martes, 30 de setembro de 2025

BIBLIOAXUDANTES EN ACCIÓN

 O alumnado de 6º de Primaria xa iniciou a súa colaboración coa nosa biblioteca escolar, converténdose nos biblioaxudantes deste curso. A súa participación é fundamental para que a Agrobiblio funcione día a día.

Este curso tivemos unha enorme resposta do alumnado de 6º, que amosou moitas ganas de colaborar coa biblioteca durante os recreos.

Os biblioaxudantes son unha peza clave na nosa Agrobiblio:
axudan a colocar libros nos andeis, realizan préstamos e devolucións co programa Koha, resolven dúbidas doutros lectores e lectoras, colaboran na elaboración das exposicións e na selección de libros, poñen sinaturas e códigos de barras aos novos exemplares, e coidan o espazo mantendo a orde e o bo ambiente da biblioteca.

Grazas ao seu traballo, a nosa biblioteca funciona cada día mellor e segue sendo un espazo vivo, acolledor e cheo de maxia lectora.

Como houbo moitos voluntarios e voluntarias con ganas de participar, fixemos un sorteo entre todo o alumnado de 6º, para elixir os equipos que colaborarán de maneira fixa ao longo do curso.

Queremos agradecer sinceramente o entusiasmo, a responsabilidade e o compromiso de todos e todas. É o seu último curso no cole, e esta é unha fermosa maneira de deixar pegada, compartindo tempo, ilusión e lecturas cos demais.

Grazas por facer que a nosa biblioteca siga medrando cada día grazas a vós, verdadeiros/as protagonistas desta misión!

PREME NA IMAXE



luns, 29 de setembro de 2025

A NAVE DOS CONTOS COMEZA A SÚA VIAXE POLO MUÍÑO

 Este curso puxemos en marcha a nosa “Nave dos contos”, uns carros viaxeiros de libros que percorren o colexio levando lectura e curiosidade a todas as aulas.

Cada nave está organizada por ciclos e leva a bordo unha coidada selección de libros divulgativos, narrativos, de banda deseñada, revistas e mesmo algún xornal, para que o alumnado poida gozar de diferentes tipos de lecturas.

Estas naves fan escala durante unha semana en cada clase, achegando libros relacionados co noso proxecto interdisciplinar “Agronautas en órbita” e tamén con outras temáticas que esperten o interese e a imaxinación de todos e todas.

A lectura viaxa polo Muíño… e nós viaxamos con ela!






venres, 19 de setembro de 2025

A BIBLIOTECA DESPEGA CARA AO UNIVERSO

 A nosa biblioteca enchéuse de estrelas, planetas e moita imaxinación!

Nesta exposición atoparedes unha selección de libros, contos e cómics que nos axudarán a descubrir o espazo, a vida dos astronautas, os misterios do universo e as grandes aventuras cósmicas.

Estes libros servirán de inspiración para o noso proxecto interdisciplinar “Agronautas en órbita”, co que viaxaremos polo mundo da ciencia, da lectura e da creatividade.

Achegádevos, escollede o voso destino e... ¡poñédevos en órbita coa lectura!


luns, 15 de setembro de 2025

BIBLIOTECA VIVA CON 2º A

 Na aula de 2º A, a biblioteca convértese nun espazo vivo que medra e se renova cada mes. Grazas ás achegas do propio alumnado, chegan lecturas variadas que permiten descubrir novos libros e abrir conversas enriquecedoras na clase.

Ademais, o proceso de votación para recomendar cada libro require explicar e xustificar as opinións, favorecendo a expresión oral, a escoita activa e o desenvolvemento do pensamento crítico. Así, a biblioteca de 2º A vaise construíndo como un ben común que promove o diálogo, a elección responsable e o gusto pola lectura.

PREME NA IMAXE




martes, 9 de setembro de 2025

DESPEGAMOS CON KOHA!

O profesorado do Muíño inicia a súa viaxe polo universo Koha: unha aventura para mellorar o servizo e facilitar o acceso á lectura. 

Esta semana o profesorado do CEIP Agro do Muíño participou nunha sesión de formación sobre Koha, o novo programa de xestión bibliotecaria que comezamos a utilizar este curso na nosa biblioteca escolar Agrobiblio.

Grazas a este sistema, poderemos xestionar os préstamos e devolucións dos libros dun xeito máis rápido, sinxelo e eficiente, ademais de consultar o catálogo en liña e coñecer mellor todos os fondos dispoñibles na nosa biblioteca.

Koha é unha ferramenta empregada en moitas bibliotecas escolares galegas dentro da rede de Bibliotecas Escolares de Galicia, e supón un avance importante na organización e modernización da nosa Agrobiblio.

Pouco a pouco, continuaremos aprendendo e poñendo en práctica todo o aprendido nesta formación para seguir facendo da nosa biblioteca un espazo vivo, accesible e cheo de lecturas en órbita.

PREME NA IMAXE




luns, 8 de setembro de 2025

Agronautas en órbita curso 2025-2026

 Agronautas en órbita: o Agro lánzase ao espazo!

A tripulación do CEIP Agro do Muíño inicia este curso unha nova e apaixonante misión: o noso proxecto interdisciplinar 2025-2026, “Agronautas en órbita”.

Despois de mergullarnos no fondo mariño o pasado ano, agora poñemos rumbo ás estrelas. A biblioteca do centro convértese no centro de control da misión, un espazo cheo de libros, curiosidade e creatividade desde o que exploraremos o universo, os planetas, a Lúa, os cometas e moito máis.

Este curso, o noso alumnado transformarase en auténticos viaxeiros e viaxeiras do cosmos, dispostos a investigar, crear, soñar e aprender xuntos sobre o espazo e todo o que nos inspira mirar cara ao ceo.

Ao longo da viaxe, iremos desenvolvendo diferentes actividades, experiencias e retos compartidos, nas que a lectura, a ciencia, a arte, a música e a imaxinación se combinarán para facer deste proxecto unha aventura inesquecible.

Porque ser Agronauta é moito máis que aprender sobre o universo: é atreverse a explorar, a facer preguntas, a coidar o planeta e a compartir o coñecemento cos demais.

Preparade os traxes espaciais, activade os motores e abrídevos á aventura... A misión comeza agora!



xoves, 19 de xuño de 2025

Biblioteca Escolar, A Escena! Teatro: "A sereíña Ariel, a heroína dos océanos"

 EDUCACIÓN FÍSICA

Obra de teatro: 

"A SEREÍÑA ARIEL, A HEROÍNA DOS OCÉANOS"

É a adaptación do conto da serea. Elaborouse na área de E.F. para levarse a cabo co alumnado de sexto. É un pequeno musical que trata o tema da contaminación dos océanos e a necesidade de que a humanidade se una para buscar solucións a este problema para a vida mariña e submarina. Así mesmo, a heroína é unha muller. Rómpese deste xeito co estereotipo de que  a muller é a débil e debe ser salvada. A educación física, abarca a maioría dos contidos da materia con esta obra. Realízanse actividades de mimo, expresión dramática, danza con distintas coreografías, ximnasia, acrosport... 

     A área de música, colaborou cunha canción que fixo e interpretou o grupo de 6º A. 

   O 16 de xuño representouse no centro, e para as familias, fíxose onte, o 18 pola tarde, no salón de actos de Bertamiráns. É o acto de despedida do alumnado de sexto do que foi o seu centro durante 9 cursos.

Se queres ver un pequeno resumo da obra de teatro interpretada no centro para o alumnado

preme aquí




Se queres ver un pequeno resumo da obra de teatro interpretada na Casa da Cultura de Bertamiráns para as familias

preme aquí



mércores, 18 de xuño de 2025

Despedida dos Biblioaxudantes

 Xa casi rematando, despedimos aos nosos biblioaxudantes deste curso tan diferente en Agrobiblio.

Moitas grazas a todos eles pola súa dedicación, axuda, colaboración e paciencia. Estiveron moitos recreos axudando acolocar a nosa biblio dende cero. 

Volvede cando queirades a vosa Agrobiblio!!

Unha aperta enorme e moita sorte na vosa nova andaina.

Preme na imaxe





FALADOIRO DO MUÍÑO 33

 Hoxe, María de los Ángeles, a nai de Alba de 1º de Ed. Primaria B, visitou a aula para contar o conto: "Un día no mar".

Moitas grazas pola túa colaboración.

Preme na imaxe



xoves, 12 de xuño de 2025

Biblioteca Escolar, A Escena! Teatro: "O Barcarola" 6º A

 Como sabedes, o lema deste curso da Asesoría de Bibliotecas Escolares é 

BIBLIOTECA ESCOLAR, A ESCENA!

Para remate deste curso e relacionado co noso PDI:"Mergúllate no Agro" o alumnado de 6º A de Ed. Primaria realizou a obra de teatro:

"O Barcarola"

Unha adaptación realizada pola súa titora do libro "El Barcarola" de Eduardo Rojas Rebolledo

Fixeron un gran traballo elaborando decoracións, vestiario...

Noraboa e parabéns para tod@s!!!

Se queres ver algúns fragmentos 

Preme na imaxe



Biblioteca Escolar, A Escena! TEATRO: "O neno perdido" 3º C

 Como sabedes, o lema deste curso da Asesoría de Bibliotecas Escolares é 

BIBLIOTECA ESCOLAR, A ESCENA!

Varios cursos realizaron pequenas representacións nas aulas, pero o curso de 3º C realizou a obra

"O neno perdido"

 para todo o centro.

Unha adapatación realizada pola súa titora do libro de Xelís de Toro.

Esperamos que vos guste! Fixeron un gran traballo elaborando vestiario, decoracións....

Temos uns grandes actores e actrices!!! 

Noraboa!

Preme na imaxe



MINI CONCERTO

 Neste curso comezamos a dinamizar a nosa biblioteca con diversos talentos nos recreos e dentro do programa de Biblioteca Creativa. Nesta ocasión damos as  grazas a Dani, Alexandra, Muriel e Lía por compartir en Agrobiblio o seu talento musical.

Volvede cando queirades!!! Unha aperta grande.

Maribel e Manolo.

Preme na imaxe