O alumnado de 6º de E.I fixo un percorrido polo cole para tratar de descubrir si no Agro do Muíño se promovía a inclusión das persoas con Discapacidade para tratar de ver as barreiras e limitacións coas que se enfrentan estas persoas no seu día a día e descubriron que hai cartelería adaptada por todo o centro, ascensor e rampas para eliminar as barreiras arquitectónicas... e comprometéronse a promover un trato respectuoso e natural con estas persoas.
Hoxe en Agrobiblio tivemos un obradoiro moi especial da man de Olivia, alumna de 3ºB, que nos achegou ás primeiras nocións da lingua de signos. Con moita claridade e sensibilidade explicounos como esta linguaxe visual permite comunicar a través dos xestos, da expresión facial e do movemento das mans.
O alumnado puido aprender algúns signos básicos e descubrir que existen moitas maneiras de dicir palabras tan cotiás como “grazas”, “biblioteca”, “boas tardes”, algúns animais e outras moitas máis. Foi unha experiencia chea de respecto e curiosidade, que nos recorda que todas as formas de comunicación son valiosas e necesarias.
Parabéns, Olivia, pola túa sensibilidade e por compartir connosco este fermoso xeito de comunicarnos!
Tras coñecer o braille, tamén puidemos achegarnos ao mundo dos pictogramas, descubrindo que estas imaxes sinxelas serven para facilitar a comunicación, apoiar a comprensión e facer os espazos máis accesibles para todas as persoas.
A través de exemplos e pequenas actividades entendemos como un símbolo pode transmitir unha idea de maneira rápida e clara. Ademais, aproveitamos para colocar os pictogramas da CDU en Agrobiblio, facendo máis visual e comprensible a organización dos libros.
Grazas ós especialistas de PT e AL: Catuxa, Yoli, Guille e María, por axudarnos a facer un espazo máis inclusivo.
Un paso máis para converter a biblioteca nun espazo máis accesible, máis claro e máis inclusivo.
Hoxe en Agrobiblio celebramos o 3 de decembro cun obradoiro no que o alumnado se achegou ao braille, descubrindo como funcionan as celas de seis puntos e escribindo o seu nome mediante o tacto e o xogo.
Foi unha experiencia que abriu conversas sobre empatía, accesibilidade e diversidade funcional, lembrándonos que non todas as persoas lemos do mesmo modo, pero todas temos dereito a acceder ás palabras.
Con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, o alumnado de 3º de Primaria elaborou carteis cheos de creatividade e mensaxes inclusivas. A través de frases como “A amizade non ten barreiras” ou “Xuntos facemos un universo mellor”, encheron os corredores do cole de cor e reflexión.
A actividade forma parte do noso PLEA, utilizando a expresión artística como unha maneira de ler, pensar e comprender a diversidade.
Contamos tamén coa colaboración de COGAMI, que nos cedeu dous paneis expositivos, entre eles o da campaña “Os Bolechas e a Discapacidade”, xunto cunha figura de Spock adaptada cunha prótese que chamou moito a atención do alumnado.
Grazas a todos e todas por facer visible a inclusión cunha mirada tan creativa e verdadeira.
No Muíño seguimos avanzando cara a un cole máis inclusivo e máis humano.
Coincidindo coa conmemoración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, a biblioteca escolar preparou unha exposición especial de libros centrada na diversidade, na inclusión e no respecto ás diferentes formas de ser e estar no mundo.
A selección inclúe álbums ilustrados, contos, biografías, libros informativos e obras de ficción que abordan temas como a diversidade funcional, a superación persoal, a accesibilidade, a empatía ou a convivencia. Son lecturas coidadosamente elixidas para que o alumnado poida achegarse a estas realidades desde unha mirada positiva, sensible e adaptada ás súas idades.
Durante estes días, quen entrou en Agrobiblio atopou nas mesas e estantes títulos que invitan a conversar, a facerse preguntas e a descubrir novas perspectivas. Esta exposición serve como complemento perfecto ao traballo realizado en Infantil e Primaria arredor do 3 de decembro, especialmente aos magníficos carteis creados polo alumnado de 3º.
A iniciativa forma parte tamén do noso PLEA, que entende a lectura como unha ferramenta esencial para educar na igualdade, formar cidadáns máis críticos e fomentar valores como o respecto, a solidariedade e a inclusión.
Animamos a todas as clases a visitar a exposición, levar en préstamo algún destes libros e continuar construíndo, entre todas e todos, unha escola onde as diferenzas suman e enriquecen.
FALADOIRO: O espazo, constelacións e o telescopio.
O martes 25 de novembro tivemos a sorte de recibir a Sandra, a nai de Aldán alumno de 3A. Sandra falounos das estrelas, dos planetas e mesmo das diferentes constelacións. Fixemos un experimento moi doado para ver a forma das constelacións a través de vasos de cartón e unha lanterna. Tamén puidemos ver o Sol a través do seu telescopio.
O alumnado de 5º de Primaria converteuse en voz activa pola igualdade e polo bo trato. Con creatividade e compromiso, deseñaron carteis coma estes, que foron colocados polos corredores do colexio o propio 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
Ese mesmo día, os diferentes grupos visitaron a exposición para ler e comentar as mensaxes, interpretar símbolos e reflexionar sobre o que cada cartel transmitía. Un traballo que tamén enlaza co PLEA, fomentando a lectura crítica, a comunicación, a expresión de ideas e a construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria desde a escola.
De forma voluntaria, profesorado e alumnado quixeron sumar o seu apoio vestindo de negro, un xesto simbólico que fixo visible o noso rexeitamento á violencia e o compromiso con valores que construen convivencia: o respecto, a empatía, o coidado e a igualdade.
Educamos para respectar, para coidar, para convivir.
Esta semana celebramos a primeira reunión oficial do grupo de Animadores e Animadoras da Lectura, formado polo alumnado de 6º de Primaria. A resposta foi fantástica: moitos rapaces e rapazas quixeron sumarse a esta experiencia que transforma a lectura nun espazo de creatividade, convivencia e maxia compartida.
Durante a xuntanza explicamos en que consistirá o seu papel dentro do colexio e cal será a súa colaboración ao longo do curso. O equipo asumirá tarefas tan especiais como:
- Contar contos e historias curtas nas aulas de Infantil e Primaria durante a hora de ler, converténdose en referentes lectores para os máis pequenos.
-Transmitir o gusto pola lectura, a imaxinación e a creatividade a través da súa voz e das súas propostas.
- Preparar lecturas, escoller libros e ensaiar co apoio do equipo da biblioteca.
- Crear personaxes, usar monicreques ou facer pequenas dramatizacións para dar vida ás historias.
- Participar en actividades de lectura expresiva e tamén en gravacións para a nosa radio escolar, Radio AgroOnda.
O obxectivo principal é claro: converter cada sesión de lectura nun momento único, cheo de emocións, descubrimentos e moita literatura compartida.
Agradecemos enormemente a todos os nenos e nenas de 6º que decidiron participar. Comezamos esta aventura con moita ilusión e estamos seguros de que o seu labor será unha peza fundamental para enriquecer o noso PLEA e fortalecer a cultura lectora do Muíño.
Grazas por formar parte deste equipo tan especial!
Chegou o 20 de novembro e con el conmemoramos o Día dos Dereitos da Infancia. Por iso a rapazada de 1º creou un podcast onde nos falan un pouco sobre o tema.
O profe Brais entrevista a Leire, Breogán, Noa, Érik, David e Marta que explican que é iso de ser neno e cales son as cousas que máis lles gustan.
Adiante, cativada!
Aquí podes ver como se fixo: un proceso no que colaboraron, experimentaron e descubriron que a voz é unha ferramenta marabillosa para compartir historias e aprendizaxes.
Un proxecto sinxelo, divertido e cheo de creatividade que lles permitiu iniciarse na expresión oral e no traballo en equipo.
O alumnado de 5ºC foi o encargado de darlle visibilidade ao I Torneo de Nadal de Tenis de Mesa do CEIP Agro do Muíño. Como parte do desenvolvemento das competencias comunicativas e creativas recollidas no PLEA (Plan de Lectura, Escritura e Acceso á Información), prepararon cartaces publicitarios para animar ao alumnado de todo o centro a participar neste evento deportivo tan especial.
Ademais de deseñar a campaña gráfica, elaboraron un gran esquema cos participantes, organizando os cadros do torneo e distribuíndo a información de maneira clara, visual e comprensible para toda a comunidade educativa. Este traballo permitiulles aplicar estratexias de planificación, selección e presentación da información, tal e como promove o PLEA.
Os carteis foron colocados por distintos espazos do colexio, converténdose nunha auténtica campaña de comunicación que encheu os corredores de espírito deportivo e de ambiente festivo.
E para completar todo este magnífico labor, hoxe deu comezo o torneo, que arrancou no recreo cun ambiente cheo de emoción, compañeirismo e ganas de xogar.
Un magnífico exemplo de como o alumnado pode poñer en práctica a lectura de modelos, a creación de textos propios e a comunicación eficaz… ao tempo que contribúe á vida do centro con entusiasmo, responsabilidade e traballo en equipo.
Como estamos celebrando o Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas, desde o equipo de Agrobiblio decidimos realizar un pequeno experimento cada día cos grupos que teñen quenda de recreo. Queremos que a ciencia se viva, se toque e se experimente… e hoxe demos o primeiro paso!
Nesta ocasión comezamos co alumnado de 3º, que puido gozar dun experimento tan sinxelo como sorprendente: “A galaxia de Agrobiblio”, tamén coñecido como o experimento da leite máxica. O alumnado que quixo participar achegouse á mesa científica, observou os materiais e formulou a súa hipótese sobre o que pensaban que ía suceder cando o xabón entrase en contacto coa superficie da leite.
Despois de experimentar e ver como as cores se movían creando formas similares a pequenas galaxias, compartimos coa rapazada a explicación científica: o xabón rompe a tensión superficial da leite e fai que as graxas se movan, provocando ese efecto tan chamativo.
Unha primeira sesión chea de sorpresa, curiosidade e moitas ganas de seguir descubrindo durante todo o Mes da Ciencia.
A nosa radio escolar xa comeza a cobrar vida, e estes días no recreo vivimos un pequeno adianto do que está por vir. Mentres investigabamos como funciona o equipo e todas as súas posibilidades, descubrimos a Breixo, un técnico de son fantástico, e dous futuros locutores, África e Álvaro, que prometen darnos moitas sorpresas radiofónicas ao longo deste curso.
Esta primeira toma de contacto serviu para descubrir o gran potencial motivador que ten a radio entre o alumnado. A curiosidade, as ganas de participar e a creatividade apareceron de inmediato, confirmando que AgroOnda será un espazo no que todas as nenas e nenos que o desexen poderán experimentar, comunicar e dar vida a novas historias.
Isto non fixo máis que empezar… e vén cargado de boas vibracións.
Este mes, o alumnado de 6ºC de Primaria investigou o sistema dixestivo dun xeito creativo e moi visual. Despois de aprender como funciona, decidiron recrealo con materiais de refugallo, dándolle unha segunda vida a obxectos como botellas, caixas, cápsulas de café ou tubos.
En equipos, construíron bocas, esófagos, estómagos e intestinos empregando estes materiais, creando maquetas cheas de imaxinación. Ao mesmo tempo, reforzaron ideas clave: que a dixestión comeza na boca, que o estómago transforma os alimentos e que o intestino absorbe os nutrientes que nos dan enerxía.
A actividade permitiulles comprender mellor o funcionamento do corpo humano, traballar en equipo e potenciar a creatividade, sempre desde unha mirada sostible.
No vídeo que prepararon pódese ver o proceso e o resultado final deste proxecto tan orixinal.
Creatividade + Ciencia + Reciclaxe = Un proxecto 10
Durante a Semana da Ciencia contamos coa visita de Patricia, axente medioambiental do Concello de Ames, e do seu equipo, que guiaron ao alumnado nun percorrido polo inicio e a evolución do Universo.
A través de explicacións sinxelas e exemplos visuais, o estudantado descubriu como se produciu o Big Bang, como se formaron as galaxias, estrelas e planetas e por que o Universo continúa en expansión. Tamén reflexionaron sobre o seu futuro, analizando dúas hipóteses principais: que siga expandíndose ou que nun momento dado volva contraerse (Big Crunch).
As estacións científicas do obradoiro
Para comprender mellor estas ideas, organizáronse varias mesas de traballo polas que foron rotando:
Mesa 1: A expansión do Universo e como o espazo segue crecendo.
Mesa 2: A creación das galaxias despois da explosión inicial e a formación de estrelas e planetas.
Mesa 3: As fases da Lúa mediante experimentación con luz e movemento.
Mesa 4: As capas internas da Terra e a evolución dos continentes.
Mesa 5: O movemento das placas tectónicas e a lenta deriva continental ao longo de millóns de anos.
A actividade permitiu visualizar conceptos complexos, fomentar a curiosidade científica e comprender mellor a historia do Universo dun xeito práctico e motivador.
Non perdades as fotos e vídeos da xornada, nas que se aprecia o entusiasmo coa que vivemos esta viaxe polo cosmos.
Esta semana tivemos unha visita moi especial na clase de 2ºA:a nai de Miguelveu para contarnos o contoPlaneta Gelatina, unha historia chea de imaxinación na que o protagonista —oh, sorpresa!— tamén se chama Miguel… ¡igual co noso compañeiro!
No conto, Miguel viaxa polo espazo nun foguete superpotente na procura do misterioso Planeta Xelatina, un lugar cheíño de sorpresas… e de xelatina por todas partes!
Pero aí non rematou a aventura. A nai de Miguel trouxo tamén todo o necesario para facer un experimento divertidísimo: construír o noso propio foguete voador, igualiño ao da historia. E, claro… ¡non perdemos a oportunidade!
Pasámolo xenial construíndo o foguete, decorándoo e, sobre todo, vendo como saía disparado cara ao ceo da clase. Risas, emoción e algún “oooh!” tamén
O alumnado de 6º B continúa avanzando no estudo da nutrición humana, e esta semana quixeron ir un paso máis aló. Para comprender mellor como se transforman os alimentos ao longo do aparello dixestivo, realizaron un experimento práctico… ¡e fixérono en Agrobiblio, aproveitando a celebración do Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas Escolares!
A actividade permitiulles observar, paso a paso, como os alimentos cambian de textura e composición a medida que percorren o noso corpo: desde a trituración inicial ata a súa mestura con "zumes dixestivos". A través de materiais sinxelos e dun enfoque científico, puideron conectar a teoría coa práctica e comprobar que a ciencia é algo que se pode ver, tocar e experimentar.
Foi unha sesión chea de curiosidade, aprendizaxe e ganas de investigar. Nada mellor que transformar a biblioteca nun pequeno laboratorio para seguir descubrindo como funciona o noso corpo.
En Agrobiblio seguimos celebrando a ciencia… e o gusto por aprender!
Ao longo de novembro —Mes da Ciencia en Galego— o alumnado de 5ºB converteuse en auténtico equipo de divulgación científica. Como parte das tarefas do PLEA, e co obxectivo de achegar a ciencia á comunidade educativa, realizaron unha serie de carteis informativos que encheron de cor e coñecemento a nosa biblioteca e os corredores do cole.
Os carteis abranguían distintos formatos e intencións comunicativas:
-Biografías de científicas e científicos galegos/as, para dar visibilidade ao seu traballo e ás súas achegas.
-Presentacións de experimentos, explicando materiais, pasos e descubrimentos.
-Invitacións a eventos científicos, animando ao resto do alumnado a participar e a despertar a súa curiosidade.
-Textos divulgativos sobre temas científicos, adaptados á linguaxe escolar e pensados para que calquera nena ou neno puidese entendelos.
Esta exposición espontánea e creativa transformou o centro nun pequeno museo científico, facendo que todo o alumnado puidera aprender, preguntar e sorprenderse ao pasar polos corredores.
A iniciativa encaixa plenamente co espírito do Plano Lector (PLEA), que promove a lectura en múltiples formatos, o pensamento crítico e a comunicación efectiva. Nesta ocasión, a lectura non só estivo nos libros, senón tamén nas paredes: a ciencia fíxose visible, cercana e en galego.
Grazas ao alumnado de 5ºB por compartir coñecemento e por demostrar que a divulgación científica tamén pode nacer desde as aulas do noso cole.
Obradoiro de danza dos 90 impartido por Lázaro papá de Orión, onde aprendemos as danzas do hip- hop e urbán. A importancia do movemento e a coordinación durante a infancia.
Teresa, a mamá de Raúl, veu a falarnos da música tradicional galega. De instrumentos como a pandeireta, bombo, tambor, gaita, cunchas...e ata nos fixo un obradoiro de arte onde decoramos unhas cunchas que nos regalou.
Neste recanto atoparás libros que acenden a curiosidade e nos convidan a mirar o mundo con novos ollos. Son historias de descubrimentos inesperados, investigacións fascinantes e biografías de persoas científicas que se atreveron a facer as preguntas que ninguén facía antes.
Cada páxina é unha porta aberta ao asombro: fenómenos curiosos, inventos que naceron dunha idea tola, preguntas que buscan respostas… e respostas que crean novas preguntas.
Aquí a ciencia convértese en aventura, misterio e maxia ben explicada.
Tamén atoparás experimentos sinxelos que transforman a lectura nun xogo para aprender facendo, explorando e imaxinando.
Atrévete a investigar. Neste laboratorio, todo pode suceder.
Novembro chega ao Muíño con bata branca e moita curiosidade!
Celebramos o Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas, unha ocasión para achegar a investigación, a creatividade e o coñecemento científico ao alumnado, desde o noso espazo de lectura, aprendizaxe e experimentación.
Este curso, inspirámonos nas palabras de Concepción Paz Penín, autora do manifesto deste ano, que nos lembra que “as bibliotecas son nodos de encontro, conexión social e aprendizaxe permanente, onde o coñecemento circula e a ciencia se comparte”.
Desde a nosa biblioteca, transformada por uns días en laboratorio, Leo e Lea convídannos a investigar, preguntar, probar, errar e volver intentar, porque a ciencia tamén é curiosidade, imaxinación e espírito crítico.
Así sementamos e degustamos a ciencia no Muíño: en galego, con ganas de aprender e coa ilusión de descubrir xuntos o mundo que nos rodea.
O CEIP Agro do Muíño viviu unha tarde moi especial de portas abertas para celebrar o Samaín.
Familias, alumnado e profesorado compartiron unha xornada chea de maxia, música, disfraces e moita diversión, coa valiosa colaboración do ANPA, que axudou a facer posible esta gran festa.
O cole enteiriño —aulas, corredores e espazos comúns— transformouse grazas ás decoracións, cabazas, contos, exposicións e actividades preparadas con tanta ilusión ao longo da semana.
Un Samaín inesquecible, cheo de creatividade, convivencia e emoción para toda a comunidade educativa do Muíño!
Este Samaín encheu o Muíño de arte, cor e moita creatividade.
Nas aulas, o alumnado traballou con pinturas, recortes, cabazas, monstros, pantasmas e moita imaxinación, dando forma a auténticas obras de arte terroríficamente bonitas.
Entre pinceis, cartolinas e sorrisos, cada clase puxo o seu toque especial para decorar o cole e celebrar o Samaín dun xeito moi creativo.
Un ano máis, o noso cole celebrou o Samaín cunha fantástica exposición de cabazas cheas de maxia, humor e moita creatividade.
As familias colaboraron decorando cabazas de todas as formas e estilos: pantasmas, monstros, astronautas, bruxas, planetas e moitas outras ideas orixinais que deixaron a todos abraiados.
O resultado foi un auténtico universo de imaxinación e cores, que encheu os corredores do Muíño dun ambiente festivo e moi especial.
Grazas a todas as familias pola vosa implicación e entusiasmo!
O alumnado de 2º, 5ºB e 5 anos puxo toda a súa imaxinación e talento artístico ao servizo da decoración do noso pabillón para a festa do Samaín.
Entre pinceis, cores e moita creatividade, deron vida a pantamas, cabazas, meigas e monstros simpáticos, enchendo o espazo dun ambiente misterioso e divertido.
Grazas a todos e todas por facer que o Muíño luzca tan terrorificamente bonito!
O noso cole encheuse de cor, imaxinación e moita diversión para celebrar o Samaín.
Meigas, pantasmas, monstros, esqueletes e criaturas sorprendentes percorreron os corredores, compartindo risas e algún que outro susto.
Foi unha xornada chea de creatividade, música e espírito festivo, na que o alumnado puido amosar os seus fantásticos disfraces e gozar dun día moi especial.
Así vivimos o Samaín no Muíño: con medo, maxia e moito humor!
O alumnado de 2ºB celebrou o Samaín dun xeito moi creativo, traballando o mundo do cómic nas aulas.
A partir de historias cheas de pantamas, bruxas e monstros simpáticos, practicaron como se constrúe un cómic: observando as viñetas, recoñecendo as personaxes e relacionando cada bocadillo co seu protagonista.
Desta forma, aprenderon a comprender mellor as historias, a expresarse con imaxes e palabras, e a gozar da lectura dun xeito diferente e divertido.
Un Samaín cheo de humor, imaxinación e moitos bocadillos faladores!
A nosa Biblioteca Creativa é un espazo cheo de ideas, cores e imaxinación onde o alumnado pode crear, experimentar e aprender facendo.
Aquí as mans e a mente traballan xuntas: construímos, deseñamos, inventamos e damos forma aos soños a través de proxectos, manualidades e actividades manipulativas.
Este curso, dentro do proxecto interdisciplinar “Agronautas en órbita”, exploraremos tamén o universo da creatividade, combinando ciencia, arte e fantasía para dar vida ás nosas ideas.
Un lugar onde cada creación conta… e cada neno e nena pode deixar a súa pegada no Muíño!
Comezamos un novo curso cheo de ilusión e creatividade dende a nosa radio escolar.
En AgroOnda atoparás os podcasts elaborados polo alumnado: novas do centro, recomendacións lectoras, entrevistas, programas especiais do proxecto “Agronautas en órbita” e moito máis.
Anímate a escoitar, participar e compartir as nosas emisións.
No mes de outubro, o alumnado de 3ºB mergullouse na vida e na obra de Mary Wollstonecraft Shelley, autora de Frankenstein.
Aproveitamos esta lectura para coñecer o poder da imaxinación e o papel das mulleres escritoras, celebrando tamén o Día das Escritoras.
Inspirámonos no seu famoso monstro para crear as nosas propias versións de Frankenstein, cheas de cor, creatividade e sentido do humor. Así unimos literatura, arte e Samaín nunha actividade divertida e chea de aprendizaxe.
Porque ler tamén é crear… e imaxinar criaturas inesquecibles!
Para celebralo, preparamos unha exposición chea de lecturas embruxadas, misteriosas e divertidas, con títulos que convidan a deixar voar a imaxinación e a gozar do pracer de ler entre cabazas, meiguiñas e criaturas fantásticas.
O alumnado puido achegarse para descubrir contos, álbums e novelas que nos fan tremer… pero tamén sorrir!
Aquí vos deixamos un pequeno vídeo para que poidades ver como quedou a exposición.