venres, 27 de febreiro de 2026

APADRIÑAMENTOS LECTORES DE FEBREIRO

 Na Agrobiblio seguimos fomentando momentos de lectura compartida entre o alumnado do centro. A partir de agora, os apadriñamentos lectores realizaranse o último venres de cada mes, un encontro no que o alumnado maior acompaña ao máis pequeno para ler xuntos, descubrir historias e gozar dos libros.

E como xa estamos a finais de febreiro… toca volver aos apadriñamentos lectores. Unha nova oportunidade para compartir contos, aprender uns dos outros e seguir facendo da lectura unha experiencia especial.

Porque na nosa biblioteca, as historias viaxan de lector en lector

PREME NA IMAXE



mércores, 25 de febreiro de 2026

O PORCO BRAVO EN 1º C

 Nesta ocasión, Teo, o noso animador á lectura, visitou a aula de 1º C para compartir o seu propio conto, "O porco bravo".

A través da súa interpretación e dos recursos preparados, conseguiu captar a atención do alumnado, que escoitou a historia con interese e curiosidade. Foi unha experiencia moi especial, xa que puideron desfrutar dun conto creado polo propio alumno.

Unha nova mostra de creatividade, ilusión e gusto pola lectura compartida.

Grazas a Teo polo seu traballo, dedicación e por compartir a súa historia.

PREME NA IMAXE



luns, 23 de febreiro de 2026

CANCIÓN:ROSALÍA ESTRELA NO CEO

 Con motivo do Día de Rosalía de Castro, na biblioteca quixemos relacionar a súa figura co noso proxecto anual, Agronautas en órbita. Na súa poesía aparecen con frecuencia a noite, o ceo, a lúa ou as estrelas, elementos que tamén nos conectan coa idea de explorar e descubrir o universo.

Para esta ocasión creamos unha pequena canción titulada “Rosalía, estrela no ceo”, inspirada na súa vida e na súa obra. A través dela lembramos que Rosalía non viaxou en foguete nin falou de galaxias, pero si explorou outro universo: o das emocións e o das palabras.

Do mesmo xeito que os nosos Agronautas miran ao ceo para descubrir planetas e estrelas, Rosalía mirábao para atopar inspiración e transformar sentimentos en poesía. Así, entre versos e estrelas, seguimos descubrindo que a literatura tamén pode ser unha maneira de viaxar moi lonxe.



Rosalía e o noso Universo lector

 Na poesía de Rosalía de Castro aparecen moitas veces a noite, o ceo, a lúa e as estrelas.

Ela non falaba de foguetes nin de galaxias, pero si exploraba outro universo: o das emocións.

Se nós somos Agronautas que viaxamos polo espazo, Rosalía foi unha viaxeira da alma.

Para Rosalía, as estrelas eran pequenas luces na escuridade, coma versos que iluminan cando todo parece escuro.

A lúa acompañaba a soidade, escoitaba os pensamentos e gardaba segredos no silencio da noite.

O ceo nocturno era un lugar para pensar, lembrar e sentir; un espazo inmenso onde cabían a saudade, o amor e a esperanza.

Nós buscamos estrelas no universo.Ela atopábaas nas palabras.

Nós miramos ao ceo para descubrir planetas. Ela mirábao para escribir poesía.

E así, entre versos e emocións, Rosalía tamén viaxou en órbita… pero coa forza da súa lingua e do seu corazón.


sábado, 21 de febreiro de 2026

Agronautas que innovan en Innov@mes

PREMIOS INNOVAMES 

O pasado venres 20 de febreiro, o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria participou na VI Edición das Xornadas de Innovación de Ames, Innov@mes.

Durante a xornada presentaron dous interesantes proxectos:
5º E.P.: Materiais dos que están feitos os planetas
6º E.P.: O cerebro artificial: a micro:bit

Grazas ao seu traballo, creatividade e esforzo, acadaron o 2º e o 4º premio do certame.

Parabéns a todo o alumnado participante e ás súas mestras polo excelente traballo realizado.






venres, 13 de febreiro de 2026

UN ENTROIDO DOUTRO PLANETA

 No marco do noso proxecto Agronautas en Órbita, este ano o Entroido converteuse nunha auténtica viaxe polo espazo. Desde Infantil ata 6º de Primaria, todo o alumnado desfilou e actuou con disfraces inspirados no universo: lúas, soles, alieníxenas, cohetes, estrelas, o sistema solar, constelacións, astronautas… e mesmo puidemos ver galegos e galegas na Lúa.

O pavillón transformouse nunha pequena galaxia chea de música, baile e ilusión. Foi unha xornada para despegar coa imaxinación e demostrar que no Muíño seguimos orbitando xuntos arredor da creatividade.


PREME NA IMAXE



xoves, 12 de febreiro de 2026

FALADOIRO: Iria e os Xenerais do Ulla

 Hoxe tivemos un faladoiro moi especial da man de Iria, tía de Olver, que veu achegarnos unha das tradicións máis singulares do noso Entroido: os Xenerais do Ulla.

Aprendemos que os Xenerais do Ulla son unha celebración propia da comarca do Ulla, na que os protagonistas percorren as aldeas a cabalo, vestidos con uniformes cheos de cor e protagonizando os tradicionais “atranques”.

Ademais, descubrimos algo moi importante: Iria foi a primeira muller en converterse en Xeneral do Ulla, abrindo camiño nunha tradición con moita historia.

Moitas grazas por compartir connosco esta experiencia e por axudarnos a coñecer e valorar o noso patrimonio.

Grazas pola túa colaboración!

PREME NA IMAXE



FALADOIRO: FILLOAS DE ENTROIDO 4 ANOS B

 Hoxe veu a nai de Mateo Vázquez e trouxo unhas bandexas de orellas feitas por ela e pola avoa. Falamos dos ingredientes, de como se facían... Logo comémolas e, por último, fixemos as fichas.

Grzas pola túa colaboración.

PREME NA IMAXE



mércores, 11 de febreiro de 2026

Cando piden outro conto…

 Continuamos cos Animadores á lectura, que seguen levando as súas historias ás distintas aulas na hora de ler. Nesta ocasión, o alumnado de 1º B estivo moi atento ao conto, escoitando con interese e desfrutando da interpretación e dos monicreques preparados por 6º.

Pero quixeron máis… e pediron outro conto. Os animadores e animadoras non o dubidaron e improvisaron unha nova historia cos elementos que tiñan á man. Foi un momento fantástico que nos encantou a todos e todas.

Así medra a lectura compartida no Muíño.




11 de febreiro: Pequenos científicos celebrando a Muller e a Nena na Ciencia

 O 11 de febreiro, coincidindo co Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, a cativada de 6º de Infantil participou no obradoiro “Pequenos científicos”, organizado polo Concello de Ames.

Nesta actividade achegámonos á figura de Marie Curie, coñecemos os seus descubrimentos sobre a radioactividade e experimentamos coa luz e as cores a través de pinturas fluorescentes.

Unha mañá chea de curiosidade, aprendizaxe e admiración polas mulleres científicas.

Anímate a ver o vídeo e descubrir todo o que fixemos.



Mulleres que iluminan a ciencia

 Con motivo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, na biblioteca Agrobiblio organizamos unha pequena exposición de libros sobre mulleres científicas que cambiaron o mundo.

Un recuncho para descubrir referentes, espertar curiosidade e lembrar que a ciencia tamén é cousa de nenas.

martes, 10 de febreiro de 2026

FALADOIRO: EXPLORANDO O SISTEMA SOLAR E AS GALAXIAS 2º B

 Hoxe tivemos un faladoiro moi interesante da man de Miguel Cortés, pai de Julieta, co que seguimos investigando o noso Sistema Solar.

A través dunha proposta moi dinámica, o alumnado participou na creación dun crebacabezas, ao tempo que descubrían curiosidades sobre o Universo e aprendían a identificar diferentes galaxias.

Unha experiencia moi enriquecedora que nos axuda a seguir viaxando e aprendendo sobre o espazo.

Moitas grazas, Miguel, por compartir connosco este faladoiro tan interesante!

PREME NA IMAXE