Esta tarde, de 18:00 a 20:00 h, celebramos o Samaín cunha xornada de portas abertas.
Agardámosvos para compartir unha tarde chea de maxia, cabazas espaciais e moito bo humor.
Un Samaín moi especial no Muíño!
Esta tarde, de 18:00 a 20:00 h, celebramos o Samaín cunha xornada de portas abertas.
Agardámosvos para compartir unha tarde chea de maxia, cabazas espaciais e moito bo humor.
Un Samaín moi especial no Muíño!
No mes de outubro, o alumnado de 3ºB mergullouse na vida e na obra de Mary Wollstonecraft Shelley, autora de Frankenstein.
Aproveitamos esta lectura para coñecer o poder da imaxinación e o papel das mulleres escritoras, celebrando tamén o Día das Escritoras.
Inspirámonos no seu famoso monstro para crear as nosas propias versións de Frankenstein, cheas de cor, creatividade e sentido do humor. Así unimos literatura, arte e Samaín nunha actividade divertida e chea de aprendizaxe.
Porque ler tamén é crear… e imaxinar criaturas inesquecibles!
O Samaín tamén chegou a Agrobiblio!
Para celebralo, preparamos unha exposición chea de lecturas embruxadas, misteriosas e divertidas, con títulos que convidan a deixar voar a imaxinación e a gozar do pracer de ler entre cabazas, meiguiñas e criaturas fantásticas.
O alumnado puido achegarse para descubrir contos, álbums e novelas que nos fan tremer… pero tamén sorrir!
Aquí vos deixamos un pequeno vídeo para que poidades ver como quedou a exposición.
As cabazas máis orixinais e os disfraces máis divertidos están a piques de despegar dende o Agro do Muíño.
O alumnado de Educación Infantil celebrou o Día das Bibliotecas Escolares visitando a nosa querida AgroBiblio, un espazo cheo de contos, cores e ilusión.
Foi unha mañá chea de sorrisos, descubrimentos e moita maxia arredor dos libros.
PREME NA IMAXE
O 24 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas Escolares, unha data moi especial para toda a comunidade educativa… e na Agrobiblio quixemos vivila dun xeito moi significativo: inaugurando oficialmente a nosa biblioteca escolar!
Con esta inauguración simbólica dámoslle comezo a un novo curso cheo de lecturas, proxectos e ilusións compartidas. Ademais, aproveitamos a ocasión para poñer en marcha as nosas queridas Mochilas viaxeiras.
Cada aula escolleu un representante, que acudiu á biblioteca para recoller a mochila correspondente ao seu curso e levala de volta á clase. Así comeza unha nova viaxe chea de contos, aventuras e emocións que pasarán de familia en familia, fomentando a lectura compartida e o gusto polos libros no fogar.
A nosa biblioteca énchese de vida, historias e novas viaxes lectoras que comezan a súa andaina.
PREME MA IMAXE
Cando a auga se desborda: aprendemos a previr inundacións con Augas de Galicia… en Agrobiblio
A rapazada de 6º aprendeu con Augas de Galicia como previr inundacións e coidar o medio que nos rodea, nunha sesión moi especial realizada en Agrobiblio. O alumnado mergullouse no fascinante mundo da prevención das inundacións, aprendendo entre vídeos, experimentos e moita ciencia divertida, e todo isto sen saír da biblioteca.
O pasado luns 20 de outubro, o alumnado de 6º de Primaria participou nuns obradoiros sobre prevención de inundacións, organizados por Augas de Galicia. A actividade foi moi interesante e chea de aprendizaxes, convertendo Agrobiblio nun pequeno laboratorio científico.
A través de vídeos e imaxes reais, a rapazada descubriu que é unha inundación, como se produce e cal é o seu impacto no medio ambiente e nas persoas. Ademais, puideron analizar exemplos recentes, o que lles fixo reflexionar sobre a importancia de coidar os ríos e o seu contorno natural.
A parte máis práctica chegou cos experimentos. En Agrobiblio, e coa axuda de voluntarios e materiais sinxelos, observaron como a vexetación das ribeiras pode frear a forza da auga e protexer as edificacións. Tamén aprenderon como actuar en caso dunha inundación, comprendendo que a prevención é a mellor defensa fronte a estes desastres naturais.
Ademais, Augas de Galicia realiza ao longo do ano diferentes talleres de prevención co obxectivo de informar sobre os riscos e concienciar sobre as medidas de actuación. Estas accións inclúen a limpeza de cauces, a elaboración de plans de emerxencia como o Plan Inungal e a promoción de solucións baseadas na natureza, como as áreas de inundación controlada.
Non perdas o vídeo da actividade. Nel poderás ver como a ciencia e o coidado do medio ambiente poden ir da man para construír un futuro máis seguro e sostible, e como Agrobiblio continúa a ser un espazo vivo de aprendizaxe e experimentación.
PREME NA IMAXE
A Agrobiblio acolleu unha nova proposta ambiental moi interesante: uns obradoiros sobre as plantas invasoras en Galicia, nos que o alumnado de 4º e 5º de Primaria aprendeu a recoñecer estas especies e a comprender o seu impacto na natureza.
A actividade estivo organizada pola asociación AMABUL dentro do programa Aula Ambiental Ulla+25, e combinou ciencia, aprendizaxe e diversión.
As invasoras tamén teñen o seu aquel!
A rapazada de 4º e 5º de Primaria participou nestes días nuns obradoiros moi especiais sobre as plantas invasoras en Galicia, organizados pola asociación AMABUL dentro do programa Aula Ambiental Ulla+25.
Os obradoiros comezaron cunha visita guiada pola exposición “Wood Wide Web”, onde puideron descubrir os segredos do bosque e como as árbores se comunican entre si (si, si, falan... á súa maneira!). Despois, a diversión continuou con xogos adaptados á súa idade, para aprender de forma lúdica e participativa por que é tan importante coñecer as plantas invasoras que temos tan preto.
FALADOIRO: VERA ASTRONAUTA
Carmen, a madriña de Jose, veu a contarnos "Vera astronauta" unha nena superbrillante que é admitida na Gran Academia Espacail, pero hai algúns compañeiros que pensan que unha nena non debería ser astronauta e fan todo o posible para impedirllo pero, ao final, Vera consígueo.
Un conto que empodera os soños das nenas.
Moitas grazas pola túa colaboración.
PREME NA IMAXE
Durante unha semana, o alumnado do colexio participou na formación de usuarios e usuarias da Agrobiblio, unha actividade pensada para coñecer mellor o funcionamento da nosa biblioteca escolar e aprender a gozar dela con responsabilidade.
Da man de Leopoldo e Lea, as nosas mascotas lectoras, descubrimos todo o que a Agrobiblio nos ofrece: os espazos de lectura e creación, o sistema de préstamo e devolución de libros, o uso do carné virtual, as normas básicas de comportamento e os servizos especiais, como a Nave dos Contos, a Mochila viaxeira, a Radio Agro Onda ou o proxecto anual Agronautas en órbita.
O alumnado tamén aprendeu a recoñecer as sinaturas e pegatinas dos libros, a distinguir as distintas seccións da biblioteca (literatura, consulta, banda deseñada, poesía, teatro, inglés, novidades…) e a manexar o material con coidado, colaborando para manter a biblioteca ordenada, acolledora e viva.
Esta actividade é fundamental para fomentar a autonomía lectora, o uso responsable dos recursos comúns e o sentimento de pertenza á nosa biblioteca, que cada curso se enche de novas historias, lecturas e soños compartidos.
Agora que xa coñecemos mellor a nosa Agrobiblio… toca ler, investigar e seguir desfrutando deste espazo tan especial!
5ºC crea carteis para protexer a Terra: creatividade ao servizo do planeta
O alumnado de 5ºC estivo a traballar nun proxecto moi especial: a creación de carteis publicitarios para protexer a Terra. A través desta actividade, o grupo reflexionou sobre os problemas ambientais que nos afectan e sobre a importancia de coidar o planeta coas accións cotiás de todas as persoas.
Primeiro, analizamos distintos exemplos de carteis publicitarios: que mensaxes transmiten, que elementos visuais empregan, como captan a atención e como animan á acción. A partir destas ideas, cada alumna e alumno escolleu unha temática relacionada coa protección do medio ambiente: aforro de auga, reciclaxe, redución de residuos, coidado da natureza, contaminación ou o respecto polo planeta.
A continuación, puxéronse mans á obra para elaborar os seus propios carteis reivindicativos e creativos, combinando mensaxes claras e potentes con debuxos, cores e composicións visuais capaces de chamar a atención e facer pensar.
O resultado foi unha colección de carteis chea de personalidade e de ideas transformadoras, que demostra que a mocidade ten moito que dicir cando se trata de defender o futuro do noso planeta.
Parabéns ao alumnado de 5ºC polo gran traballo realizado!
PREME NA IMAXE
FALADOIRO: SEGURIDADE VIAL CON ALEJANDRO
Alejandro, o papá de Ana, veu a falarnos da importancia da Seguridade Vial que implica cruzar a rúa polos pasos de peóns, mirar a ambos lados antes de cruzar, esperar o semáforo en verde, ir sentados na silla co cinturón, poñer casco para ir en bici...Para ver si aprenderamos todo ben, ao final, fixemos un circuito!!!
Moitas grazas pola túa colaboración.
PREME NA IMAXE
Este curso o noso cole lánzase a unha nova aventura co proxecto interdisciplinar “Agronautas en órbita”, no que exploraremos o espazo, os planetas e o universo.
Dende a biblioteca queremos poñer en marcha de novo a actividade Faladoiros no Muíño, un espazo moi especial no que as familias podedes achegarvos ao centro, en horario lectivo, para compartir experiencias, saberes ou historias co alumnado.
Podedes falar dunha vivencia persoal, facer unha demostración, contar unha lenda, explicar unha curiosidade científica... O importante é compartir ilusión, aprendizaxes e momentos en común.
Ao longo desta semana o alumnado levará para casa unha carta informativa coa que poderedes anotar o voso nome e teléfono se queredes participar.
Grazas por ser parte desta viaxe polo coñecemento e pola palabra compartida!
Sabías que...
Os fungos axudan a limpar o solo e a descompoñer restos orgánicos, converténdoos en nutrientes para as plantas.
Moitos cogomelos crean redes subterráneas que conectan as raíces das árbores, permitindo que compartan auga e minerais entre elas (é o que se coñece como a Wood Wide Web!).
Ademais, colaboran a reter carbono e así axudan a frear o cambio climático.
Durante a xornada, o alumnado participou nunha visita guiada pola exposición “Wood Wide Web” e xogou a divertidos xogos adaptados ás diferentes idades, nos que aprenderon de maneira lúdica a importancia ecolóxica dos fungos.
Foron momentos de diversión, aprendizaxe e natureza, nos que tanto os pequenos como as pequenas descubriron que, aínda que ás veces pasen desapercibidos, os cogomelos son auténticos heroes do bosque
Estes obradoiros contaron coa financiación da Deputación da Coruña, e deixáronnos con ganas de seguir explorando os segredos que agocha o noso entorno natural.
Grazas, AMABUL e Miriam, por axudarnos a mirar o monte con outros ollos... e por ensinarnos que coidar o medio ambiente tamén pode ser moi divertido!
Se clicades na seguinte imaxe, poderedes ver un vídeo de como desfrutou a nosa rapazada durante esta experiencia micolóxica!
Un mes de lecturas sostibles para o alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria dentro do noso proxecto interdisciplinar Agronautas en órbita.
Durante o mes de outubro, a nosa biblioteca contou co préstamo da Maleta Climática: Muda o clima, mudemos nós, un recurso educativo cedido polo CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) dentro do programa Por unha Transición Ecolóxica, co apoio da Deputación da Coruña.
Esta maleta, composta por unha selección de libros informativos e álbums ilustrados, permitiu ao alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria achegarse dun xeito atractivo e reflexivo á emerxencia climática, comprendendo as causas e consecuencias do cambio climático, así como as pequenas accións que todos e todas podemos realizar para coidar o noso planeta.
A actividade encaixa á perfección co noso proxecto interdisciplinar “Agronautas en órbita”, no que aprendemos que a Terra é o noso fogar e que non hai planeta B. Por iso, ler, reflexionar e actuar son pasos imprescindibles para garantir un futuro sostible e saudable para todos os seres vivos.
A Maleta Climática apoia varios Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030, como o número 7 (Enerxía asequible e non contaminante), o 11 (Cidades e comunidades sostibles), o 12 (Produción e consumo responsables) e o 13 (Acción polo clima).
Un mes de lecturas para pensar, coidar e transformar o mundo dende a nosa biblioteca.
A MALETA CEIDA NAS AULAS
PREME NA IMAXE