Da man de Miriam, a experta que se achegou ao noso cole, descubrimos moitísimas curiosidades sobre os cogomelos que habitan nos montes galegos. Aprendemos que non todos son comestibles… pero todos son importantes para o equilibrio da natureza!
Sabías que...
-
Os fungos axudan a limpar o solo e a descompoñer restos orgánicos, converténdoos en nutrientes para as plantas.
-
Moitos cogomelos crean redes subterráneas que conectan as raíces das árbores, permitindo que compartan auga e minerais entre elas (é o que se coñece como a Wood Wide Web!).
-
Ademais, colaboran a reter carbono e así axudan a frear o cambio climático.
Durante a xornada, o alumnado participou nunha visita guiada pola exposición “Wood Wide Web” e xogou a divertidos xogos adaptados ás diferentes idades, nos que aprenderon de maneira lúdica a importancia ecolóxica dos fungos.
Foron momentos de diversión, aprendizaxe e natureza, nos que tanto os pequenos como as pequenas descubriron que, aínda que ás veces pasen desapercibidos, os cogomelos son auténticos heroes do bosque
Estes obradoiros contaron coa financiación da Deputación da Coruña, e deixáronnos con ganas de seguir explorando os segredos que agocha o noso entorno natural.
Grazas, AMABUL e Miriam, por axudarnos a mirar o monte con outros ollos... e por ensinarnos que coidar o medio ambiente tamén pode ser moi divertido!
Se clicades na seguinte imaxe, poderedes ver un vídeo de como desfrutou a nosa rapazada durante esta experiencia micolóxica!
