miércoles, 28 de octubre de 2020

ACTIVIDADE NA NATUREZA: ORIENTACIÓN EN 6º DE PRIMARIA

 

Este curso debido á Covid 19, a actividade física de orientación de educación física só puido realizarse con 6º de primaria. O día 30 de setembro fixérona 6º A e 6º C e o 9 de outubro 6º B.

Nesta ocasión estivo relacionada co camiño de Santiago, concretamente coa ruta do Camiño francés.

Previamente á realización práctica desta actividade ao aire libre no parque de Bertamiráns, coméntaselles aos alumnos a información máis relevante relativa ao camiño de Santiago, en particular á ruta do Camiño francés. Dita información quedou á disposición do alumnado en Edixgal na área de educación física para a súa posible consulta posterior.

Tratábase de facer un percorrido polo parque de dez balizas. Cada baliza tiña unha pista: unha imaxe, palabra ou data relacionada coas etapas do Camiño francés. De 5 en 5 minutos saían correndo dous alumnos-as, concretamente o número par e o impar. Cada un levaba un mapa do parque no que aparecía a situación das balizas, a credencial coas 10 balizas relativas as etapas do camiño, un reloxo e un bolígrafo.  Os alumnos pares na súa credencial tiñan completas as pistas das balizas 1, 3, 5, 7 e 9 e debían cumprimentar as pares poñendo o indicado nas balizas 2, 4, 6, 8 e 10. Así mesmo, os impares nas súas credenciais debían facer a inversa. Desta forma cada alumno completaría na credencial 5 ocos, tendo en conta que dispoñía de 15´para facer o percorrido completo e atopar as 5 pistas correspondentes. Unha vez finalizado todo o percorrido por todo o alumnado, procedeuse a que cada un verificara os acertos obtidos.

Ao remate da actividade fíxoselles entrega dunha “ Compostela ” elaborada para mesma e acreditando a súa participación.