venres, 7 de novembro de 2025

Laboratorio de ideas incribles

 Neste recanto atoparás libros que acenden a curiosidade e nos convidan a mirar o mundo con novos ollos. Son historias de descubrimentos inesperados, investigacións fascinantes e biografías de persoas científicas que se atreveron a facer as preguntas que ninguén facía antes.

Cada páxina é unha porta aberta ao asombro: fenómenos curiosos, inventos que naceron dunha idea tola, preguntas que buscan respostas… e respostas que crean novas preguntas.

Aquí a ciencia convértese en aventura, misterio e maxia ben explicada.
Tamén atoparás experimentos sinxelos que transforman a lectura nun xogo para aprender facendo, explorando e imaxinando.

Atrévete a investigar. Neste laboratorio, todo pode suceder.

xoves, 6 de novembro de 2025

Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas Novembro 2025

 


Novembro chega ao Muíño con bata branca e moita curiosidade!
Celebramos o Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas, unha ocasión para achegar a investigación, a creatividade e o coñecemento científico ao alumnado, desde o noso espazo de lectura, aprendizaxe e experimentación.

Este curso, inspirámonos nas palabras de Concepción Paz Penín, autora do manifesto deste ano, que nos lembra que “as bibliotecas son nodos de encontro, conexión social e aprendizaxe permanente, onde o coñecemento circula e a ciencia se comparte”.

Desde a nosa biblioteca, transformada por uns días en laboratorio, Leo e Lea convídannos a investigar, preguntar, probar, errar e volver intentar, porque a ciencia tamén é curiosidade, imaxinación e espírito crítico.

Así sementamos e degustamos a ciencia no Muíño: en galego, con ganas de aprender e coa ilusión de descubrir xuntos o mundo que nos rodea.




martes, 4 de novembro de 2025

Portas abertas do Samaín: o Muíño encheuse de maxia!

 O CEIP Agro do Muíño viviu unha tarde moi especial de portas abertas para celebrar o Samaín.

Familias, alumnado e profesorado compartiron unha xornada chea de maxia, música, disfraces e moita diversión, coa valiosa colaboración do ANPA, que axudou a facer posible esta gran festa. 

O cole enteiriño —aulas, corredores e espazos comúns— transformouse grazas ás decoracións, cabazas, contos, exposicións e actividades preparadas con tanta ilusión ao longo da semana.

Un Samaín inesquecible, cheo de creatividade, convivencia e emoción para toda a comunidade educativa do Muíño!

PREME NA IMAXE



Un paseo terroríficamente divertido entre cabazas!

 Durante estes días, os nenos e nenas do cole pasaron a visitar a exposición de cabazas preparada polas familias con moita creatividade e ilusión. 

Nos corredores do Muíño podían verse cabazas de todas as cores e formas, con meigas, pantasmas, monstros e astronautas cheos de imaxinación.

Os máis pequenos e maiores grazas a esta visita gozaron, sorprenderon e aprenderon, vendo de preto as marabillas que se poden crear en familia.

Unha exposición terroríficamente divertida e chea de arte!

PREME NA IMAXE



O Samaín máis creativo no Muíño!

 Este Samaín encheu o Muíño de arte, cor e moita creatividade.

Nas aulas, o alumnado traballou con pinturas, recortes, cabazas, monstros, pantasmas e moita imaxinación, dando forma a auténticas obras de arte terroríficamente bonitas. 

Entre pinceis, cartolinas e sorrisos, cada clase puxo o seu toque especial para decorar o cole e celebrar o Samaín dun xeito moi creativo.

PREME NA IMAXE



luns, 3 de novembro de 2025

Exposición de cabazas no Muíño: creatividade en familia!

 Un ano máis, o noso cole celebrou o Samaín cunha fantástica exposición de cabazas cheas de maxia, humor e moita creatividade. 

As familias colaboraron decorando cabazas de todas as formas e estilos: pantasmas, monstros, astronautas, bruxas, planetas e moitas outras ideas orixinais que deixaron a todos abraiados.

O resultado foi un auténtico universo de imaxinación e cores, que encheu os corredores do Muíño dun ambiente festivo e moi especial.

Grazas a todas as familias pola vosa implicación e entusiasmo!


Decoramos o Muíño para o Samaín!

 O alumnado de 2º, 5ºB e 5 anos puxo toda a súa imaxinación e talento artístico ao servizo da decoración do noso pabillón para a festa do Samaín.

Entre pinceis, cores e moita creatividade, deron vida a pantamas, cabazas, meigas e monstros simpáticos, enchendo o espazo dun ambiente misterioso e divertido. 

Grazas a todos e todas por facer que o Muíño luzca tan terrorificamente bonito!

PREME NA IMAXE



Disfraces de medo no Muíño: meigas, pantasmas e monstros simpáticos invaden o cole!

 O noso cole encheuse de cor, imaxinación e moita diversión para celebrar o Samaín.

Meigas, pantasmas, monstros, esqueletes e criaturas sorprendentes percorreron os corredores, compartindo risas e algún que outro susto.

Foi unha xornada chea de creatividade, música e espírito festivo, na que o alumnado puido amosar os seus fantásticos disfraces e gozar dun día moi especial.

Así vivimos o Samaín no Muíño: con medo, maxia e moito humor!

PREME NA IMAXE



O Samaín en cómic con 2ºB!

 O alumnado de 2ºB celebrou o Samaín dun xeito moi creativo, traballando o mundo do cómic nas aulas.

A partir de historias cheas de pantamas, bruxas e monstros simpáticos, practicaron como se constrúe un cómic: observando as viñetas, recoñecendo as personaxes e relacionando cada bocadillo co seu protagonista

Desta forma, aprenderon a comprender mellor as historias, a expresarse con imaxes e palabras, e a gozar da lectura dun xeito diferente e divertido.

Un Samaín cheo de humor, imaxinación e moitos bocadillos faladores!

PREME NA IMAXE





Contos de medo (que non dan tanto medo!) en Infantil

 Durante estes días, o alumnado de Educación Infantil mergullouse nun mundo cheo de contos misteriosos, meigas, pantasmas e risas.

As lecturas terroríficas chegaron non só á biblioteca, senón tamén ás aulas, que se encheron de maxia, emoción e moita imaxinación. 

Descubrimos que os contos de medo tamén poden ser moi divertidos e que nas historias máis escuras sempre agroma un final cheo de cor e alegría. 

Así vivimos o noso Samaín máis lector no Muíño!

PREME NA IMAXE



A imaxinación cobra vida na Biblioteca Creativa!

 A nosa Biblioteca Creativa é un espazo cheo de ideas, cores e imaxinación onde o alumnado pode crear, experimentar e aprender facendo.

Aquí as mans e a mente traballan xuntas: construímos, deseñamos, inventamos e damos forma aos soños a través de proxectos, manualidades e actividades manipulativas.

Este curso, dentro do proxecto interdisciplinar “Agronautas en órbita”, exploraremos tamén o universo da creatividade, combinando ciencia, arte e fantasía para dar vida ás nosas ideas. 

Un lugar onde cada creación conta… e cada neno e nena pode deixar a súa pegada no Muíño!



Volven os Faladoiros no Muíño!

 Este curso o noso cole lánzase a unha nova aventura co proxecto interdisciplinar “Agronautas en órbita”, no que exploraremos o espazo, os planetas e o universo.

Dende a biblioteca queremos poñer en marcha de novo a actividade Faladoiros no Muíño, un espazo moi especial no que as familias podedes achegarvos ao centro, en horario lectivo, para compartir experiencias, saberes ou historias co alumnado.

Podedes falar dunha vivencia persoal, facer unha demostración, contar unha lenda, explicar unha curiosidade científica... O importante é compartir ilusión, aprendizaxes e momentos en común.

Ao longo desta semana o alumnado levará para casa unha carta informativa coa que poderedes anotar o voso nome e teléfono se queredes participar.

Grazas por ser parte desta viaxe polo coñecemento e pola palabra compartida!