Páginas

Páginas

venres, 13 de marzo de 2026

PEQUENOS XORNALISTAS EN ACCIÓN

 Durante a Semana da Prensa, o alumnado de Educación Infantil tamén se achegou ao mundo dos xornais a través de diferentes propostas lúdicas e creativas.

Primeiro coñeceron o conto Un homiño de papel, unha historia que lles permitiu descubrir todo o que pode agochar unha simple folla de papel. Despois, convertéronse en pequenos xornalistas elaborando os seus propios xornais con debuxos, palabras e moita imaxinación.

Ademais, aproveitaron o papel de xornal para xogar e crear diferentes figuras, como avións, pelotas e outras formas, demostrando que o papel tamén pode transformarse en diversión e aprendizaxe.

PREME NA IMAXE



XORNALISTAS POR UN DÍA 2º A

 

Hoxe na aula celebramos a Semana da Prensa dun xeito moi especial. Convertémonos en auténticos expertos e expertas en comunicación analizando o xornal de arriba a abaixo.

A través dun collage creativo fomos debullando cada noticia para identificar as súas partes:

  • a data,

  • o nome do periódico,

  • o titular,

  • a foto e o seu pé de imaxe.

Lemos, recortamos, pegamos e, sobre todo, aprendemos a mirar a actualidade con ollos críticos. Pasámolo de marabilla descubrindo que hai detrás de cada páxina.

PREME NA IMAXE



Semana da Prensa 2026

A semana do 9 ao 13 de marzo conmemoramos a SEMANA DA PRENSA NA ESCOLA coa finalidade de reivindicar que os xornais son unha fiestra aberta ao mundo onde se informa de todo tipo de acontecementos.


Así, ao longo da semana, en tódalas aulas traballouse cos xornais realizando diversas actividades, tales como:

  • selección de noticias relacionadas co universo para a elaboración do mural do centro,

  • creación de noticias,

  • ilustración de noticias do xornal,

  • xogos con papel de xornal: encestar, papiroflexia...

Deste xeito, o alumnado puido achegarse ao mundo da información, descubrir como se constrúen as noticias e desenvolver unha mirada máis crítica e curiosa cara ao que acontece ao noso redor.


xoves, 12 de marzo de 2026

PITIÑOS DE LA NA BIBLIOTECA CREATIVA

 Onte vivimos unha xornada moi especial na biblioteca. Da man de Teresa, avoa de Antón e de Lois, o alumnado puido achegarse ao mundo da la e descubrir como, con paciencia e habilidade, os fíos poden transformarse en pequenas creacións cheas de vida.

Durante o obradoiro comezamos a elaborar uns simpáticos pitiños de la a partir de pompons. Ademais de crear, compartimos tempo, saberes e experiencias entre xeracións.

Esta actividade forma parte do programa Biblioteca Creativa, no que seguimos explorando novas formas de aprender, crear e compartir.

PREME NA IMAXE



venres, 6 de marzo de 2026

LECTURAS PARA DESCUBRIR MULLERES QUE FIXERON HISTORIA

 Con motivo do Día Internacional da Muller, na biblioteca organizamos unha pequena exposición de libros dedicada a visibilizar o papel das mulleres en diferentes ámbitos da sociedade.

Nesta selección pódense atopar obras que achegan ao alumnado ás historias de mulleres destacadas na ciencia, na literatura, na arte, no deporte ou na defensa dos dereitos, entre outros campos profesionais. A mostra estará dispoñible na biblioteca para que o alumnado poida achegarse a estas lecturas, descubrir novos referentes e coñecer mellor as súas achegas.

Unha invitación a ler, investigar e seguir descubrindo mulleres que, co seu traballo e talento, contribuíron e seguen contribuíndo a transformar o mundo.

UNHA CONSTELACIÓN DE MULLERES PARA O 8M

 Con motivo do Día Internacional da Muller, desde o equipo da biblioteca quixemos destacar o papel das mulleres na ciencia e na exploración do universo. Aproveitando o noso proxecto Agronautas en órbita, elaboramos unha pequena Constelación de Mulleres formada por científicas vinculadas á astronomía e aos proxectos espaciais.

Entre elas están as astrónomas galegas Josefina Ling, Ana Ulla e Minia Manteiga, investigadoras relacionadas coa misión Gaia da Axencia Espacial Europea, que está a elaborar o mapa máis preciso da nosa galaxia.

Xunto a elas tamén aparecen outras profesionais do ámbito aeroespacial, como Begoña Vila ou Xunqueira Ézara, que co seu traballo contribúen a ampliar o coñecemento do cosmos.

Un pequeno recoñecemento para lembrar que tamén hai mulleres que axudan a descubrir o universo.

martes, 3 de marzo de 2026

COMEZA O GRAN TORNEO DE XADREZ

 Hoxe comezou na biblioteca o noso torneo de xadrez, no que participan numerosos alumnos e alumnas do centro. Antes de iniciar as partidas, explicouse o decálogo do torneo e lembráronse as normas básicas para xogar con respecto, paciencia e deportividade.

Unha vez preparado todo, comezaron as primeiras partidas, nas que xa se puideron ver grandes xogadas, concentración e moitas ganas de participar. O torneo continuará nos vindeiros días ata coñecer quen avanzará nas seguintes roldas.


PREME NA IMAXE