Un mes de lecturas sostibles para o alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria dentro do noso proxecto interdisciplinar Agronautas en órbita.
Durante o mes de outubro, a nosa biblioteca contou co préstamo da Maleta Climática: Muda o clima, mudemos nós, un recurso educativo cedido polo CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) dentro do programa Por unha Transición Ecolóxica, co apoio da Deputación da Coruña.
Esta maleta, composta por unha selección de libros informativos e álbums ilustrados, permitiu ao alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria achegarse dun xeito atractivo e reflexivo á emerxencia climática, comprendendo as causas e consecuencias do cambio climático, así como as pequenas accións que todos e todas podemos realizar para coidar o noso planeta.
A actividade encaixa á perfección co noso proxecto interdisciplinar “Agronautas en órbita”, no que aprendemos que a Terra é o noso fogar e que non hai planeta B. Por iso, ler, reflexionar e actuar son pasos imprescindibles para garantir un futuro sostible e saudable para todos os seres vivos.
A Maleta Climática apoia varios Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030, como o número 7 (Enerxía asequible e non contaminante), o 11 (Cidades e comunidades sostibles), o 12 (Produción e consumo responsables) e o 13 (Acción polo clima).
Un mes de lecturas para pensar, coidar e transformar o mundo dende a nosa biblioteca.