Como estamos celebrando o Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas, desde o equipo de Agrobiblio decidimos realizar un pequeno experimento cada día cos grupos que teñen quenda de recreo. Queremos que a ciencia se viva, se toque e se experimente… e hoxe demos o primeiro paso!
Nesta ocasión comezamos co alumnado de 3º, que puido gozar dun experimento tan sinxelo como sorprendente: “A galaxia de Agrobiblio”, tamén coñecido como o experimento da leite máxica. O alumnado que quixo participar achegouse á mesa científica, observou os materiais e formulou a súa hipótese sobre o que pensaban que ía suceder cando o xabón entrase en contacto coa superficie da leite.
Despois de experimentar e ver como as cores se movían creando formas similares a pequenas galaxias, compartimos coa rapazada a explicación científica: o xabón rompe a tensión superficial da leite e fai que as graxas se movan, provocando ese efecto tan chamativo.
Unha primeira sesión chea de sorpresa, curiosidade e moitas ganas de seguir descubrindo durante todo o Mes da Ciencia.
PREME NA IMAXE
