venres, 16 de outubro de 2026

CROCO» CHEGA Á AULA VERDE!

 Que ilusión recibir de novo ás nosas antigas alumnas!

Elsa, Iris e Ana, alumnas de 2º de Primaria, quixeron volver por un ratiño á que fora a súa aula de Infantil para compartir un momento moi especial cos máis pequenos.

Nesta ocasión, chegaron cun conto baixo o brazo: «Croco», unha historia coa que fixeron gozar aos nenos e nenas da aula verde de 4 anos A.

Por un ratiño, as tres convertéronse en contacontos e os máis pequenos escoitaron con atención esta visita tan especial.

Unha bonita actividade enmarcada no noso PLEA (Plan de Lectura, Escritura e Acceso á Información), que fomenta o gusto pola lectura, a expresión oral e o pracer de compartir historias.

PREME NA IMAXE

Moitas grazas, Elsa, Iris e Ana, por volver á vosa antiga aula e regalarnos estes momentos tan bonitos!

xoves, 15 de outubro de 2026

4º DE PRIMARIA: UNHA ANDAINA ENTRE LENDAS E TRADICIÓNS

 O alumnado de 4º de Educación Primaria participou nunha andaina moi especial na que o deporte, a lectura e as tradicións galegas se deron a man.

Durante o percorrido, fixemos unha parada no parque do Santo Arandel, onde, despois de repoñer forzas coa merenda, gozamos dunha actividade de lectura compartida.

A través de dúas lendas, descubrimos a historia da romaría do Santo Arandel e a súa relación co Castro Lupario, coñecendo como a tradición popular vincula a figura de San Andrés cunha pedra procedente do castro que apareceu xunto a un lavadoiro da aldea de Beca.

As lecturas, realizadas en galego, permitíronnos descubrir novas palabras, compartir impresións e achegarnos á riqueza das historias e tradicións da nosa contorna.

Unha experiencia que encaixa á perfección co noso PDI “O Muíño encantado: seres mitolóxicos e lendas”, demostrando que as lendas tamén se poden descubrir camiñando!

Porque cada recuncho da nosa terra agocha unha historia que merece ser contada!

PREME NA IMAXE




mércores, 30 de setembro de 2026

AGROBIBLIO, UNHA BIBLIOTECA ENCANTADA!

 A maxia chegou a Agrobiblio! 

A nosa biblioteca transformouse nun lugar encantado, onde as lendas, os seres fantásticos e a imaxinación cobran vida.

Abride ben os ollos e deixádevos sorprender... A aventura máxica acaba de comezar!

venres, 25 de setembro de 2026

A SEREA E O COELLO»: UN REGRESO MOI ESPECIAL Á AULA VERDE!

 Hai visitas que fan moita ilusión!

Xela, Paula e Victoria, alumnas de 2º de Primaria, quixeron volver por un ratiño á que fora a súa aula verde de Infantil para visitar a súa antiga mestra, Merce, e aos nenos e nenas de 4 anos A.

E non chegaron coas mans baleiras! Trouxeron unha sorpresa moi especial: «A serea e o coello», un conto que elas mesmas inventaron e ilustraron con moito agarimo.

As tres convertéronse en contacontos por un día e compartiron a súa historia cos máis pequenos, que puideron gozar deste bonito momento.

Unha actividade que forma parte do noso PLEA (Plan de Lectura, Escritura e Acceso á Información) e que nos lembra o bonito que é crear historias, contalas e compartilas cos demais.

PREME NA IMAXE


Parabéns, Xela, Paula e Victoria! Encantounos esta iniciativa e agardamos que sigades inventando moitos máis contos!

martes, 15 de setembro de 2026

O Muíño encantado: seres mitolóxicos e lendas

 O Muíño encantado: onde as lendas cobran vida!

Un novo curso comeza no CEIP Agro do Muíño e, con el, unha aventura chea de maxia, misterio, imaxinación e descubrimentos.

Despois de percorrer o universo cos nosos Agronautas, este ano regresamos á Terra para descubrir un mundo igualmente fascinante: o dos seres mitolóxicos, os mitos e as lendas.


Algo extraordinario está a acontecer en Agrobiblio... Entre os libros e os recunchos da nosa biblioteca comezan a espertar trasnos rebuldeiros, mouras misteriosas, meigas, fadas, dragóns e outros seres fantásticos que nos convidan a descubrir os segredos agochados nas lendas.

Este curso, o noso alumnado converterase en exploradores e exploradoras de historias, lendas e tradicións, dispostos a investigar, facer preguntas, ler, imaxinar, crear e compartir novos descubrimentos.

Co noso Proxecto Documental Integrado «O Muíño encantado: seres mitolóxicos e lendas», iniciaremos unha viaxe pola riqueza da mitoloxía e das tradicións galegas, abrindo tamén as portas aos mitos, lendas e seres fantásticos doutras culturas do mundo.

Ao longo desta aventura, Leo e Lea acompañarannos para descubrir que detrás de cada lenda se agochan historias sorprendentes, costumes, crenzas e saberes que forman parte da nosa memoria colectiva.

A biblioteca volverá ser un espazo de encontro, lectura, investigación e creatividade, onde compartiremos experiencias, daremos vida ás historias e seguiremos construíndo novas aprendizaxes entre todas e todos.

Porque as lendas son moito máis ca historias fantásticas: son unha porta aberta á nosa cultura, á memoria dos pobos e ao poder da imaxinación.

Preparade os vosos libros, espertade a curiosidade e deixádevos levar pola maxia...

O MUÍÑO ENCANTADO ABRE AS SÚAS PORTAS!

QUE COMECE A MAXIA! 





venres, 19 de xuño de 2026

MISIÓN VERÁN: LER, IMAXINAR E DESCUBRIR

 Coa chegada das vacacións, deixámosvos unha última proposta para seguir viaxando a través dos libros.

As bibliotecas escolares dos centros públicos de Ames elaboramos conxuntamente esta Guía de Verán 2026, unha selección de lecturas para diferentes idades e intereses pensada para acompañar ao alumnado durante os meses de descanso.

Historias de aventura, humor, misterio, fantasía, emoción, ciencia e moitas sorpresas agárdanvos entre as súas páxinas.

Agardamos que esta guía vos axude a descubrir novas lecturas e a seguir alimentando a curiosidade e a imaxinación durante o verán.

Porque cada libro pode ser o comezo dunha nova aventura.

Feliz verán e felices lecturas!

PREME NA IMAXE



AGRONAUTAS: MISIÓN CUMPRIDA

Chegamos ao final dunha emocionante viaxe que nos acompañou ao longo de todo este curso. A través do noso PDI Agronautas en órbita, o alumnado converteuse en explorador do coñecemento, descubrindo os segredos do universo e aprendendo a mirar máis alá do horizonte.

Durante estes meses, a Agrobiblio transformouse nun punto de encontro para a lectura, a investigación, a creatividade e a colaboración. Libros, experimentos, proxectos, podcasts, exposicións, obradoiros, encontros e moitas outras experiencias permitíronnos aprender xuntos e construír novas aventuras arredor do coñecemento.

Cada actividade, cada lectura compartida e cada reto superado formaron parte desta gran misión colectiva na que alumnado, profesorado e familias contribuíron a facer medrar a nosa comunidade educativa.

Agora é momento de descansar, gozar do verán e recargar enerxía para novos desafíos. Pero antes de apagar os motores da nosa nave, queremos dar as grazas a todas as persoas que fixeron posible esta viaxe.

A misión Agronautas chega ao seu destino, mais a curiosidade, a ilusión por aprender e o amor polos libros seguirán acompañándonos alá onde vaiamos.

E quen sabe... Quizais en setembro nos agarde unha nova aventura chea de historias, misterios e maxia por descubrir.

Bo verán e felices lecturas!

O equipo da Agrobiblio.




PECHAMOS O CURSO NA CARBALLEIRA DE ORTOÑO

 Hoxe, 19 de xuño, puxemos o broche final ao curso 2025-2026 cunha gran festa na Carballeira de Ortoño.

O alumnado e o profesorado desprazámonos ata este fermoso espazo para gozar dunha xornada de convivencia, música tradicional, merenda campestre e, por suposto, dun refrescante xeado para celebrar a chegada do verán.

Foi unha mañá chea de alegría, risas e bos momentos compartidos que serviu para despedir un curso intenso e inesquecible.

Vémonos en setembro. O verán comeza... pero algo nos di que o próximo curso traerá historias realmente encantadoras.

Feliz verán!

PREME NA IMAXE




xoves, 18 de xuño de 2026

O PRINCIPIÑO CHEGA AO PALACIO DE CRISTAL

 Tras a emocionante representación na Casa da Cultura de Bertamiráns, o alumnado de 6º volveu subir ao escenario para compartir O Principiño co resto da comunidade educativa do CEIP Agro do Muíño.

O Palacio de Cristal encheuse de maxia, música, danza, expresión dramática e acrosport nunha actuación moi especial na que os nenos e nenas de Infantil e Primaria, xunto co profesorado, puideron gozar desta fermosa adaptación inspirada no noso PDI Agronautas en órbita.

Foi unha oportunidade para compartir co resto do centro o resultado de meses de traballo, esforzo, ilusión e aprendizaxe, demostrando unha vez máis o talento, a creatividade e o compromiso do noso alumnado de 6º.

Grazas por facernos soñar, emocionarnos e lembrar que o esencial é invisible aos ollos.

A voar, rapazada!

Fin dunha etapa. Comezo de mil aventuras.

PREME NA IMAXE



DESPEDIDA DOS NOSOS BIBLIOAXUDANTES, ANIMADORES/AS Á LECTURA E TÉCNICOS DE SON

MISIÓN CUMPRIDA, TRIPULACIÓN AGROBIBLIO 

Hoxe despedimos a unha parte moi especial da nosa tripulación: os nosos biblioaxudantes, animadores/as á lectura e técnicos de son de 6º.

Ao longo deste curso, a nosa biblioteca contou cun equipo extraordinario de alumnado que dedicou parte do seu tempo, da súa ilusión e do seu compromiso a facer de Agrobiblio un lugar mellor para todos e todas.

Os biblioaxudantes colaboraron na organización dos fondos, no préstamo, na orde dos espazos, no funcionamento da biblioteca, no torneo de xadrez e en moitas outras tarefas imprescindibles para o día a día.

Pola súa banda, os animadores e animadoras á lectura converteron os libros en aventuras compartidas, levando contos, representacións e actividades lectoras aos máis pequenos e pequenas do centro, contaxiando o seu entusiasmo pola lectura.

Tamén queremos agradecer o labor dos nosos técnicos de son, que fixeron posible o funcionamento de Radio AgroOnda e colaboraron con responsabilidade e profesionalidade nas diferentes actividades realizadas ao longo do curso.

Hoxe pechades unha etapa no CEIP Agro do Muíño deixando unha pegada inesquecible en Agrobiblio. Grazas polo voso esforzo, responsabilidade, creatividade, compromiso e xenerosidade. Sen vós, moitas das actividades que fan da nosa biblioteca un espazo vivo, participativo e cheo de historias non serían posibles.

Levades convosco moitas experiencias, aprendizaxes e recordos, pero tamén deixades aquí unha parte de vós que seguirá formando parte da historia de Agrobiblio.

Foi un orgullo contar convosco nesta misión.

Moita sorte na nova aventura que está a piques de comezar. Agrobiblio sempre será a vosa casa.

Grazas por facer medrar Agrobiblio cada día.

Ata sempre, agronautas.

PREME NA IMAXE



mércores, 17 de xuño de 2026

O PRINCIPIÑO: UNHA DESPEDIDA INESQUECIBLE

 A Casa da Cultura de Bertamiráns converteuse no escenario dunha tarde chea de emocións coa representación de O Principiño por parte do alumnado de 6º de Primaria.

Inspirada no noso PDI Agronautas en órbita, esta adaptación permitiulles compartir coas súas familias o resultado de meses de traballo, ensaios, aprendizaxes e ilusión. Música, danza, expresión dramática e acrosport uníronse para dar vida a unha historia que fala da amizade, dos soños e da importancia de mirar máis alá do visible.

Esta actuación serviu tamén como unha fermosa despedida da súa etapa no CEIP Agro do Muíño, pechando un capítulo cheo de experiencias, recordos e momentos compartidos.

Moitísimas grazas a Alicia polo seu traballo, dedicación e compromiso ao longo destes cursos, facendo posible unha despedida tan especial para o noso alumnado.

Moita sorte nesta nova etapa que está a piques de comezar.

A voar, rapazada!

Fin dunha etapa. Comezo de mil aventuras. 

PREME NA IMAXE



martes, 16 de xuño de 2026

PODCAST: PATIOS INCLUSIVOS E DINÁMICOS EN AGRO DO MUÍÑO

 Este curso, no noso centro, comezamos novas propostas para facer que o noso patio sexa máis inclusivo e dinámico: disco patio, taller de pulseiras, ... 

E que opinan os nenos e nenas deses cambios?