MISIÓN CUMPRIDA, TRIPULACIÓN AGROBIBLIO
Hoxe despedimos a unha parte moi especial da nosa tripulación: os nosos biblioaxudantes, animadores/as á lectura e técnicos de son de 6º.
Ao longo deste curso, a nosa biblioteca contou cun equipo extraordinario de alumnado que dedicou parte do seu tempo, da súa ilusión e do seu compromiso a facer de Agrobiblio un lugar mellor para todos e todas.
Os biblioaxudantes colaboraron na organización dos fondos, no préstamo, na orde dos espazos, no funcionamento da biblioteca, no torneo de xadrez e en moitas outras tarefas imprescindibles para o día a día.
Pola súa banda, os animadores e animadoras á lectura converteron os libros en aventuras compartidas, levando contos, representacións e actividades lectoras aos máis pequenos e pequenas do centro, contaxiando o seu entusiasmo pola lectura.
Tamén queremos agradecer o labor dos nosos técnicos de son, que fixeron posible o funcionamento de Radio AgroOnda e colaboraron con responsabilidade e profesionalidade nas diferentes actividades realizadas ao longo do curso.
Hoxe pechades unha etapa no CEIP Agro do Muíño deixando unha pegada inesquecible en Agrobiblio. Grazas polo voso esforzo, responsabilidade, creatividade, compromiso e xenerosidade. Sen vós, moitas das actividades que fan da nosa biblioteca un espazo vivo, participativo e cheo de historias non serían posibles.
Levades convosco moitas experiencias, aprendizaxes e recordos, pero tamén deixades aquí unha parte de vós que seguirá formando parte da historia de Agrobiblio.
Foi un orgullo contar convosco nesta misión.
Moita sorte na nova aventura que está a piques de comezar. Agrobiblio sempre será a vosa casa.
Grazas por facer medrar Agrobiblio cada día.
Ata sempre, agronautas.
PREME NA IMAXE
