venres, 28 de novembro de 2025

FALADOIRO: "A NOSA PROPIA GALAXIA" 5 ANOS B

 Hoxe tivemos na aula unha actividade preparada polos papás de Aroa, que quixeron compartir connosco un anaco de maxia do universo. Primeiro ensináronnos a crear a nosa propia galaxia dentro dun bote. Para iso utilizamos: algodón,  colorante e purpurina brillante.

Pouco a pouco, mesturando e colocando as capas, fomos vendo como dentro do bote aparecían espirais de cores, luces e pequenos puntos que semellaban estrelas. Parecía que tiñamos o universo atrapado entre as mans!

Para rematar,  sorprendéronnos cun agasallo: unhas libretiñas con motivos do universo, ideais para debuxar estrelas, planetas, foguetes ou escribir pequenas aventuras espaciais.

Grazas pola vosa colaboración.

PREME NA IMAXE



FALADOIRO: INVESTIGANDO O ESPAZO 3º C

 Hoxe tivemos un faladoiro moi interesante da man de Teresa, avoa de Roque, que nos achegou ao mundo dos telescopios, satélites e robots.

Explicounos os distintos telescopios e satélites que se foron inventando ao longo do tempo, comparando o seu alcance e as súas posibilidades. Ademais, amosounos diferentes robots e ensinounos todo o que poden facer.

Para rematar, o alumnado participou nunha actividade en pequenos grupos relacionada cos robots, na que puideron poñer en práctica o aprendido.

Moitas grazas, Teresa, por compartir connosco este faladoiro tan interesante!

PREME NA IMAXE 



xoves, 27 de novembro de 2025

FALADOIRO: "MODELANDO O ESPAZO" 5 ANOS B

Hoxe, veu á aula a mamá de Olaia, veu compartir con nós a súa  afección polo universo. Primeiro explicounos como   é o universo, e as marabillas que agocha: galaxias, estrelas, nebulosas… Despois descubrimos as constelacións, eses debuxos feitos con estrelas que as persoas observan dende hai moitos anos. Recreamos algunhas coa axuda dunha lanterna e uns vasiños onde había uns buracos e proxectaba a   constelación no teito da aula.

  Tamén nos ensinou un telescopio, explicando para que serve e como nos axuda a ver obxectos moi lonxano pero non   poidemos usalo porque hoxe non había sol, aínda que no lo deixou na aula para que poidamos observalo outro día.

Para rematar, fixemos unha actividade creativa: cunha especie de plastilina que se seca ao aire, fixemos os nosos   propios planetas ou outros corpos celestes.

Grzas pola túa colaboración.

PREME NA IMAXE




mércores, 26 de novembro de 2025

CLUB DE LECTURA: "LECTURAS NO MUÍÑO"

 


Este curso escolar poñemos en marcha unha nova e ilusionante iniciativano noso centro: o Club de Lectura “Lecturas no Muíño”, dirixido ao alumnado de 5º e 6º de Primaria. Esta actividade forma parte do programa de dinamización da nosa biblioteca escolar, Agrobiblio, dentro da liña de clubs de lectura impulsada pola Consellería de Educación.

Con este proxecto buscamos fomentar o gusto pola lectura, desenvolver a imaxinación e crear un espazo onde compartir ideas, opinións e emocións a través dos libros. Ler non só nos axuda a aprender, senón tamén a viaxar a outros mundos, coñecer novos personaxes e comprender mellor a realidade que nos rodea.

O club reunirase cada 15 días para comentar as lecturas seleccionadas, intercambiar impresións e participar en pequenas dinámicas relacionadas cos libros. Ademais, o alumnado terá a oportunidade de recomendar as súas propias lecturas e descubrir novas historias que os engancharán dende a primeira páxina.

Ao longo do curso tamén se levarán a cabo actividades complementarias como xogos literarios, creación de recomendacións lectoras ou pequenas propostas creativas vinculadas ás lecturas, co obxectivo de facer da lectura unha experiencia activa e compartida.

“Lecturas no Muíño” nace coa ilusión de converterse nun punto de encontro para lectores e lectoras curiosos, onde cada opinión conta e cada libro abre unha nova porta.

Animámosvos a participar e a gozar desta aventura lectora xuntos.


martes, 25 de novembro de 2025

FALADOIRO NO MUÍÑO 11

 FALADOIRO: O espazo, constelacións e o telescopio. 

O martes 25 de novembro tivemos a sorte de recibir a Sandra, a nai de Aldán alumno de 3A. Sandra falounos das estrelas, dos planetas e mesmo das diferentes constelacións. Fixemos un experimento moi doado para ver a forma das constelacións a través de vasos de cartón e unha lanterna. Tamén puidemos ver o Sol a través do seu telescopio.

Moitas grazas pola túa colaboración.

PREME NA IMAXE



25N: Orbitando coa igualdade e o respecto

 O alumnado de 5º de Primaria converteuse en voz activa pola igualdade e polo bo trato. Con creatividade e compromiso, deseñaron carteis coma estes, que foron colocados polos corredores do colexio o propio 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

Ese mesmo día, os diferentes grupos visitaron a exposición para ler e comentar as mensaxes, interpretar símbolos e reflexionar sobre o que cada cartel transmitía. Un traballo que tamén enlaza co PLEA, fomentando a lectura crítica, a comunicación, a expresión de ideas e a construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria desde a escola.

De forma voluntaria, profesorado e alumnado quixeron sumar o seu apoio vestindo de negro, un xesto simbólico que fixo visible o noso rexeitamento á violencia e o compromiso con valores que construen convivencia: o respecto, a empatía, o coidado e a igualdade.

Educamos para respectar, para coidar, para convivir.
Violencia cero — igualdade sempre.




PREME NA IMAXE




luns, 24 de novembro de 2025

FALADOIRO NO MUÍÑO 10

FALADOIRO: PREPARA@S PARA VIAXAR AO ESPAZO

Para conmemorar o mes da Ciencia, Irene, a nosa avoa científica, veu a explicarnos como hai que viaxar ao espazo.

Moitas grazas pola túa colaboración.

PREME NA IMAXE


venres, 21 de novembro de 2025

Primeira reunión do equipo de Animadores/as da Lectura en 6º de Primaria

 Esta semana celebramos a primeira reunión oficial do grupo de Animadores e Animadoras da Lectura, formado polo alumnado de 6º de Primaria. A resposta foi fantástica: moitos rapaces e rapazas quixeron sumarse a esta experiencia que transforma a lectura nun espazo de creatividade, convivencia e maxia compartida.

Durante a xuntanza explicamos en que consistirá o seu papel dentro do colexio e cal será a súa colaboración ao longo do curso. O equipo asumirá tarefas tan especiais como:

Contar contos e historias curtas nas aulas de Infantil e Primaria durante a hora de ler, converténdose en referentes lectores para os máis pequenos.

-Transmitir o gusto pola lectura, a imaxinación e a creatividade a través da súa voz e das súas propostas.
Preparar lecturas, escoller libros e ensaiar co apoio do equipo da biblioteca.
Crear personaxes, usar monicreques ou facer pequenas dramatizacións para dar vida ás historias.
- Participar en actividades de lectura expresiva e tamén en gravacións para a nosa radio escolar, Radio AgroOnda.

O obxectivo principal é claro: converter cada sesión de lectura nun momento único, cheo de emocións, descubrimentos e moita literatura compartida.

Agradecemos enormemente a todos os nenos e nenas de 6º que decidiron participar. Comezamos esta aventura con moita ilusión e estamos seguros de que o seu labor será unha peza fundamental para enriquecer o noso PLEA e fortalecer a cultura lectora do Muíño.

Grazas por formar parte deste equipo tan especial!
A lectura, cando se comparte, medra.

PREME NA IMAXE



xoves, 20 de novembro de 2025

FALADOIRO DO MUÍÑO 9

 FALADOIRO: O CHURRO CÓSMICO

Paola a nai de Éric veu a falarnos da súa profesión de churreira e a convidarnos a todos a un delicioso chocolate con churros.

Moitas grazas pola túa colaboración.

PREME NA IMAXE



DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS DA INFANCIA 2025

 

    Chegou o 20 de novembro e con el conmemoramos o Día dos Dereitos da Infancia.  Por iso a rapazada de 1º creou un podcast onde nos falan un pouco sobre o tema. 

    O profe Brais entrevista a Leire, Breogán, Noa, Érik, David e Marta que explican que é iso de ser neno e cales son as cousas que máis lles gustan. 

Adiante, cativada!


 

Aquí podes ver como se fixo: un proceso no que colaboraron, experimentaron e descubriron que a voz é unha ferramenta marabillosa para compartir historias e aprendizaxes.

Un proxecto sinxelo, divertido e cheo de creatividade que lles permitiu iniciarse na expresión oral e no traballo en equipo. 

PREME NA IMAXE





mércores, 19 de novembro de 2025

5ºC crea a publicidade e organiza o cadro do Torneo de Nadal de Tenis de Mesa

 O alumnado de 5ºC foi o encargado de darlle visibilidade ao I Torneo de Nadal de Tenis de Mesa do CEIP Agro do Muíño. Como parte do desenvolvemento das competencias comunicativas e creativas recollidas no PLEA (Plan de Lectura, Escritura e Acceso á Información), prepararon cartaces publicitarios para animar ao alumnado de todo o centro a participar neste evento deportivo tan especial.

Ademais de deseñar a campaña gráfica, elaboraron un gran esquema cos participantes, organizando os cadros do torneo e distribuíndo a información de maneira clara, visual e comprensible para toda a comunidade educativa. Este traballo permitiulles aplicar estratexias de planificación, selección e presentación da información, tal e como promove o PLEA.

Os carteis foron colocados por distintos espazos do colexio, converténdose nunha auténtica campaña de comunicación que encheu os corredores de espírito deportivo e de ambiente festivo.

E para completar todo este magnífico labor, hoxe deu comezo o torneo, que arrancou no recreo cun ambiente cheo de emoción, compañeirismo e ganas de xogar.

Un magnífico exemplo de como o alumnado pode poñer en práctica a lectura de modelos, a creación de textos propios e a comunicación eficaz… ao tempo que contribúe á vida do centro con entusiasmo, responsabilidade e traballo en equipo.









A Galaxia de Agrobiblio: comezamos os experimentos da Semana da Ciencia

 Como estamos celebrando o Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas, desde o equipo de Agrobiblio decidimos realizar un pequeno experimento cada día cos grupos que teñen quenda de recreo. Queremos que a ciencia se viva, se toque e se experimente… e hoxe demos o primeiro paso!

Nesta ocasión comezamos co alumnado de 3º, que puido gozar dun experimento tan sinxelo como sorprendente: “A galaxia de Agrobiblio”, tamén coñecido como o experimento da leite máxica. O alumnado que quixo participar achegouse á mesa científica, observou os materiais e formulou a súa hipótese sobre o que pensaban que ía suceder cando o xabón entrase en contacto coa superficie da leite.

Despois de experimentar e ver como as cores se movían creando formas similares a pequenas galaxias, compartimos coa rapazada a explicación científica: o xabón rompe a tensión superficial da leite e fai que as graxas se movan, provocando ese efecto tan chamativo.

Unha primeira sesión chea de sorpresa, curiosidade e moitas ganas de seguir descubrindo durante todo o Mes da Ciencia.

PREME NA IMAXE