martes, 10 de febreiro de 2026

FALADOIRO: UNHA VANTÁ AO CORAZÓN DE XINZO 2º A

 Unha ventá ao corazón de Xinzo: Grazas, Alberto.

Hoxe a nosa clase non foi unha clase calquera; foi unha viaxe directa ao sentir da Limia. Tivemos a sorte de recibir a Alberto, o noso conserxe, que veu falarnos con todo o entusiasmo do Entroido de Xinzo e das súas maxestosas Pantallas.

Non veu coas mans baleiras. Trouxo consigo o orgullo dun pobo: unha Pantalla terminada e outra que está a restaurar con moito coidado. Ver esas pezas de preto, e mesmo ter a oportunidade de probalas, fíxonos sentir por un momento o peso e a maxia da historia de Xinzo.

Grazas a Alberto, descubrimos que cada Pantalla é unha obra de arte única:

 1. Artesanía pura: Están feitas con papel, cartón e ese sombreiro tan característico, todo pintado a man. Pero non se pode pintar calquera cousa: o seu deseño debe honrar sempre ao universo ou á natureza.

2.Detalles con alma: Aprendemos que a súa capa non é un simple adorno, senón que leva exactamente cinco atados de lazos.

3 O son que manda: As pantallas non golpean; elas avisan. Co son dos seus axouxeres e campás, piden paso cun estrondo que impón respecto, xa que a través da máscara a visibilidade é moi pouca.

4.A lei do Entroido: Se es de Xinzo e non te disfrazas, prepárate! As Pantallas perseguiranche ata que aceptes o teu "castigo": invitalas a tomar algo. Unha forma única de manter viva a festa e a unión entre os veciños.

Para a xente de Xinzo, o Entroido é o verdadeiro calendario. Alí o ano non remata o 31 de decembro; o sentimento dura ata o 22 de febreiro. De feito, en canto acaba a festa, xa colocan un reloxo coa conta atrás para o seguinte ano. Así de grande é a súa paixón.

Pasámolo xenial e quedamos coas ganas (e a ilusión) de poder ir algún día en persoa para vivir o abraio de ver as rúas cheas de cor e o son das campás.

Grazas, Alberto, por traernos un pedaciño de Xinzo á nosa aula e por ensinarnos a querer as nosas tradicións.