xoves, 18 de decembro de 2025

Gañadores/as das Postais de Nadal

 Como cada Nadal, o E.D.L.G. organiza o CONCURSO DE POSTAIS, contando coa colaboración do equipo de biblioteca.

Baixo o lema “Un Nadal espacial”, o alumnado deixou voar a imaxinación a través das súas postais.

A entrega de premios tivo lugar na Agrobiblio, nun ambiente de ilusión e celebración, coa colaboración da ANPA nos agasallos.

Aquí podedes ver aos gañadores e gañadoras desta edición, que nos fixeron viaxar polo universo coas súas creacións.

Parabéns a todo o alumnado participante!

PREME NA IMAXE



mércores, 17 de decembro de 2025

GUÍA DE NADAL 2025

  Aquí vos deixamos a guía de recomendacións lectoras para este Nadal que elabora a rede de bibliotecas escolares do Concello de Ames. 

Botádelle un ollo!



martes, 16 de decembro de 2025

POSTAIS GAÑADORAS

 Estas son as postais gañadoras do noso Concurso de Nadal.

Unha mostra de creatividade, ilusión e bo facer por parte do alumnado.

Parabéns ás persoas premiadas e grazas a todas e todos por participar!



CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL

 A biblioteca do CEIP Agro do Muíño, en colaboración co Equipo de Normalización Lingüística, organizou o Concurso de Postais de Nadal, no que o alumnado amosou a súa creatividade e ilusión empregando a lingua galega.

As postais encheron a entrada do cole de cor, mensaxes bonitas e espírito navideño.
Parabéns a todo o alumnado participante!

A NOSA ÁRBORE DE NADAL

 Este Nadal, a árbore do cole énchese de ilusión con adornos creados polo alumnado.

Un espazo compartido cheo de creatividade, colaboración e espírito navideño. 

luns, 15 de decembro de 2025

FALADOIRO: OBRADOIRO DE GALLETAS ESPACIAIS 3º C

 Hoxe tivemos un faladoiro-obradoiro moi especial da man da nai de Vicky, coa que nos convertimos en auténticos cociñeiros e cociñeiras do espazo.

Durante a actividade elaboramos deliciosas galletas de manteiga con forma de estrelas e lúas, gozando dun momento moi divertido e creativo.

Unha experiencia doce e inesquecible que nos permitiu aprender facendo.

Moitas grazas pola proposta e por este obradoiro tan saboroso!

PREME NA IMAXE 



FALADOIRO: OS EXTRATERRESTRES VISITAN AMES 4º B

 Hoxe tivemos un faladoiro moi especial da man de Blas, pai de Xaime, que nos sorprendeu cunha divertida historia protagonizada por uns extraterrestres de Plutón.

Na súa aventura, os plutonianos aterrizaban no Monte San Marcos coa intención de coñecer o municipio de Ames e pasar o verán, xa que no seu planeta fai moito frío. A través deste relato, o alumnado foi descubrindo curiosidades sobre o noso contorno, como as 11 parroquias de Ames ou os ríos máis importantes que o atravesan, o Tambre e o Sar.

Unha proposta moi orixinal que mesturou imaxinación e coñecemento do medio.

Moitas grazas, Blas, por facernos viaxar de Plutón a Ames!

PREME NA IMAXE 



venres, 12 de decembro de 2025

FALADOIRO: O PERGAMEO 3º C

 Hoxe tivemos un faladoiro moi interesante da man da madriña de Abril, que nos achegou ao mundo do pergameo.

Explicounos de onde procede o seu nome, como se elaboraban antigamente e cales eran os seus usos, tanto no pasado como na actualidade. Tamén coñecemos os materiais que se empregan para decoralos e puidemos ver algúns exemplos feitos por ela, que nos sorprenderon moito.

Foi unha experiencia moi enriquecedora que nos permitiu descubrir unha técnica tradicional chea de historia.

Moitas grazas por compartir connosco este saber!

PREME NA IMAXE



mércores, 10 de decembro de 2025

LECTURA: A SEÑORITA BUBBLE: AVENTURAS BAIXO DERO, DE LEDICIA COSTAS

Nesta sesión traballamos a lectura de A señorita Bubble: Aventuras baixo cero, de Ledicia Costas, unha historia chea de imaxinación, ciencia e conciencia ambiental.

A partir do libro, reflexionamos sobre o problema do desxeo e o impacto do cambio climático no noso planeta. Para facelo dunha maneira práctica e significativa, realizamos un experimento no que analizamos como se produce o desxeo e que accións podemos levar a cabo para contribuír a frear este problema.

Esta actividade permitiu aos participantes non só comprender mellor os contidos do libro, senón tamén tomar conciencia da importancia de coidar o medio ambiente desde as nosas propias accións diarias, fomentando unha actitude responsable e comprometida co entorno.

 

PREME NA IMAXE






FALADOIRO: UNHA NAVIDAD MUY ESPACIAL 4 ANOS B

 A nai de Sofía veu a contarnos o conto "Una Navidad muy espacial"

Moitas grazas pola túa colaboración.

PREME NA IMAXE



FALADOIRO: " VIAXE LUNAR" 2º C

 Hoxe tivemos un faladoiro moi especial titulado “Viaxe lunar”, da man de Teresa, avoa de Pedro.

A través desta proposta, o alumnado realizou unha fascinante viaxe polo espazo para descubrir os segredos do noso satélite, a Lúa. Coñecemos curiosidades, características e detalles que espertaron a nosa curiosidade polo universo.

Unha experiencia moi enriquecedora que nos fixo aprender e soñar coa Lúa.

Moitas grazas, Teresa, por acompañarnos nesta viaxe tan especial!

PREME NA IMAXE 



venres, 5 de decembro de 2025

FALADOIRO: ESAS PIZZAS SON DOUTRA GALAXIA 2º C

 Hoxe tivemos un faladoiro moi saboroso da man da avoa de Orión, que nos sorprendeu cunha proposta moi especial.

Durante a actividade, convertémonos en cociñeiros e cociñeiras para elaborar unhas deliciosas pizzas seguindo a súa receita, aprendendo paso a paso o proceso de preparación.

Foi unha experiencia moi divertida e enriquecedora, na que combinamos aprendizaxe e creatividade… cun resultado final para chuparse os dedos!

Moitas grazas por compartir connosco este faladoiro tan apetitoso! 

PREME NA IMAXE



xoves, 4 de decembro de 2025

SESIÓN INICIAL: DESCUBRINDO O CLUB DE LECTURA

A nosa primeira sesión de descubrimento no club de lectura foi unha auténtica experiencia de investigación. A través dunha proposta dinámica e participativa, os nenos e nenas tiveron que ir descubrindo como se ía organizar o club, cal sería o seu funcionamento e tamén adiviñar cal ía ser a primeira lectura.

Foi unha actividade chea de intriga, curiosidade e espírito aventureiro, que espertou o interese e a motivación desde o primeiro momento. Esta sesión inicial permitiu crear un ambiente de entusiasmo e participación, sentando as bases para todo o traballo que desenvolveriamos ao longo do club de lectura.

PREME NA IMAXE 



FALADOIRO: CLEMENTINA E OS PLANETAS 4 ANOS B

 Onte, visitáronnos os pais de Antón para contarnos o conto de Clementina e os planetas.

Moitas grazas pola vosa colaboración.

PREME A IMAXE



mércores, 3 de decembro de 2025

MISIÓN INCLUSIÓN

 O alumnado de 6º de E.I fixo un percorrido polo cole para tratar de descubrir si no Agro do Muíño se promovía a inclusión das persoas con Discapacidade para tratar de ver as barreiras e limitacións coas que se enfrentan estas persoas no seu día a día e descubriron que hai cartelería adaptada por todo o centro, ascensor e rampas para eliminar as barreiras arquitectónicas... e comprometéronse a promover un trato respectuoso e natural con estas persoas.

PREME NA IMAXE



AS MANS TAMÉN FALAN

Introdución á Lingua de Signos con Olivia 

Hoxe en Agrobiblio tivemos un obradoiro moi especial da man de Olivia, alumna de 3ºB, que nos achegou ás primeiras nocións da lingua de signos. Con moita claridade e sensibilidade explicounos como esta linguaxe visual permite comunicar a través dos xestos, da expresión facial e do movemento das mans.

O alumnado puido aprender algúns signos básicos e descubrir que existen moitas maneiras de dicir palabras tan cotiás como “grazas”, “biblioteca”, “boas tardes”, algúns animais e outras moitas máis. Foi unha experiencia chea de respecto e curiosidade, que nos recorda que todas as formas de comunicación son valiosas e necesarias.

Parabéns, Olivia, pola túa sensibilidade e por compartir connosco este fermoso xeito de comunicarnos!

PREME NA IMAXE




PICTOGRAMAS

 Cando as imaxes tamén falan

Tras coñecer o braille, tamén puidemos achegarnos ao mundo dos pictogramas, descubrindo que estas imaxes sinxelas serven para facilitar a comunicación, apoiar a comprensión e facer os espazos máis accesibles para todas as persoas.

A través de exemplos e pequenas actividades entendemos como un símbolo pode transmitir unha idea de maneira rápida e clara. Ademais, aproveitamos para colocar os pictogramas da CDU en Agrobiblio, facendo máis visual e comprensible a organización dos libros.

Grazas ós especialistas de PT e AL: Catuxa, Yoli, Guille e María, por axudarnos a facer un espazo máis inclusivo.

Un paso máis para converter a biblioteca nun espazo máis accesible, máis claro e máis inclusivo.

PREME NA IMAXE



Descubrindo o Braille

 Ler coas mans, comprender co corazón

Hoxe en Agrobiblio celebramos o 3 de decembro cun obradoiro no que o alumnado se achegou ao braille, descubrindo como funcionan as celas de seis puntos e escribindo o seu nome mediante o tacto e o xogo.

Foi unha experiencia que abriu conversas sobre empatía, accesibilidade e diversidade funcional, lembrándonos que non todas as persoas lemos do mesmo modo, pero todas temos dereito a acceder ás palabras.

PREME NA IMAXE



3 de decembro: Celebrando a diversidade desde 3º de Primaria

 Con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, o alumnado de 3º de Primaria elaborou carteis cheos de creatividade e mensaxes inclusivas. A través de frases como “A amizade non ten barreiras” ou “Xuntos facemos un universo mellor”, encheron os corredores do cole de cor e reflexión.

A actividade forma parte do noso PLEA, utilizando a expresión artística como unha maneira de ler, pensar e comprender a diversidade.

Contamos tamén coa colaboración de COGAMI, que nos cedeu dous paneis expositivos, entre eles o da campaña “Os Bolechas e a Discapacidade”, xunto cunha figura de Spock adaptada cunha prótese que chamou moito a atención do alumnado.

Grazas a todos e todas por facer visible a inclusión cunha mirada tan creativa e verdadeira.
No Muíño seguimos avanzando cara a un cole máis inclusivo e máis humano.


PREME NA IMAXE





martes, 2 de decembro de 2025

A DIVERSIDADE TAMÉN SE LE

 Coincidindo coa conmemoración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, a biblioteca escolar preparou unha exposición especial de libros centrada na diversidade, na inclusión e no respecto ás diferentes formas de ser e estar no mundo.

A selección inclúe álbums ilustrados, contos, biografías, libros informativos e obras de ficción que abordan temas como a diversidade funcional, a superación persoal, a accesibilidade, a empatía ou a convivencia. Son lecturas coidadosamente elixidas para que o alumnado poida achegarse a estas realidades desde unha mirada positiva, sensible e adaptada ás súas idades.

Durante estes días, quen entrou en Agrobiblio atopou nas mesas e estantes títulos que invitan a conversar, a facerse preguntas e a descubrir novas perspectivas. Esta exposición serve como complemento perfecto ao traballo realizado en Infantil e Primaria arredor do 3 de decembro, especialmente aos magníficos carteis creados polo alumnado de 3º.

A iniciativa forma parte tamén do noso PLEA, que entende a lectura como unha ferramenta esencial para educar na igualdade, formar cidadáns máis críticos e fomentar valores como o respecto, a solidariedade e a inclusión.

Animamos a todas as clases a visitar a exposición, levar en préstamo algún destes libros e continuar construíndo, entre todas e todos, unha escola onde as diferenzas suman e enriquecen.

PODCAST DO UNIVERSO DE 5º DE PRIMARIA

     Un grupo de nenas e nenos de 5º de primaria vannos dar datos e curiosidades do noso sistema solar. 

Abrochade os cintos e poñede os cascos que despegamos!



PREME NA IMAXE