martes, 28 de abril de 2026

¡ALGUIEN SE HA TRAGADO A LOLA! EN 5 ANOS

 As animadoras á lectura de 6º de Primaria visitaron ao alumnado de 5 anos para contar o conto ¡Alguien se ha tragado a Lola!. Acompañadas dos seus monicreques, elaborados por elas mesmas, deron vida á historia dunha maneira divertida e moi expresiva.

Os máis pequenos seguiron o conto con moita atención e entusiasmo, sorprendéndose coas aventuras da protagonista e gozando de cada momento. As personaxes foron cobrando vida, facendo da sesión unha experiencia moi especial.

Ademais, o alumnado de 5 anos realizou unha ficha relacionada co conto, na que puideron expresar a súa creatividade a través de debuxos inspirados na historia.

Un novo encontro cheo de lectura, creatividade e ilusión compartida.

Grazas ás animadoras polo seu traballo, dedicación e entusiasmo.

PREME NA IMAXE





luns, 27 de abril de 2026

ENTRA NA NAVE DE RAMONA

🚀 MISIÓN: NAVE RAMONA ACTIVADA

Recibimos unha sinal misteriosa desde o espazo...

A tripulación precisa da túa axuda para activar o panel musical da nave.

🎧 Cada botón agocha unha canción do concerto baseado no libro A Ramona pequena vai á Lúa.

👉 PREME NA IMAXE PARA ENTRAR NA NAVE 🚀



A VACA QUE PUXO UN OVO NO ESPAZO DE FORO 1º B

 Os Animadores á lectura de 6º de Primaria ofreceron unha nova sesión no espazo de foro para o alumnado de 1º B, onde contaron o conto A vaca que puxo un ovo. Nesta ocasión, ao estar o teatriño ocupado por outro grupo de animadores á lectura, tiveron que buscar unha alternativa e non se lles ocorreu mellor idea que colocarse detrás das gradas para dar vida á historia.

A pesar deste cambio, souberon apañarse moi ben cos recursos que tiñan á man, demostrando creatividade, iniciativa e ganas de levar a lectura aos máis pequenos. Co apoio dos seus monicreques e da súa interpretación, conseguiron captar a atención do alumnado, que seguiu o conto con interese e entusiasmo.

Unha sesión diferente na que, unha vez máis, o importante foi compartir a lectura.

Grazas aos animadores de 6º polo seu esforzo, traballo e capacidade de adaptación.

PREME NA IMAXE



FALADOIRO: ENTRE MOREIRAS E SILVEIRAS 2º A

 Hoxe vivimos unha xornada diferente e moi enriquecedora na nosa aula. Tivemos o pracer de recibir a visita dos pais de Mara, que compartiron connosco os seus coñecementos sobre dous invertebrados fascinantes: o insecto pau e o verme de seda.

​O fascinante mundo do insecto pau

​Malia o seu aspecto fraxil e o seu asombroso mimetismo, estes animais agochan segredos biolóxicos incribles. Aprendemos que:

​Reprodución por partenoxénese: Unha das maiores sorpresas foi descubrir que as femias non precisan dun macho para procrear. Poden poñer ata 50 ovos que eclosionan tras un período de entre 2 e 4 meses.

​Dieta e hábitat: Aliméntanse de follas frescas de silveira, roseira e hedra. Para o seu mantemento en catividade, precisan un terrario provisto de terra e pólas, sendo vital a pulverización periódica de auga para garantir os niveis de humidade necesarios para a súa supervivencia.

​Revisando o ciclo do verme de seda

​Como xa traballaramos con eles o curso pasado, aproveitamos a visita para repasar o seu ciclo vital e a súa importancia:

​Especialización: A súa dieta é exclusivamente folla de moreira.

​A metamorfose: Tras unha fase de crecemento intensivo, o verme comeza a fiar o seu propio casulo de seda. No seu interior, realízase a transformación ata que xorde a bolboreta, cuxa misión principal será a posta de ovos para reiniciar este ciclo vital tan asombroso.

​Queremos agradecerlles de corazón aos pais de Mara que achegasen a natureza á nosa aula, permitíndonos aprender de xeito directo e práctico sobre a biodiversidade e o coidado dos seres vivos.

GRAZAS POLA VOSA COLABORACIÓN!

PREME NA IMAXE



DOBRE SESIÓN DE CONTOS EN 4 ANOS

 Nesta ocasión, o grupo de animadoras á lectura de 6º de Primaria visitou ao alumnado de 4 anos para compartir non un, senón dous contos: ¡Alguien se ha tragado a Lola! e A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza.

A través da súa interpretación e dos monicreques elaborados por elas mesmas, deron vida ás historias, conseguindo captar a atención dos máis pequenos, que seguiron os contos con entusiasmo e moitas ganas de participar.

Unha sesión chea de lectura, risas e ilusión compartida, na que as animadoras volveron demostrar o seu gran traballo e dedicación.

Grazas ás animadoras polo seu esforzo, creatividade e entusiasmo.

PREME NA IMAXE



FALADOIRO: ENTRE A CIENCIA E A COCIÑA 3º C

 Os pais de Pablo M. e de Antón animaron a mañá deste luns cun faladoiro cheo de experimentos e sabor. O alumnado gozou descubrindo diferentes propostas con auga, lume e fluído non newtoniano, que espertaron a curiosidade e sorprenderon a todos e todas.

Despois chegou o momento máis doce da xornada: a elaboración de filloas. Os nenos e nenas de 3º C convertéronse en auténticos filloeiros e filloeiras, preparando cada un a súa propia filloa.

Unha experiencia moi divertida e enriquecedora na que ciencia e tradición se uniron para facernos aprender gozando.

Moitas grazas ás familias pola súa implicación e por compartir connosco este fantástico faladoiro!

PREME NA IMAXE



AUDIOCONTO: CLEMENTINA Y LOS PLANETAS

O alumnado de 1ºC convídavos a despegar cara o descoñecido a través da intrépida Clementina neste audioconto no que poñen a voz ao libro "Clementina y los planetas", escollido dentro do itinerario lector deste curso, relacionado co proxecto de centro "Agronautas en órbita".
Preparade os vosos cascos, axustade os cintos e ...3, 2, 1....Despeguen!


venres, 24 de abril de 2026

VISITA DE ÁNGEL CARRACEDO

 DO LABORATORIO Á AULA: INSPIRACIÓN CIENTÍFICA NO COLE

Hoxe poidemos desfrutar da sabedoría de Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal, investigador e experto internacional en xenética.
Mantivo ó alumnado de 5° e 6° expectantes cos seus experimentos de ADN e resolucións de casos criminalísticos en varios países. Sempre é un pracer compartir momentos con persoeiros tan relevantes e ademais do noso Concello. Grazas a Olalla pola xestión ao facilitarnos este encontro.

PREME NA IMAXE


FALADOIRO: LA ESTRELLA DE TOPO 4 ANOS B

 Hoxe, tivemos a visita de ángeles, a nai de Thiago, da aula de 4 anos B, que contounos o coonto "La estrella de Topo". Pasámolo xenial!

Grazas pola túa colaboración.

PREME NA IMAXE



xoves, 23 de abril de 2026

UN DÍA DO LIBRO VIVIDO NAS AULAS

Con motivo do Día do Libro, o alumnado do noso centro participou en diferentes actividades para celebrar a lectura, descubrir novas historias e compartir os seus libros favoritos.

Ao longo desta xornada, os libros convertéronse nos grandes protagonistas, enchendo as aulas e os corredores de historias, imaxinación e momentos compartidos arredor da lectura.

Ademais, durante todo o Mes do Libro desenvolvéronse numerosas propostas de animación lectora, entre as que destacaron os apadriñamentos lectores, representacións de teatro de títeres a cargo dun grupo de animadores e animadoras á lectura de 6º de Educación Primaria, a elaboración de marcapáxinas e outras actividades que contribuíron a achegar os libros ao alumnado dunha forma lúdica, creativa e participativa.


PREMENAS IMAXES PARA DESCUBRIR ALGUNHAS DAS ACTIVIDADES




UN UNIVERSO DE LIBROS

 O equipo de Educación Infantil sorprendeunos con este espectacular mural creado con motivo do Día do Libro, inspirado no noso proxecto Agronautas en órbita.

A través dunha fermosa composición en forma de espiral, na que non faltan o sol e o planeta Terra, o alumnado deu vida a unha creación moi especial empregando portadas e títulos de diferentes contos.

Este mural simboliza a unión entre a lectura e o noso proxecto, amosando como as historias tamén nos permiten viaxar, descubrir e medrar, igual que verdadeiros agronautas.

Un traballo cheo de creatividade, ilusión e amor polos libros que enche de cor e significado o noso centro.

martes, 21 de abril de 2026

FALADOIRO: EXPERIMENTOS CIENTÍFICOS 1º C

 Hoxe, Olalla e Alberto, nai e pai de Tomás (de 1°C) e Zoe (de 4°B) viñeron á nosa aula para facer un faladoiro no que nos guiaron na elaboración de experimentos científicos, aproveitando que a nai de Tomás é unha prestixiosa investigadora e doutora. Realizamos experimentos tan chulos a simulación dunnha erupción volcánica, unha carreira de foguetes espaciais e unha lámpada de lava. Foi súper divertido!!!

Grazas pola vosa colaboración!

PREME NA IMAXE