venres, 8 de maio de 2026

NA LÚA CON PEDRAS DE PAPEL- OBRADOIRO DE BIBLIOTECA CREATIVA

 Dentro das actividades desenvolvidas ao abeiro do programa Biblioteca Creativa da Xunta de Galicia, o alumnado de 3º de Primaria participou nun obradoiro artístico da man de Electra Menéndez, artista plástica, artesá e creadora do proxecto “Pedras de papel”, centrado na escultura e creación artística con papel e materiais reciclados.

Partindo do noso PDI “Agronautas en órbita”, os nenos e nenas mergulláronse nun universo de imaxinación, creatividade e experimentación, creando pequenas esculturas inspiradas no espazo: astronautas, superficies lunares e personaxes en situación de ingravidez.

Esta actividade, realizada no marco do “espazo creativo” da nosa biblioteca escolar, permitiu ao alumnado experimentar coa creación plástica empregando materiais sinxelos como papel, cartón, cinta e pintura, transformándoos en auténticas obras cheas de personalidade e fantasía.

O obradoiro combinou expresión artística, aprendizaxe manipulativa e traballo colaborativo, facendo posible que cada creación individual formase parte dunha gran proposta colectiva. Unha experiencia creativa e comunitaria que converteu a biblioteca nun pequeno universo artístico onde investigar, crear e deixar voar a imaxinación.

Electra, historiadora, artista plástica e artesá do papel, desenvolve desde hai anos propostas de dinamización cultural, animación á lectura e creación artística en bibliotecas e centros educativos a través do seu proxecto “Pedras de papel”. Dende o seu taller busca actualizar esta herdanza cultural e preservala, e agora vaino facer dende Ames, xa que acaba de establecer o seu taller no noso concello.


Grazas a Electra por compartir connosco o seu talento, a súa sensibilidade artística e a maxia de “Pedras de papel”.

PREME NA IMAXE