luns, 8 de setembro de 2025

Agronautas en órbita curso 2025-2026

 Agronautas en órbita: o Agro lánzase ao espazo!

A tripulación do CEIP Agro do Muíño inicia este curso unha nova e apaixonante misión: o noso proxecto interdisciplinar 2025-2026, “Agronautas en órbita”.

Despois de mergullarnos no fondo mariño o pasado ano, agora poñemos rumbo ás estrelas. A biblioteca do centro convértese no centro de control da misión, un espazo cheo de libros, curiosidade e creatividade desde o que exploraremos o universo, os planetas, a Lúa, os cometas e moito máis.

Este curso, o noso alumnado transformarase en auténticos viaxeiros e viaxeiras do cosmos, dispostos a investigar, crear, soñar e aprender xuntos sobre o espazo e todo o que nos inspira mirar cara ao ceo.

Ao longo da viaxe, iremos desenvolvendo diferentes actividades, experiencias e retos compartidos, nas que a lectura, a ciencia, a arte, a música e a imaxinación se combinarán para facer deste proxecto unha aventura inesquecible.

Porque ser Agronauta é moito máis que aprender sobre o universo: é atreverse a explorar, a facer preguntas, a coidar o planeta e a compartir o coñecemento cos demais.

Preparade os traxes espaciais, activade os motores e abrídevos á aventura... A misión comeza agora!