Durante unha semana, o alumnado do colexio participou na formación de usuarios e usuarias da Agrobiblio, unha actividade pensada para coñecer mellor o funcionamento da nosa biblioteca escolar e aprender a gozar dela con responsabilidade.
Da man de Leopoldo e Lea, as nosas mascotas lectoras, descubrimos todo o que a Agrobiblio nos ofrece: os espazos de lectura e creación, o sistema de préstamo e devolución de libros, o uso do carné virtual, as normas básicas de comportamento e os servizos especiais, como a Nave dos Contos, a Mochila viaxeira, a Radio Agro Onda ou o proxecto anual Agronautas en órbita.
O alumnado tamén aprendeu a recoñecer as sinaturas e pegatinas dos libros, a distinguir as distintas seccións da biblioteca (literatura, consulta, banda deseñada, poesía, teatro, inglés, novidades…) e a manexar o material con coidado, colaborando para manter a biblioteca ordenada, acolledora e viva.
Esta actividade é fundamental para fomentar a autonomía lectora, o uso responsable dos recursos comúns e o sentimento de pertenza á nosa biblioteca, que cada curso se enche de novas historias, lecturas e soños compartidos.
Agora que xa coñecemos mellor a nosa Agrobiblio… toca ler, investigar e seguir desfrutando deste espazo tan especial!
