Páginas

Páginas

venres, 7 de novembro de 2025

5ºB en acción polo Mes da Ciencia en Galego

 Ao longo de novembro —Mes da Ciencia en Galego— o alumnado de 5ºB converteuse en auténtico equipo de divulgación científica. Como parte das tarefas do PLEA, e co obxectivo de achegar a ciencia á comunidade educativa, realizaron unha serie de carteis informativos que encheron de cor e coñecemento a nosa biblioteca e os corredores do cole.

Os carteis abranguían distintos formatos e intencións comunicativas:
-Biografías de científicas e científicos galegos/as, para dar visibilidade ao seu traballo e ás súas achegas.
-Presentacións de experimentos, explicando materiais, pasos e descubrimentos.
-Invitacións a eventos científicos, animando ao resto do alumnado a participar e a despertar a súa curiosidade.
-Textos divulgativos sobre temas científicos, adaptados á linguaxe escolar e pensados para que calquera nena ou neno puidese entendelos.

Esta exposición espontánea e creativa transformou o centro nun pequeno museo científico, facendo que todo o alumnado puidera aprender, preguntar e sorprenderse ao pasar polos corredores.

A iniciativa encaixa plenamente co espírito do Plano Lector (PLEA), que promove a lectura en múltiples formatos, o pensamento crítico e a comunicación efectiva. Nesta ocasión, a lectura non só estivo nos libros, senón tamén nas paredes: a ciencia fíxose visible, cercana e en galego.

Grazas ao alumnado de 5ºB por compartir coñecemento e por demostrar que a divulgación científica tamén pode nacer desde as aulas do noso cole.