martes, 21 de outubro de 2025

Descubrindo as plantas invasoras na Agrobiblio

 A Agrobiblio acolleu unha nova proposta ambiental moi interesante: uns obradoiros sobre as plantas invasoras en Galicia, nos que o alumnado de 4º e 5º de Primaria aprendeu a recoñecer estas especies e a comprender o seu impacto na natureza.

A actividade estivo organizada pola asociación AMABUL dentro do programa Aula Ambiental Ulla+25, e combinou ciencia, aprendizaxe e diversión. 

As invasoras tamén teñen o seu aquel!

A rapazada de 4º e 5º de Primaria participou nestes días nuns obradoiros moi especiais sobre as plantas invasoras en Galicia, organizados pola asociación AMABUL dentro do programa Aula Ambiental Ulla+25.

Os obradoiros comezaron cunha visita guiada pola exposición “Wood Wide Web”, onde puideron descubrir os segredos do bosque e como as árbores se comunican entre si (si, si, falan... á súa maneira!). Despois, a diversión continuou con xogos adaptados á súa idade, para aprender de forma lúdica e participativa por que é tan importante coñecer as plantas invasoras que temos tan preto.

E é que... moitas delas están tan presentes na nosa contorna que xa pensamos que son galegas de toda a vida! Pero non! 
Algunhas das máis coñecidas son:

A herba da pampa (Cortaderia selloana), esa planta enorme con penachos brancos que vemos polas beiras das estradas.
A acacia negra (Acacia melanoxylon), que medra rapidísimo e despraza as árbores autóctonas.
A uña de gato (Carpobrotus edulis), moi típica nas zonas costeiras, que forma alfombras e non deixa espazo ás outras especies.

A actividade rematou por todo o alto, xa que os grupos do último obradoiro tiveron a sorte de contar cunha parella maior encantadora, que compartiu con nós lembranzas de cando eran novos, contándonos que plantas había antes e para que as empregaban. 
Foi unha experiencia interxeracional preciosa, chea de aprendizaxe, historias e emocións.

Podedes clicar na imaxe e desfrutar co vídeo resumo da actividade.
Non vos perdades esta aventura verde!