martes, 15 de setembro de 2026

O Muíño encantado: seres mitolóxicos e lendas

 O Muíño encantado: onde as lendas cobran vida!

Un novo curso comeza no CEIP Agro do Muíño e, con el, unha aventura chea de maxia, misterio, imaxinación e descubrimentos.

Despois de percorrer o universo cos nosos Agronautas, este ano regresamos á Terra para descubrir un mundo igualmente fascinante: o dos seres mitolóxicos, os mitos e as lendas.


Algo extraordinario está a acontecer en Agrobiblio... Entre os libros e os recunchos da nosa biblioteca comezan a espertar trasnos rebuldeiros, mouras misteriosas, meigas, fadas, dragóns e outros seres fantásticos que nos convidan a descubrir os segredos agochados nas lendas.

Este curso, o noso alumnado converterase en exploradores e exploradoras de historias, lendas e tradicións, dispostos a investigar, facer preguntas, ler, imaxinar, crear e compartir novos descubrimentos.

Co noso Proxecto Documental Integrado «O Muíño encantado: seres mitolóxicos e lendas», iniciaremos unha viaxe pola riqueza da mitoloxía e das tradicións galegas, abrindo tamén as portas aos mitos, lendas e seres fantásticos doutras culturas do mundo.

Ao longo desta aventura, Leo e Lea acompañarannos para descubrir que detrás de cada lenda se agochan historias sorprendentes, costumes, crenzas e saberes que forman parte da nosa memoria colectiva.

A biblioteca volverá ser un espazo de encontro, lectura, investigación e creatividade, onde compartiremos experiencias, daremos vida ás historias e seguiremos construíndo novas aprendizaxes entre todas e todos.

Porque as lendas son moito máis ca historias fantásticas: son unha porta aberta á nosa cultura, á memoria dos pobos e ao poder da imaxinación.

Preparade os vosos libros, espertade a curiosidade e deixádevos levar pola maxia...

O MUÍÑO ENCANTADO ABRE AS SÚAS PORTAS!

QUE COMECE A MAXIA!