemento.

Que podedes compartir? Unha vivencia persoal, un conto, unha lenda ou historia popular, unha curiosidade, un experimento, unha demostración ou un obradoiro creativo.

Animámosvos a inspirarvos no mundo da maxia, da mitoloxía e das lendas, pero tamén podedes escoller outros ámbitos que consideredes interesantes. O importante é compartir ilusión, aprendizaxes e momentos en común.

Hoxe fixemos chegar ás familias unha carta convidándoas a participar nesta actividade, porque queremos que as familias tamén formedes parte desta aventura máxica de descubrimento e aprendizaxe.

Moitas grazas pola vosa implicación e entusiasmo!

venres, 30 de outubro de 2026

UN SAMAÍN DE LENDA NO AGRO!

 O pavillón do CEIP Agro do Muíño transformouse nun auténtico escenario encantado para celebrar o Samaín!

A espectacular exposición de cabazas, os murais e a decoración elaborada polo alumnado encheron cada recuncho de maxia, misterio e fantasía, en consonancia co noso proxecto «O Muíño encantado: seres mitolóxicos e lendas».

Pola tarde, abrimos as portas ás familias para compartir unha festa chea de alegría, música e diversión da man de DJ Animus. Contamos tamén coa colaboración da ANPA, que preparou un fantástico photocall e se encargou das bebidas, mentres que as familias contribuíron con deliciosas sobremesas e comidas típicas desta época.

Moitas grazas á ANPA, ás familias, ao alumnado e ao profesorado por facer posible un Samaín tan especial!

Así vivimos un Samaín cheo de maxia, ilusión e momentos para lembrar!

PREME NA IMAXE




Preparando un Samaín encantado!

 A maxia do Samaín tamén chegou ás nosas aulas!

Durante os días previos á celebración, os nenos e nenas puxéronse mans á obra para elaborar uns fantásticos murais cos que decorar o pavillón, enchendo cada recuncho de creatividade, misterio e moita ilusión.

PREME NA IMAXE



E chegou o gran día! As aulas encheronse de meigas, trasnos, monstros, pantasmas e outros personaxes sorprendentes que nos fixeron vivir unha xornada do máis especial.

PREME NA IMAXE


Así vivimos os preparativos e o Samaín nas nosas aulas!


xoves, 29 de outubro de 2026

O Samaín enche de maxia os corredores do Agro

 Este Samaín, os corredores do CEIP Agro do Muíño transformáronse nun auténtico mundo encantado!

Meigas, trasnos, mouras, lobishomes e outras criaturas fantásticas inspiraron unha exposición de cabazas chea de imaxinación, creatividade e maxia, enmarcada no noso proxecto «O Muíño encantado: seres mitolóxicos e lendas».

Grazas a todas as familias pola vosa colaboración e por sorprendernos, un ano máis, con creacións tan orixinais!

Premede no vídeo e descubride a maxia que invadiu os nosos corredores!

mércores, 28 de outubro de 2026

UNHA ANDAINA ENTRE PONTES E LENDAS

 O alumnado de 5º de Educación Primaria gozou dunha andaina moi especial polas beiras do río Ulla, nun percorrido circular de aproximadamente 8 quilómetros no que se combinaron natureza, actividade física e lendas da nosa terra.

A aventura comezou na ponte romana de Pontevea, onde realizamos unha lectura compartida dunha lenda relacionada con esta histórica ponte.

Dende alí, seguimos pola marxe dereita do río ata chegar á área recreativa do Xirimbao, onde descubrimos, a través dunha nova lectura compartida, a lenda de Pepa a Loba e a ponte do Xirimbao. Despois de repoñer forzas coa merenda, continuamos a ruta atravesando a impresionante ponte colgante, un dos momentos que máis emocionou ao alumnado!

Ao longo do camiño, tamén aproveitamos para observar a vexetación da ribeira e reflexionar sobre a importancia de coidar e respectar o medio natural para poder seguir gozando del.

Unha experiencia que une deporte, lectura e patrimonio natural e cultural, moi vinculada ao noso PDI “O Muíño encantado: seres mitolóxicos e lendas”.

Porque as mellores historias tamén se descobren camiñando!

PREME NA IMAXE




martes, 27 de outubro de 2026

UNHA ANDAINA POLOS CAMIÑOS DA LENDA 3º

 O alumnado de 3º de Educación Primaria participou nunha andaina de aproximadamente 7 quilómetros ata o Castro Lupario, un lugar cheo de historia e misterio, moi vinculado ás lendas e tradicións galegas.

Da man da mestra de Educación Física, Alicia, percorreron diferentes lugares da nosa contorna, descubrindo a riqueza do patrimonio natural e cultural.

Un dos grandes protagonistas desta aventura foi o Castro Lupario, escenario da lenda da raíña Lupa, unha misteriosa personaxe que forma parte do noso imaxinario popular.

Unha actividade que une natureza, historia e lendas, en perfecta conexión co noso PDI «O Muíño encantado: seres mitolóxicos e lendas» e co proxecto de Voz Natura «Sementando maxia no Agro».

Porque as lendas non só viven nos libros... tamén se agochan nos camiños da nosa terra!

PREME NA IMAXE



domingo, 25 de outubro de 2026

SAMAÍN NO AGRO 2026: UNHA FESTA DE MAXIA E LENDAS!

 Este ano, o Samaín chega ao Agro do Muíño cargado de maxia, misterio e seres fantásticos! 

Da man do noso PDI «O Muíño encantado: seres mitolóxicos e lendas», mergullarémonos nun mundo de meigas, trasnos, mouras, lobishomes e outras criaturas que forman parte do noso imaxinario.

As cabazas volverán ser protagonistas dunha exposición moi especial, na que a creatividade e a imaxinación das familias encherán o noso cole de maxia.

E para completar esta celebración, o venres 30 de outubro, de 18:00 a 20:00 h, abriremos as portas do centro para gozar dunha tarde con música e animación da man da DJ Animus, un photocall preparado pola ANPA e moita diversión para toda a familia.

Agardámosvos para vivir un Samaín terrorificamente máxico!


Queredes coñecer todos os detalles da celebración?

Premede aquí para consultar a carta informativa ás familias sobre o Samaín 2026.



venres, 23 de outubro de 2026

A COVA DAS HISTORIAS ÉNCHESE DE APÓCEMAS MÁXICAS!

 A maxia segue espallándose polo noso cole e, desta volta, chegou á aula de 3º C, onde a imaxinación e a creatividade se converteron nas protagonistas!

O alumnado transformouse en auténticos aprendices de meigas e feiticeiros, inventando as súas propias apócemas máxicas. Ingredientes sorprendentes, nomes misteriosos e feitizos extraordinarios deron vida a unhas receitas moi especiais, nas que cada neno e nena deixou voar a súa fantasía.

Todas estas creacións forman parte de «A Cova das Historias», un recuncho da aula que irá mudando e enchendo de novas aventuras, historias e propostas ao longo do curso, sempre da man do noso proxecto «O Muíño encantado: seres mitolóxicos e lendas».

Esta actividade, enmarcada no PLEA (Plan de Lectura, Escritura e Acceso á Información), permitiu traballar a expresión escrita, enriquecer o vocabulario e fomentar a creatividade dunha maneira lúdica e motivadora.

E agora... abrimos as portas da Cova das Historias para descubrir estas fantásticas apócemas!

PREME NA IMAXE


Parabéns, 3º C! Porque no noso Muíño Encantado... as palabras tamén teñen poderes máxicos!

xoves, 22 de outubro de 2026

A MAXIA DA POESÍA CHEGA AO NOSO MUÍÑO ENCANTADO!

 A maxia do Samaín tamén chegou ás nosas actividades de lectura e escritura!

Nesta ocasión, Aitana, alumna de 6º C, sorprendeunos coa creación de «A bruxa na noite», un poema cheo de misterio, maxia e fantasía.

Entre vasoiras voadoras, gatos negros, morcegos e noites de lúa, Aitana deixou voar a súa imaxinación, xogando coas palabras e coas rimas para dar vida a unha historia moi especial.

Esta creación, enmarcada nas actividades do PLEA (Plan de Lectura, Escritura e Acceso á Información) e vinculada ao noso proxecto «O Muíño encantado: seres mitolóxicos e lendas», é unha bonita mostra de como a escritura creativa permite expresar ideas, emocións e deixar voar a fantasía.

Parabéns, Aitana, polo teu fantástico traballo! 👏

Porque no noso Muíño Encantado... as palabras tamén fan maxia!

PREME NA IMAXE



martes, 20 de outubro de 2026

ENTRE BRUXAS, LETRAS E MONSTROS... AS PALABRAS COBRAN VIDA EN 4 ANOS B!

 Na aula de 4 anos B, as letras andan revolucionadas e a maxia está por todas partes!

Estes días, os nenos e nenas estiveron xogando coas letras móbiles para formar palabras relacionadas co mundo das bruxas: gatos, vasoiras, caldeiros, apócemas... Unha maneira divertida de achegarse á lectura e á escritura mentres descobren novas palabras.

Pero a cousa non queda aí! Na asemblea tamén están dando vida a uns personaxes moi especiais: os seus propios monstros! Cada neno e nena debuxa un monstro, ponlle un nome e, entre todos, van escribindo como se chama.

E sabedes que? Cando rematen, todas estas creacións formarán parte dun fantástico Libro dos Monstros que xa temos moitas ganas de descubrir!

Unhas propostas enmarcadas no noso PLEA (Plan de Lectura, Escritura e Acceso á Información) e relacionadas co proxecto «O Muíño encantado: seres mitolóxicos e lendas», coas que o alumnado aprende a xogar coas palabras, recoñecer letras e dar os seus primeiros pasos na escritura.

Porque en 4 anos B... ata as letras teñen maxia!

PREME NA IMAXE