Coincidindo coa conmemoración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, a biblioteca escolar preparou unha exposición especial de libros centrada na diversidade, na inclusión e no respecto ás diferentes formas de ser e estar no mundo.
A selección inclúe álbums ilustrados, contos, biografías, libros informativos e obras de ficción que abordan temas como a diversidade funcional, a superación persoal, a accesibilidade, a empatía ou a convivencia. Son lecturas coidadosamente elixidas para que o alumnado poida achegarse a estas realidades desde unha mirada positiva, sensible e adaptada ás súas idades.
Durante estes días, quen entrou en Agrobiblio atopou nas mesas e estantes títulos que invitan a conversar, a facerse preguntas e a descubrir novas perspectivas. Esta exposición serve como complemento perfecto ao traballo realizado en Infantil e Primaria arredor do 3 de decembro, especialmente aos magníficos carteis creados polo alumnado de 3º.
A iniciativa forma parte tamén do noso PLEA, que entende a lectura como unha ferramenta esencial para educar na igualdade, formar cidadáns máis críticos e fomentar valores como o respecto, a solidariedade e a inclusión.
Animamos a todas as clases a visitar a exposición, levar en préstamo algún destes libros e continuar construíndo, entre todas e todos, unha escola onde as diferenzas suman e enriquecen.