martes, 15 de noviembre de 2022

As nenas e nenos do Consello sectorial de Ames participan no X Foro de Participación Infantil Parlamento de Galicia-Unicef

 O Parlamento de Galicia acolleu este mediodía a décima edición do foro infantil organizado coa colaboración de Unicef, contemplado expresamente no Pacto Galego pola Infancia rubricado polos grupos que integran a Cámara autonómica. En dito foro participaron nenas e nenos do Consello sectorial de Ames xunto con representantes dos consellos locais de participación infantil e adolescente de Moeche, Teo, Viveiro, Moaña, Ponteareas, Tomiño, Redondela, Nigrán, Castrelo de Miño, Cabanas e Burela. Xunto ás nenas e nenos de Ames acudiron a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, e mailo técnico da Oficina de Voluntariado de Ames, Rubén Ramos. A saúde mental e a non discriminación das nenas e nenos foi un dos aspectos abordados polos consellos locais de participación infantil e adolescente.

En representación do Consello sectorial de Ames a voceira foi Xiana Pousa Pazos. Xunto á Xiana estiveron sentadas/os no escanos do Parlamento de Galicia do noso centro:  Antón Oliveira Varela, , mentres que de público asistiron Helena Guillén Gil e Nerea Brión Arufe. 

Propostas das nenas e nenos de Ames

A voceira do Consello sectorial de Ames, Xiana Pousa Pazos, foi a encargada de poñer voz ás propostas de todos os seus compañeiros e compañeiras. Deste xeito, propuxo non consumir substancias tóxicas (coma o tabaco, alcol ou outras drogas) tanto nas casas, coma nos centros educativos e, en xeral, en toda a comunidade de Ames; e que nos anuncios e cartaces de Ames se amose a diversidade de corpos e persoas para que as nenas, nenos e adolescentes poidamos crecer nunha sociedade máis respectuosa, empática, e tolerante coa diversidade.

Tamén solicitou loitar contra aqueles modelos de comportamento que, trasladados dende diferentes medios de comunicación, amosan exemplos de irresponsabilidade e falta de respecto cara outras persoas, con modos de participar erróneos, termos malsoantes, e outros xestos incorrectos que as persoas poden acoller como modelo e chocan contra o interese das nenas e nenos do FoPIA de construír unha sociedade máis empática, respectuosa, e educada; e seguir apostando pola programación de actividades para a poboación infantil e adolescente de Ames.

Por último, propuxo crear un espazo para nós, para socializar e realizar outras actividades que nós solicitemos, como por exemplo charlas que nos interesen, ou outras; e que as nenas, nenos e adolescentes teñamos acceso en Ames a unha persoa psicóloga que nos axude a coidar a nosa saúde mental. Ademais, que esa persoa psicóloga sexa accesible a toda a infancia e adolescencia independentemente da condición de cada familia coidadora ou persoa.

A presidenta de Unicef Comité Galicia, Myriam Garabito, destacou da intervención de Xiana a mención que fixo ás palabras respecto, igualdade e educación para que se puidesen converter nunha realidade.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, destacou “a calidade e a claridade das propostas formuladas polos voceiros e voceiras dos Consellos representados”. Tamén puxo en valor “o gran traballo feito polos nosos nenos e nenas que demostran día a día e sesión a sesión a súa capacidade de traballo, a madurez das súas ideas e iniciativas, as leccións que nos dan en participación e democracia e máis se temos en conta que os nosos son nenos e nenas de primaria. Eles son o futuro e o futuro promete”.

preme na imaxe