mércores, 3 de decembro de 2025

MISIÓN INCLUSIÓN

 O alumnado de 6º de E.I fixo un percorrido polo cole para tratar de descubrir si no Agro do Muíño se promovía a inclusión das persoas con Discapacidade para tratar de ver as barreiras e limitacións coas que se enfrentan estas persoas no seu día a día e descubriron que hai cartelería adaptada por todo o centro, ascensor e rampas para eliminar as barreiras arquitectónicas... e comprometéronse a promover un trato respectuoso e natural con estas persoas.

PREME NA IMAXE



AS MANS TAMÉN FALAN

Introdución á Lingua de Signos con Olivia 

Hoxe en Agrobiblio tivemos un obradoiro moi especial da man de Olivia, alumna de 3ºB, que nos achegou ás primeiras nocións da lingua de signos. Con moita claridade e sensibilidade explicounos como esta linguaxe visual permite comunicar a través dos xestos, da expresión facial e do movemento das mans.

O alumnado puido aprender algúns signos básicos e descubrir que existen moitas maneiras de dicir palabras tan cotiás como “grazas”, “biblioteca”, “boas tardes”, algúns animais e outras moitas máis. Foi unha experiencia chea de respecto e curiosidade, que nos recorda que todas as formas de comunicación son valiosas e necesarias.

Parabéns, Olivia, pola túa sensibilidade e por compartir connosco este fermoso xeito de comunicarnos!

PREME NA IMAXE




PICTOGRAMAS

 Cando as imaxes tamén falan

Tras coñecer o braille, tamén puidemos achegarnos ao mundo dos pictogramas, descubrindo que estas imaxes sinxelas serven para facilitar a comunicación, apoiar a comprensión e facer os espazos máis accesibles para todas as persoas.

A través de exemplos e pequenas actividades entendemos como un símbolo pode transmitir unha idea de maneira rápida e clara. Ademais, aproveitamos para colocar os pictogramas da CDU en Agrobiblio, facendo máis visual e comprensible a organización dos libros.

Grazas ós especialistas de PT e AL: Catuxa, Yoli, Guille e María, por axudarnos a facer un espazo máis inclusivo.

Un paso máis para converter a biblioteca nun espazo máis accesible, máis claro e máis inclusivo.

PREME NA IMAXE



Descubrindo o Braille

 Ler coas mans, comprender co corazón

Hoxe en Agrobiblio celebramos o 3 de decembro cun obradoiro no que o alumnado se achegou ao braille, descubrindo como funcionan as celas de seis puntos e escribindo o seu nome mediante o tacto e o xogo.

Foi unha experiencia que abriu conversas sobre empatía, accesibilidade e diversidade funcional, lembrándonos que non todas as persoas lemos do mesmo modo, pero todas temos dereito a acceder ás palabras.

PREME NA IMAXE



3 de decembro: Celebrando a diversidade desde 3º de Primaria

 Con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, o alumnado de 3º de Primaria elaborou carteis cheos de creatividade e mensaxes inclusivas. A través de frases como “A amizade non ten barreiras” ou “Xuntos facemos un universo mellor”, encheron os corredores do cole de cor e reflexión.

A actividade forma parte do noso PLEA, utilizando a expresión artística como unha maneira de ler, pensar e comprender a diversidade.

Contamos tamén coa colaboración de COGAMI, que nos cedeu dous paneis expositivos, entre eles o da campaña “Os Bolechas e a Discapacidade”, xunto cunha figura de Spock adaptada cunha prótese que chamou moito a atención do alumnado.

Grazas a todos e todas por facer visible a inclusión cunha mirada tan creativa e verdadeira.
No Muíño seguimos avanzando cara a un cole máis inclusivo e máis humano.


PREME NA IMAXE





martes, 2 de decembro de 2025

A DIVERSIDADE TAMÉN SE LE

 Coincidindo coa conmemoración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, a biblioteca escolar preparou unha exposición especial de libros centrada na diversidade, na inclusión e no respecto ás diferentes formas de ser e estar no mundo.

A selección inclúe álbums ilustrados, contos, biografías, libros informativos e obras de ficción que abordan temas como a diversidade funcional, a superación persoal, a accesibilidade, a empatía ou a convivencia. Son lecturas coidadosamente elixidas para que o alumnado poida achegarse a estas realidades desde unha mirada positiva, sensible e adaptada ás súas idades.

Durante estes días, quen entrou en Agrobiblio atopou nas mesas e estantes títulos que invitan a conversar, a facerse preguntas e a descubrir novas perspectivas. Esta exposición serve como complemento perfecto ao traballo realizado en Infantil e Primaria arredor do 3 de decembro, especialmente aos magníficos carteis creados polo alumnado de 3º.

A iniciativa forma parte tamén do noso PLEA, que entende a lectura como unha ferramenta esencial para educar na igualdade, formar cidadáns máis críticos e fomentar valores como o respecto, a solidariedade e a inclusión.

Animamos a todas as clases a visitar a exposición, levar en préstamo algún destes libros e continuar construíndo, entre todas e todos, unha escola onde as diferenzas suman e enriquecen.

PODCAST DO UNIVERSO DE 5º DE PRIMARIA

     Un grupo de nenas e nenos de 5º de primaria vannos dar datos e curiosidades do noso sistema solar. 

Abrochade os cintos e poñede os cascos que despegamos!



PREME NA IMAXE


martes, 25 de novembro de 2025

FALADOIRO NO MUÍÑO 11

 FALADOIRO: O espazo, constelacións e o telescopio. 

O martes 25 de novembro tivemos a sorte de recibir a Sandra, a nai de Aldán alumno de 3A. Sandra falounos das estrelas, dos planetas e mesmo das diferentes constelacións. Fixemos un experimento moi doado para ver a forma das constelacións a través de vasos de cartón e unha lanterna. Tamén puidemos ver o Sol a través do seu telescopio.

Moitas grazas pola túa colaboración.

PREME NA IMAXE



25N: Orbitando coa igualdade e o respecto

 O alumnado de 5º de Primaria converteuse en voz activa pola igualdade e polo bo trato. Con creatividade e compromiso, deseñaron carteis coma estes, que foron colocados polos corredores do colexio o propio 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

Ese mesmo día, os diferentes grupos visitaron a exposición para ler e comentar as mensaxes, interpretar símbolos e reflexionar sobre o que cada cartel transmitía. Un traballo que tamén enlaza co PLEA, fomentando a lectura crítica, a comunicación, a expresión de ideas e a construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria desde a escola.

De forma voluntaria, profesorado e alumnado quixeron sumar o seu apoio vestindo de negro, un xesto simbólico que fixo visible o noso rexeitamento á violencia e o compromiso con valores que construen convivencia: o respecto, a empatía, o coidado e a igualdade.

Educamos para respectar, para coidar, para convivir.
Violencia cero — igualdade sempre.




PREME NA IMAXE




luns, 24 de novembro de 2025

FALADOIRO NO MUÍÑO 10

FALADOIRO: PREPARA@S PARA VIAXAR AO ESPAZO

Para conmemorar o mes da Ciencia, Irene, a nosa avoa científica, veu a explicarnos como hai que viaxar ao espazo.

Moitas grazas pola túa colaboración.

PREME NA IMAXE


venres, 21 de novembro de 2025

Primeira reunión do equipo de Animadores/as da Lectura en 6º de Primaria

 Esta semana celebramos a primeira reunión oficial do grupo de Animadores e Animadoras da Lectura, formado polo alumnado de 6º de Primaria. A resposta foi fantástica: moitos rapaces e rapazas quixeron sumarse a esta experiencia que transforma a lectura nun espazo de creatividade, convivencia e maxia compartida.

Durante a xuntanza explicamos en que consistirá o seu papel dentro do colexio e cal será a súa colaboración ao longo do curso. O equipo asumirá tarefas tan especiais como:

Contar contos e historias curtas nas aulas de Infantil e Primaria durante a hora de ler, converténdose en referentes lectores para os máis pequenos.

-Transmitir o gusto pola lectura, a imaxinación e a creatividade a través da súa voz e das súas propostas.
Preparar lecturas, escoller libros e ensaiar co apoio do equipo da biblioteca.
Crear personaxes, usar monicreques ou facer pequenas dramatizacións para dar vida ás historias.
- Participar en actividades de lectura expresiva e tamén en gravacións para a nosa radio escolar, Radio AgroOnda.

O obxectivo principal é claro: converter cada sesión de lectura nun momento único, cheo de emocións, descubrimentos e moita literatura compartida.

Agradecemos enormemente a todos os nenos e nenas de 6º que decidiron participar. Comezamos esta aventura con moita ilusión e estamos seguros de que o seu labor será unha peza fundamental para enriquecer o noso PLEA e fortalecer a cultura lectora do Muíño.

Grazas por formar parte deste equipo tan especial!
A lectura, cando se comparte, medra.

PREME NA IMAXE



xoves, 20 de novembro de 2025

FALADOIRO DO MUÍÑO 9

 FALADOIRO: O CHURRO CÓSMICO

Paola a nai de Éric veu a falarnos da súa profesión de churreira e a convidarnos a todos a un delicioso chocolate con churros.

Moitas grazas pola túa colaboración.

PREME NA IMAXE