xoves, 21 de maio de 2026

TENTÁCULO ROCK FAI VIBRAR O CEIP AGRO DO MUÍÑO

 O que inicialmente ía ser un pequeno concerto en Agrobiblio acabou converténdose nun dos momentos máis especiais deste curso.

O alumnado do CEIP Agro do Muíño tivo a oportunidade de gozar da actuación de Tentáculo Rock, un grupo formado por catro alumnos de 6º de Primaria que, coa súa música, a súa ilusión e a súa enerxía, conseguiron encher de rock o Palacio de Cristal.

Despois do éxito acadado en Quero Cantar, tiñamos claro que toda a comunidade educativa merecía desfrutar do talento destes mozos músicos. E non defraudaron. Durante o concerto compartiron as súas cancións, transmitiron a súa paixón pola música e fixeron cantar, aplaudir e vibrar a grandes e pequenos.

Foi emocionante ver como un proxecto nacido da amizade, do esforzo e do amor pola música era capaz de reunir a todo o cole arredor dun escenario para vivir unha experiencia inesquecible.

Desde Agrobiblio queremos felicitar aos integrantes de Tentáculo Rock polo seu traballo, pola súa valentía para subir ao escenario e por demostrar que os soños tamén poden comezar nunha aula e medrar ata chegar moi lonxe.

Grazas por regalarnos unha mañá chea de emoción, compañeirismo e, por suposto, moito rock and roll.

Longa vida ao rock!

PREME NA IMAXE