venres, 27 de marzo de 2026

FALADOIRO FILLOAS CON QUÍMICA 2º A

 Hoxe vivimos unha xornada moi especial coa visita dos pais de Aloia, que nos ofreceron o faladoiro “Filloas con Química”.

Comezamos con experimentos sorprendentes, onde o alumnado descubriu reaccións químicas e curiosidades científicas. Despois, puxémonos mans á masa nun obradoiro de filloas, elaborando e degustando diferentes variedades.

Unha experiencia moi completa que uniu ciencia e tradición, facendo do proceso “do muíño á mesa” unha aprendizaxe inesquecible.

Grazas á familia de Aloia pola súa implicación e por regalarnos un día tan especial.

PREME NA IMAXE



APADRIÑAMENTOS LECTORES DE MARZO

 Este mes de marzo celebramos unha nova sesión de apadriñamentos lectores na nosa biblioteca. Unha vez máis, os padriños e madriñas compartiron momentos de lectura cos seus afillados e afilladas, creando un espazo de encontro arredor dos libros.

Entre contos, risas e complicidades, seguimos fortalecendo o gusto pola lectura e os lazos entre o alumnado de diferentes niveis.

Cada último venres de mes, a lectura convértese nunha experiencia compartida que enriquece a toda a comunidade educativa.

PREME NA IMAXE



mércores, 25 de marzo de 2026

A TOUPIÑA CHEGA A 1º B

 As animadoras á lectura de 6º de Primaria, Julieta, África, Rocío e Lucía, visitaron a aula de 1º B para contar o conto A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza. Acompañadas do seu teatriño e das marionetas que elaboraron durante varios recreos, deron vida á historia dunha maneira divertida e moi expresiva.

O alumnado seguiu o conto con moita atención, gozando de cada momento e vendo como as personaxes cobraban vida diante deles. A experiencia foi tan motivadora que non se conformaron cun só conto… querían máis.

Unha xornada chea de lectura, creatividade e ilusión compartida.

Grazas ás animadoras polo seu traballo e dedicación.

PREME NA IMAXE



martes, 24 de marzo de 2026

FALADOIRO: MISIÓN ESPECIAL: PRIMEIROS AUXILIOS 2º B

 Hoxe tivemos un faladoiro moi importante da man de Niria, nai de Oliver Viaño, que veu ao colexio para ensinar ao alumnado de 2º B nocións básicas de primeiros auxilios.

Aprendemos como actuar en caso de queimaduras, contusións ou feridas, e tamén a importancia de chamar ao 112. Ademais, coñecemos as siglas PAS (Protexer, Avisar e Socorrer), fundamentais en situacións de emerxencia, e iniciámonos na práctica da RCP.

Para rematar, e como en toda boa formación, o alumnado recibiu un diploma acreditativo da aprendizaxe adquirida.

Moitas grazas, Niria, por este faladoiro tan útil e necesario!

PREME NA IMAXE 



venres, 20 de marzo de 2026

FALADOIRO: HÉLICES DE BARCOS 4 ANOS B

 Hoxe tivemos un faladoiro moi interesante na aula de 4 anos B da man do pai de Marina, que traballa nunha empresa en Vilagarcía dedicada á fabricación de hélices para barcos, incluso para grandes trasatlánticos.

O alumnado puido coñecer como se elaboran estas pezas tan importantes, descubrindo a relación entre ciencia, tecnoloxía e mundo mariño.

Unha experiencia moi enriquecedora que nos achegou a unha profesión fascinante.

Grazas pola visita e por compartir connosco o teu traballo!

PREME NA IMAXE



FALADOIRO: AGRO TRIVIAL 3º C

 Hoxe tivemos un faladoiro moi especial grazas aos pais de Lois, que organizaron un Agro Trivial na aula. O alumnado dividiuse en dous equipos para participar nun xogo de preguntas sobre o espazo e o mar, poñendo a proba todo o aprendido.

Para rematar, Lois compartiu a súa paixón polos dinosauros, explicando detalles sobre o seu favorito e amosándonos un colmillo real deste réptil, que espertou moita curiosidade.

A actividade pechouse cun pequeno agasallo para cada neno e nena, poñendo o broche final a unha xornada moi divertida e enriquecedora.

Moitas grazas pola proposta e por facernos aprender xogando!

PREME NA IMAXE



martes, 17 de marzo de 2026

FALADOIRO: O ESPAZO NO CINE

 Este martes 17, Belén Martínez, xornalista e nai da nosa compañeira Uxía de 5ºB, deunos un faladoiro interesantísimo sobre a evolución de cono se veu o espacio na historia do cine. Explicounos como foron mellorando os efectos especiais e contounos os segredos de como se lograron algunhas das imaxes mais coñecidas das películas de ciencia ficción mais famosas.

Grazas pola túa colaboración.

PREME NA IMAXE



FALADOIRO: EL BOTÓN DE LA IMAGINACIÓN 5 ANOS A

 Yoli e Pili, a mamá e a avoa de Gael , viñeron ao cole a contarnos “El botón de la imaginación” para demostrarnos que hai outros xeitos de divertirse mellor que as pantallas e ata nos ensinaron como coser un botón. Pasámolo xenial!

Moitas grazas pola vosa colaboración!


PREME NA IMAXE



O CÓMIC TOMA A BIBLIOTECA

 Con motivo do Día do Cómic, na biblioteca do centro preparamos unha exposición de materiais para achegar ao alumnado ao fascinante mundo das viñetas.



Nesta mostra, o alumnado puido descubrir diferentes tipos de cómics, coñecer as súas partes e mergullarse en historias cheas de aventuras, humor e imaxinación. A través desta iniciativa, seguimos fomentando o gusto pola lectura dun xeito atractivo e motivador.

Unha oportunidade perfecta para descubrir que, entre viñetas, tamén se agochan grandes lectores e lectoras.

sábado, 14 de marzo de 2026

FALADOIRO: CONTO " LA LUNA Y SUS AMIGOS" 4 ANOS B

Onte tivemos un faladoiro moi especial na aula de 4 anos coa visita da nai de Elena, que nos veu contar o fermoso conto “A lúa e os seus amigos”.

A través desta historia, o alumnado gozou dunha viaxe chea de imaxinación, descubrindo a importancia da amizade, da axuda mutua e do respecto polos demais. A narración estivo chea de tenrura e conseguiu captar a atención de todos e todas.

Foi un momento moi bonito de escoita e participación, no que os nenos e nenas tamén puideron compartir as súas ideas e emocións.

Grazas pola túa colaboración.

PREME NA IMAXE



venres, 13 de marzo de 2026

PEQUENOS XORNALISTAS EN ACCIÓN

 Durante a Semana da Prensa, o alumnado de Educación Infantil tamén se achegou ao mundo dos xornais a través de diferentes propostas lúdicas e creativas.

Primeiro coñeceron o conto Un homiño de papel, unha historia que lles permitiu descubrir todo o que pode agochar unha simple folla de papel. Despois, convertéronse en pequenos xornalistas elaborando os seus propios xornais con debuxos, palabras e moita imaxinación.

Ademais, aproveitaron o papel de xornal para xogar e crear diferentes figuras, como avións, pelotas e outras formas, demostrando que o papel tamén pode transformarse en diversión e aprendizaxe.

PREME NA IMAXE



XORNALISTAS POR UN DÍA 2º A

 

Hoxe na aula celebramos a Semana da Prensa dun xeito moi especial. Convertémonos en auténticos expertos e expertas en comunicación analizando o xornal de arriba a abaixo.

A través dun collage creativo fomos debullando cada noticia para identificar as súas partes:

  • a data,

  • o nome do periódico,

  • o titular,

  • a foto e o seu pé de imaxe.

Lemos, recortamos, pegamos e, sobre todo, aprendemos a mirar a actualidade con ollos críticos. Pasámolo de marabilla descubrindo que hai detrás de cada páxina.

PREME NA IMAXE



Semana da Prensa 2026

A semana do 9 ao 13 de marzo conmemoramos a SEMANA DA PRENSA NA ESCOLA coa finalidade de reivindicar que os xornais son unha fiestra aberta ao mundo onde se informa de todo tipo de acontecementos.


Así, ao longo da semana, en tódalas aulas traballouse cos xornais realizando diversas actividades, tales como:

  • selección de noticias relacionadas co universo para a elaboración do mural do centro,

  • creación de noticias,

  • ilustración de noticias do xornal,

  • xogos con papel de xornal: encestar, papiroflexia...

Deste xeito, o alumnado puido achegarse ao mundo da información, descubrir como se constrúen as noticias e desenvolver unha mirada máis crítica e curiosa cara ao que acontece ao noso redor.


"QUEDA SITIO NA VASOIRA” EN 3 ANOS

 As animadoras á lectura de 6º de Primaria Saínza, Inés e Ariadna visitaron ao alumnado de 3 anos para contar o conto Queda sitio na vasoira. A través da súa interpretación e dos monicreques, foron dando vida a cada unha das personaxes da historia.

Ademais, os propios monicreques foron elaborados polas animadoras, que dedicaron parte dos seus recreos a preparalos e a coidar todos os detalles para compartir este momento de lectura cos máis pequenos.

O alumnado de 3 anos seguiu o conto con moita atención e entusiasmo, desfrutando desta actividade de lectura compartida.

Parabéns ás animadoras polo seu traballo e moitas grazas pola ilusión e dedicación.

PREME A IMAXE




xoves, 12 de marzo de 2026

PITIÑOS DE LA NA BIBLIOTECA CREATIVA

 Onte vivimos unha xornada moi especial na biblioteca. Da man de Teresa, avoa de Antón e de Lois, o alumnado puido achegarse ao mundo da la e descubrir como, con paciencia e habilidade, os fíos poden transformarse en pequenas creacións cheas de vida.

Durante o obradoiro comezamos a elaborar uns simpáticos pitiños de la a partir de pompons. Ademais de crear, compartimos tempo, saberes e experiencias entre xeracións.

Esta actividade forma parte do programa Biblioteca Creativa, no que seguimos explorando novas formas de aprender, crear e compartir.

PREME NA IMAXE



luns, 9 de marzo de 2026

Lectura Wonder. A historia de Julian

 Nesta ocasión, o libro traballado no club de lectura foi Wonder: A historia de Julian, unha perspectiva diferente da coñecida historia que nos permitiu profundar especialmente no valor da empatía. A través desta lectura, reflexionamos sobre como as nosas accións afectan aos demais e como todos temos a capacidade de elixir como comportarnos.

Realizamos distintas actividades para interiorizar estas aprendizaxes. Unha das máis significativas foi a dinámica do espello, na que puidemos comprender que as nosas reaccións non dependen do que fagan os demais, senón que somos responsables das nosas propias decisións e actitudes.

Ademais, tivemos a oportunidade de compartir esta experiencia co alumnado de sexto, quen serán os próximos lectores do libro. Explicámoslles por que cremos que esta historia é importante e que poden aprender dela. Para rematar, cada participante creou o seu propio “precepto”, seguindo o espírito do libro, como unha forma de expresar os valores que desexan aplicar na súa vida cotiá.

PREME NA IMAXE




sábado, 7 de marzo de 2026

MEMORIAS DE MULLERES QUE INSPIRAN O NOSO MURAL

 Onte en Agrobiblio, o alumando de 5° e 6° compartiu tempo e vivencias coas muralistas de 7hcoop, co gallo da celebración do 8M. Estas artistas serán as encargadas de elaborar un fantástico mural nunha das fachadas do noso centro e para iso necesitan saber " que levaban as mulleres na cabeza?". 

Os nenos e nenas, despois de falalo coas súas familias, fixeron unha posta en común sobre a vida das súas antepasadas, das mulleres do agro e do seu día a día.

Houbo incluso quen compartiu algunha foto!

PREME NA IMAXE



venres, 6 de marzo de 2026

FALADOIRO: UNHA MULLER BOMBEIRA FORESTAL

 O faladoiro da avoa de Mario tratou sobre as primeiras mulleres bombeiras forestais, desde o ano 1991. Contoulles como tiveron que traballar nun mundo de homes e as dificultades ás que se enfrontaron.

Tamén lles contou un conto e puxo o traxe, explicando con detalle para que servía cada parte. Tratou de que entenderan a importancia de coidar o monte e a diferenza entre os bombeiros forestais e os urbanos.

Foi moi interesante! Ao final, deulles un diploma. Hai unha foto do compromiso de coidar o monte, sendo o raposo o protagonista do conto.

Grazas pola vosa colaboración.

PREME NA IMAXE



LECTURAS PARA DESCUBRIR MULLERES QUE FIXERON HISTORIA

 Con motivo do Día Internacional da Muller, na biblioteca organizamos unha pequena exposición de libros dedicada a visibilizar o papel das mulleres en diferentes ámbitos da sociedade.

Nesta selección pódense atopar obras que achegan ao alumnado ás historias de mulleres destacadas na ciencia, na literatura, na arte, no deporte ou na defensa dos dereitos, entre outros campos profesionais. A mostra estará dispoñible na biblioteca para que o alumnado poida achegarse a estas lecturas, descubrir novos referentes e coñecer mellor as súas achegas.

Unha invitación a ler, investigar e seguir descubrindo mulleres que, co seu traballo e talento, contribuíron e seguen contribuíndo a transformar o mundo.

UNHA CONSTELACIÓN DE MULLERES PARA O 8M

 Con motivo do Día Internacional da Muller, desde o equipo da biblioteca quixemos destacar o papel das mulleres na ciencia e na exploración do universo. Aproveitando o noso proxecto Agronautas en órbita, elaboramos unha pequena Constelación de Mulleres formada por científicas vinculadas á astronomía e aos proxectos espaciais.

Entre elas están as astrónomas galegas Josefina Ling, Ana Ulla e Minia Manteiga, investigadoras relacionadas coa misión Gaia da Axencia Espacial Europea, que está a elaborar o mapa máis preciso da nosa galaxia.

Xunto a elas tamén aparecen outras profesionais do ámbito aeroespacial, como Begoña Vila ou Xunqueira Ézara, que co seu traballo contribúen a ampliar o coñecemento do cosmos.

Un pequeno recoñecemento para lembrar que tamén hai mulleres que axudan a descubrir o universo.

martes, 3 de marzo de 2026

COMEZA O GRAN TORNEO DE XADREZ

 Hoxe comezou na biblioteca o noso torneo de xadrez, no que participan numerosos alumnos e alumnas do centro. Antes de iniciar as partidas, explicouse o decálogo do torneo e lembráronse as normas básicas para xogar con respecto, paciencia e deportividade.

Unha vez preparado todo, comezaron as primeiras partidas, nas que xa se puideron ver grandes xogadas, concentración e moitas ganas de participar. O torneo continuará nos vindeiros días ata coñecer quen avanzará nas seguintes roldas.


PREME NA IMAXE




FALADOIRO: "MILO QUERE COLLER A LÚA" 5 ANOS B

 Hoxe tivemos na aula a visita de LAURA, a MAMÁ DE MANU. Veunos contar un conto sobre un gato chamado Milo, que soñaba con coller a Lúa. 

Despois do conto decoramos un imán, colocamos o noso gato Milo enriba do tellado e cando lle botamos auga á lúa… maxia! .  Comezaron a aparecer os cráteres, e puidemos ver como a súa superficie se enchía de marcas, igual que a Lúa de verdade.

Para completar a nosa creación, pintamos as estrelas e a Lúa cunha pintura especial que brilla na escuridade. Na clase non o poidemos ver moi ben, pero na casa seguro que brillarán.

Tamén trouxo unha caixa holográfica feita coa axuda de Manu na casa, e poidemos disfrutar de preciosas imaxes en  3D proxectadas directamente do teléfono móbil.

Grazas pola túa colaboración:

PREME NA IMAXE