venres, 27 de marzo de 2026

FALADOIRO FILLOAS CON QUÍMICA 2º A

 Hoxe vivimos unha xornada moi especial coa visita dos pais de Aloia, que nos ofreceron o faladoiro “Filloas con Química”.

Comezamos con experimentos sorprendentes, onde o alumnado descubriu reaccións químicas e curiosidades científicas. Despois, puxémonos mans á masa nun obradoiro de filloas, elaborando e degustando diferentes variedades.

Unha experiencia moi completa que uniu ciencia e tradición, facendo do proceso “do muíño á mesa” unha aprendizaxe inesquecible.

Grazas á familia de Aloia pola súa implicación e por regalarnos un día tan especial.

PREME NA IMAXE



APADRIÑAMENTOS LECTORES DE MARZO

 Este mes de marzo celebramos unha nova sesión de apadriñamentos lectores na nosa biblioteca. Unha vez máis, os padriños e madriñas compartiron momentos de lectura cos seus afillados e afilladas, creando un espazo de encontro arredor dos libros.

Entre contos, risas e complicidades, seguimos fortalecendo o gusto pola lectura e os lazos entre o alumnado de diferentes niveis.

Cada último venres de mes, a lectura convértese nunha experiencia compartida que enriquece a toda a comunidade educativa.

PREME NA IMAXE



mércores, 25 de marzo de 2026

A TOUPIÑA CHEGA A 1º B

 As animadoras á lectura de 6º de Primaria, Julieta, África, Rocío e Lucía, visitaron a aula de 1º B para contar o conto A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza. Acompañadas do seu teatriño e das marionetas que elaboraron durante varios recreos, deron vida á historia dunha maneira divertida e moi expresiva.

O alumnado seguiu o conto con moita atención, gozando de cada momento e vendo como as personaxes cobraban vida diante deles. A experiencia foi tan motivadora que non se conformaron cun só conto… querían máis.

Unha xornada chea de lectura, creatividade e ilusión compartida.

Grazas ás animadoras polo seu traballo e dedicación.

PREME NA IMAXE



martes, 24 de marzo de 2026

FALADOIRO: MISIÓN ESPECIAL: PRIMEIROS AUXILIOS 2º B

 Hoxe tivemos un faladoiro moi importante da man de Niria, nai de Oliver Viaño, que veu ao colexio para ensinar ao alumnado de 2º B nocións básicas de primeiros auxilios.

Aprendemos como actuar en caso de queimaduras, contusións ou feridas, e tamén a importancia de chamar ao 112. Ademais, coñecemos as siglas PAS (Protexer, Avisar e Socorrer), fundamentais en situacións de emerxencia, e iniciámonos na práctica da RCP.

Para rematar, e como en toda boa formación, o alumnado recibiu un diploma acreditativo da aprendizaxe adquirida.

Moitas grazas, Niria, por este faladoiro tan útil e necesario!

PREME NA IMAXE 



venres, 20 de marzo de 2026

PLANTANDO HOXE AS LECTURAS DE MAÑÁ 2º A

 Con motivo do Día da Árbore, o alumnado de 2º A plantou unha cerdeira no patio do centro. Máis que unha árbore, é unha aposta polo futuro: un espazo que medrará ao mesmo tempo que os nenos e nenas que a coidarán e verán crecer ao longo dos anos.

Agardamos que, cando sexan maiores, poidan sentarse baixo a súa sombra para compartir historias, lecturas e momentos especiais durante os apadriñamentos lectores. Porque hoxe non só plantamos unha cerdeira; tamén sementamos ilusión, lembranzas e un lugar de encontro para as futuras xeracións de lectores e lectoras.

Hoxe plantamos unha árbore; mañá medrarán ao seu carón as lecturas, as amizades e os recordos.

PREME NA IMAXE




UNHA ÁRBORE CHEA DE POESÍA

 Con motivo do Día da Poesía e do Día da Árbore, o alumnado do noso centro encheu de palabras un dos espazos máis especiais da entrada do colexio.

Cada clase elaborou e compartiu os seus propios poemas, que foron pendurados nas pólas da nosa árbore, transformándoa nunha auténtica árbore da poesía. Moitas destas creacións estiveron inspiradas no noso PDI deste curso, Agronautas en órbita, combinando a beleza da poesía coa curiosidade polo universo, os planetas e a exploración espacial.

Versos, rimas, emocións e creatividade uníronse para celebrar a importancia da palabra, da imaxinación e do respecto pola natureza.

Un fermoso exemplo de como a poesía pode botar raíces e, ao mesmo tempo, facernos viaxar ata as estrelas.

PREME NA IMAXE 



FALADOIRO: HÉLICES DE BARCOS 4 ANOS B

 Hoxe tivemos un faladoiro moi interesante na aula de 4 anos B da man do pai de Marina, que traballa nunha empresa en Vilagarcía dedicada á fabricación de hélices para barcos, incluso para grandes trasatlánticos.

O alumnado puido coñecer como se elaboran estas pezas tan importantes, descubrindo a relación entre ciencia, tecnoloxía e mundo mariño.

Unha experiencia moi enriquecedora que nos achegou a unha profesión fascinante.

Grazas pola visita e por compartir connosco o teu traballo!

PREME NA IMAXE



FALADOIRO: AGRO TRIVIAL 3º C

 Hoxe tivemos un faladoiro moi especial grazas aos pais de Lois, que organizaron un Agro Trivial na aula. O alumnado dividiuse en dous equipos para participar nun xogo de preguntas sobre o espazo e o mar, poñendo a proba todo o aprendido.

Para rematar, Lois compartiu a súa paixón polos dinosauros, explicando detalles sobre o seu favorito e amosándonos un colmillo real deste réptil, que espertou moita curiosidade.

A actividade pechouse cun pequeno agasallo para cada neno e nena, poñendo o broche final a unha xornada moi divertida e enriquecedora.

Moitas grazas pola proposta e por facernos aprender xogando!

PREME NA IMAXE



martes, 17 de marzo de 2026

FALADOIRO: O ESPAZO NO CINE

 Este martes 17, Belén Martínez, xornalista e nai da nosa compañeira Uxía de 5ºB, deunos un faladoiro interesantísimo sobre a evolución de cono se veu o espacio na historia do cine. Explicounos como foron mellorando os efectos especiais e contounos os segredos de como se lograron algunhas das imaxes mais coñecidas das películas de ciencia ficción mais famosas.

Grazas pola túa colaboración.

PREME NA IMAXE



FALADOIRO: EL BOTÓN DE LA IMAGINACIÓN 5 ANOS A

 Yoli e Pili, a mamá e a avoa de Gael , viñeron ao cole a contarnos “El botón de la imaginación” para demostrarnos que hai outros xeitos de divertirse mellor que as pantallas e ata nos ensinaron como coser un botón. Pasámolo xenial!

Moitas grazas pola vosa colaboración!


PREME NA IMAXE



O CÓMIC TOMA A BIBLIOTECA

 Con motivo do Día do Cómic, na biblioteca do centro preparamos unha exposición de materiais para achegar ao alumnado ao fascinante mundo das viñetas.



Nesta mostra, o alumnado puido descubrir diferentes tipos de cómics, coñecer as súas partes e mergullarse en historias cheas de aventuras, humor e imaxinación. A través desta iniciativa, seguimos fomentando o gusto pola lectura dun xeito atractivo e motivador.

Unha oportunidade perfecta para descubrir que, entre viñetas, tamén se agochan grandes lectores e lectoras.

sábado, 14 de marzo de 2026

FALADOIRO: CONTO " LA LUNA Y SUS AMIGOS" 4 ANOS B

Onte tivemos un faladoiro moi especial na aula de 4 anos coa visita da nai de Elena, que nos veu contar o fermoso conto “A lúa e os seus amigos”.

A través desta historia, o alumnado gozou dunha viaxe chea de imaxinación, descubrindo a importancia da amizade, da axuda mutua e do respecto polos demais. A narración estivo chea de tenrura e conseguiu captar a atención de todos e todas.

Foi un momento moi bonito de escoita e participación, no que os nenos e nenas tamén puideron compartir as súas ideas e emocións.

Grazas pola túa colaboración.

PREME NA IMAXE